Mazarelos é unha publicación periódica de carácter cuadrimestral de contidos divulgativos sobre historia e cultura. O seu nome vén da proximidade da praza de Mazarelos coa Facultade de Xeografía e Historia, lugar de encontro entre a academia e o ocio. O primeiro número saíu do prelo en xaneiro de 2020 logo dunha campaña de micromecenado. Desde aquela o obxectivo principal da publicación foi combinar nas súas páxinas o rigor científico e académico coa linguaxe divulgativa e amena que permita facer chegar os contidos ao público tanto especializado como xeral. Historia En 2019 tres estudantes recentemente graduados en Historia pola USC decidiron abrir unha revista dixital de historia e cultura: Mazarelos.gal. Naceu con vontade de ser un espazo para que novas e novos historiadores puidesen compartir algún artigo do seu interese cun público amplo. Na actualidade conta con máis de 200 textos de 60 colaboradoras e colaboradores diferentes entre artigos, entrevistas, reportaxes e editoriais.

A experiencia da plataforma web animou ao grupo impulsor ao lanzamento dunha revista en papel. En outubro de 2019 anunciaron o inicio dunha campaña de micromecenado co obxectivo de recadar os suficientes cartos para financiar o primeiro número. Finalmente superáronse as expectativas, conseguindo o 121% do necesario grazas a 110 persoas cofinanciadoras. Como recoñecemento ao seu altruísmo, na contraportada do primeiro número da revista apareceron os nomes de todas as persoas que contribuíron.

O 16 de xaneiro de 2020, mesmo día no que nacera un ano antes Mazarelos.gal, a revista en papel foi presentada no Salón de Actos da Facultade de Filosofía (sita na compostelá praza de Mazarelos). Neste acto, con decenas de asistentes, interviron o catedrático de Historia Contemporánea Lourenzo Fernández Prieto, a profesora de Historia Antiga Ana María Suárez Piñeiro, o secretario xeral de Política Lingüística Valentín García Gómez e o editor da revista Miguel Rodríguez Martínez. A esa presentación seguiron outras en Ferrol, Ribadavia e A Coruña, xira interrompida pola pandemia da COVID-19.

Desde ese momento, a revista sae 3 veces ao ano, A maioría delas contaron con novas presentacións en máis lugares do país. A continuación amósase unha listaxe das presentacións dos restantes números:

Número 2: presentado en Santiago de Compostela e Ferrol. Número 3: presentado en liña por mor da pandemia. Número 4: presentado en liña por mor da pandemia. Número 5: presentado en Betanzos. Número 6: presentado en Allariz. Número 8: presentado en Lugo. Número 10: presentado en Caamouco (Ares). Número 11: presentando nas Chaves do Couto (Meaus, concello de Baltar) e na Coruña. Número 12: presentado en Taboada. Número 13: presentado en Vigo.

Mazarelos Sociedade Cooperativa Galega Xuvenil é quen se encarga de editar a publicación. Naceu en marzo do 2021, cando os impulsores da revista decidiron abrir unha cooperativa homónima co obxectivo de estabilizar o proxecto e manter a súa continuidade no tempo. Esta está dedicada a investigación e asesoramento histórico, comunicación e divulgación, proxectos audiovisuais, sector educativo e formativo e descrición e catalogación arquivística. Algúns dos seus principais proxectos son:

Baixa á praza (2021-2023): ciclo de entrevistas multimedia con especialistas sobre unha temática relacionada coas ciencias sociais (literatura, historia, arte, patrimonio…) de Galicia. Por exemplo, participaron: Xosé Manoel Núñez Seixas, Ofelia Rey Castelao, Susana Sanches Aríns ou Valerià Paül Carril. Loitar saben (2022): Serie documental de historia de xénero centrado en dúas experiencias: o traballo doméstico público e privado das mulleres de Fisterra, e a creación dun equipo de fútbol feminino nos anos 80 en Loiba (Ortigueira). O Reino no mapa (2023): Proxecto cartográfico para divulgar contidos relacionados coa historia medieval do Reino de Galiza.

