Os istiofóridos (Istiophoridae) son unha familia de peixes perciformes coñecidos vulgarmente como marlíns e peixes vela. Nas especies desta familia os ósos nasais da mandíbula superior prolónganse formando unha "lanza" ou "arpón" longo e de sección redonda. A aleta dorsal, alongada e ríxida, proxéctase cara arriba en forma de crista ou penacho. Son depredadores activos e voraces que utilizan o "pico" estendido para atacar e marear as súas presas, xeralmente peixes e cefalópodos. Son peixes óseos grandes e comestibles, aínda que non moi valorados gastronomicamente, e que poden acadar un peso máximo duns 630 quilogramos. As especies desta familia son moi apreciadas na pesca deportiva, non só debido ao seu tamaño e velocidade de nado, senón tamén por ser duros loitadores que combinan rápidos nados subacuáticos con vistosos saltos para conseguir soltarse da liña de pesca. Están relativamente emparentados co peixe espada e viven na maior parte dos mares cálidos e temperados. O marlín negro, Istiompax indica, é unha especie común no Pacífico. O marlín branco, Tetrapturus albidus, peixe popular na pesca deportiva no Atlántico, xunto co marlín do Mediterráneo, Tetrapturus belone, son as especies presentes no Mediterráneo. Os peixes vela, Istiophorus albicans e Istiophorus platypterus, diferéncianse pola súa aleta dorsal de maior tamaño. As especies do xénero Kajikia e o marlín azul, Makaira nigricans, están consideradas especies vulnerables de extinción debido á sobrepesca.
Clasificación Xéneros e especies da familia Istiophoridae
Xénero Istiompax I. indica Xénero Istiophorus I. albicans Istiophorus platypterus Xénero Kajikia K. albida K. audax Xénero Makaira M. mazase M. nigricans Xénero Tetrapturus T. albidus T. angustirostris T. audax T. belone T. georgii T.pfluegeri
Notas
Véxase tamén
Categoría:Perciformes