Características e estrutura A revista Mazarelos sae 3 veces ao ano. A súa extensión alcanzou unha media de 90 páxinas nos primeiros números, mentres que na actualidade esa cifra sitúase nas 75 páxinas. Cada certos meses anúnciase a apertura da convocatoria para recibir propostas de artigos para publicar na revista. Estes teñen que estar inscritos tematicamente na Historia, nas Ciencias Sociais, nas Humanidades ou na cultura en sentido amplo. Todos os textos publícanse en galego e poden enviarse tanto na norma RAG como na AGAL. Ademais, todos os textos deben ser inéditos. Con respecto ao formato, o máis común son artigos de investigación ou divulgación, mais tamén admite poemas, recensións de libros e reportaxes de actualidade. Todas as propostas deben cumprir coas normas de publicación da revista.

En canto ao sistema de avaliación, primeiro pasa un filtro editorial e logo é enviado a pares cegos externos. Posteriormente o equipo editorial recibe a proposta final, lévase a corrección ortográfica e maquetado. Este último proceso é compartido co autor para o visto e prace e publicación.

Todos os números están dispoñibles tanto en papel como na hemeroteca dixital de Mazarelos. O seu prezo de venda ao público é de 9€.

A publicación adoita manter unha estrutura en canto á presentación dos seus contidos:

Capa. Todos os números están encabezados pola obra dunha artista galega. No primeiro número foi unha fotografía, e nos seguintes unha ilustración. Editorial. Ao abrir a revista é o primeiro que aparece. Trátase dun breve texto de poucos parágrafos nos cales se reflexiona sobre algún tema en concreto relacionado coa Historia, sexa de actualidade ou non. Convidada/o. O primeiro artigo escríbeo unha convidada ou convidado seleccionado polo equipo editorial por considerar de interese as súas liñas de investigación. Persoeiro. Nalgúns números tamén ocupa os primeiros postos un artigo dedicado a algunha persoa que fixese algunha contribución á cultura galega pero que non tivo unha repercusión demasiado notable. Artigos centrais. O corpo central da revista está constituído por artigos de investigación, divulgación ou reportaxes enviados por persoas interesadas en publicar na revista. Adoitan publicarse 4 ou 5 artigos por número. Entrevista. En cada número publícase en penúltimo lugar unha conversa entre dúas persoas. O que pretende a publicación é ofrecer ás lectoras e lectores unha conversa na cal, a partir dunha pregunta, as dúas persoas poidan dialogar, interrumpirse e incluso preguntarse cuestións entre elas. Adoitan ser persoas relevantes do mundo da cultura ou da universidade. Artigo sobre unha asociación. Para pechar cada revista convídase a unha persoa dalgunha asociación ou entidade que se considere de interese para escribir un artigo contando a historia e a actividade actual da agrupación.

Números publicados

+NúmeroPortadaÍndice dos artigos1 (xaneiro 2020)Iago CrespoTrens que se cruzan na noite ou o Xano bifronte? Sobre o diálogo entre a Historia e a Ciencias Sociais – Zira Box

Lembrando a Daníel García Ramos, Pioneiro na normalización lingüística do galego na xustiza – Miguel Rodríguez Martínez

As labregas nos conflitos do rural da primeira metade do século XX – Lucía Veciño Souto

Castelao en Fene? Apuntes sobre o galeguismo local – Roque Sanfiz Arias

A «fronte interior» na comarca do Ribeiro (1936-1937). Un aporte sobre as represalias económicas na vila de Ribadavia – Mateo Martínez Torres

Rapadas, humilladas e prisioneiras: a represión cara a muller durante o primeiro franquismo – Sara Penide de la Torre

40 anos das eleccións municipais do 3 de Abril: algunhas reflexións e varias tarefas pendentes – Brais Ferreiro Ares

O palacio da encomenda de Beade. Vestixios do esplendor vitivinícola – Lucas Sánchez Taboada

Señores e serventes no Museo Pazo de Tor – Clara Reigosa Lombao

Entrevista a Miguel Anxo Seixas Seoane e Lourenzo Fernández Prieto2 (maio 2020)Andrea RivasHistória da Ditadura: uma experiência de divulgação do conhecimento histórico – Paulo Cesar Gomes Enriqueta Otero Blanco. De mestra a guerrilleira antifranquista – María Núñez Cobas

Poñendo os pés na terra. Sobre o diálogo entre a Historia e a Psicoloxía social – Daniel Balinhas

Arquitectura e militancias aquén e alén: a imaxe de Galiza e modernidade en Caridad Mateo e Gómez Román – Santiago Rodríguez Caramés

Unha estudantina pasada por auga. A Compostela de Pérez Lugín – Jose Manuel Suárez García

Rescatando a memoria dun artista clave: o prateiro compostelán Ricardo Martínez Costoya (1859-1927) – Ana Pérez Varela

Derivé pública na praxe artística de Nicolás Combarro – Jorge Viz González

Conversa con Diana Pelaz Flores e Jose Miguel Andrade Cernadas

De fouce e agulla – Andrea Rivas Fiel3 (novembro 2020)Xosé PoldrasA Cátedra de Cultura Galega ‘Xosé Neira Vilas’ da Universidade da Habana. Trinta anos tecendo redes entre as dúas beiras do Atlántico – Arantxa Fernández Crespo Sofía Casanova. Correspondente galega en cinco guerras do século XX – Eila Rodríguez Filgueiras

Radicalismo ou extremismo? Ás cousas polo seu nome – Marcos Dono Martín

Cartas, ondas e pedras. A Igrexa Católica na República Dominicana durante a ditadura e a transición democrática (1954-63) – Adrián Feijoo Sánchez

A performance falanxista. O culto a Santiago e a crónica de Urbano Tavares Rodrigues – Emilio P. Cancelo

As olladas do rexionalismo crítico. Identidades arquitectónicas nas periferias peninsulares (1960-90) – Santiago Rodríguez Caramés

GaliPIXEL. Notas sobre a industria e a cultura dos videoxogos en Galicia – Jose Carlos García Vega

Conversa con Manuel Gago e Miguel Ángel Cajigal

Poema da desolación – Francisco Álvarez Koki4 (febreiro 2021)Lidia Cao“No queda nación que aquí no venga”. Unha ollada á Galicia medieval dende a outra beira do Atlántico – Simon Doubleday Se o mar tivese varandas… Os galegos do Brasil: tres historias de vida – David Fontán Bestilleiro

Mulleres e sindicalismo na Galicia da Restauración (1874-1923) – Arturo Real López

Álvaro Cunqueiro e Manuel Fraga na ‘diplomacia céltica’ do desarrollismo (1961-69) – Carlos Calvo Varela

As novas voces da música en galego: DIY, precariedades e autoxestión – Marina González

Somos o que comemos? Industria cárnica, superporcos e identidade en Okja, de Bong Joonho – Teresa Moreno Olmeda

Conversa con Ana Cabana Iglesia e Alba Díaz Geada

Obaixoulla.gal. Asociacionismo, patrimonio e cultura do software libre – Lucía Santiago Sanmiguel e Alberto Permuy Leal5 (xuño 2021)Susana SuniagaEx oriente lux. Arqueoloxía no berce da civilización – Juan Luís Montero Fenollós María Antonia Dans. Pés de foto como poemas – Lois Alcayde Dans

A vangarda na poesía galega do século XX. Notas sobre algúns poemas de Cunqueiro e Pessoa – Marcos Filgueiras Allegue

Entre a devastación e a restauración. A diocese de Tui entre os séculos X e XII – Carlos Quivén Sánchez

Que pasaría se en lugar dun home houbese unha muller? – Sofía Gutiérrez Pereira e Pablo Sarmiento-Neira

A responsabilidade legal de España co Sáhara Occidental. O novo escenario do conflito dende o dereito internacional – Claudia Orosia Galego Sisto

Traducindo as loitas das mulleres. A nosa negra de Harriet E. Wildon – Benita Sampedro Vizcaya

Conversa con Paula Carballeira e Xurxo Souto

A reivindicación do Pasatempo e a historiografía betanceira – Ángel Arcay Barral, Adrián Feijóo Sánchez e Daniel Lucas Teijeiro Mosquera6 (outubro 2021)Lucía EscrigasSilvano en Asunción. Unha memoria do real e do irreal – Philip Duncan Webb Entre gubias e labras: O escultor Luis Ferreiro Peinó no seu centenario – Xoán Luis Ferreiro Carballido, Brais Ferreiro Ares

Necrópoles altomedievais galegas: Unha análise arqueolóxica (séculos VI-XI) – Martín Pérez Vale

As covas do Monte Galiñeiro: Unha interpretación do patrimonio inmaterial – Carlos Xabier Ares Pérez

Auxe e caída da morde (do outro) – José Manuel Suárez García

Os camiños do exilio español. Do golpe de estado de 1936 aos campos de concentración europeos – Alba Garrido Fernández