Este é un artigo sobre o poeta clásico. Para o pintor, véxase Virxilio Fernández

Publio Virxilio Marón, en latín Publius Vergilius Maro, nado en Pietole o 15 de outubro do 70 a. C. e finado en Bríndisi o 21 de setembro do 19 a. C., foi un poeta latino, considerado o maior poeta da Roma Antiga e do Imperio Romano.

Traxectoria A biografía tradicional de Virxilio considérase que depende dunha obra perdida de Varius, editor de Virxilio, que foi incluída nunha biografía por Suetonio, e dos comentarios de Servius e Donatus. Aínda que non hai dúbida de que nestes comentarios existe moita información real sobre Virxilio, algunha das circunstancias vitais son inferencias feitas a partir da súa poesía e alegoría. Por este motivo, a biografía tradicional de Virxilio resulta problemática.Don Fowler "Virgil (Publius Vergilius Maro)" en The Oxford Classical Dictionary, (3.ed. 1996, Oxford), páx. 1602

Virxilio naceu en Andes, localidade identificada tradicional, co actual lugar de Virgilio, en Pietole, ao pé de Mantua. A análise do seu nome leva a pensar que descendía de colonos romanos. Macrobius indica que o pai de Virxilio era de clase humilde, mais os estudosos xeralmente cren que procedía dunha familia aristocrática que puido ofrecerlle educación. Pasou os seus primeiros anos na súa localidade natal, mais ao chegar á adolescencia marchou para completar a súa formación. Estudou primeiro en Cremona até os dezasete anos; o 15 de outubro de 699 da fundación de Roma vestiu a toga viril e foi a Milán, a continuar os seus estudos. Un ano despois atopámolo en Nápoles adicado ao pleno coñecemento dos autores gregos, especialmente de Homero, Teócrito de Siracusa e Hesíodo, os cales soubo asimilar correctamente, tal como se pode ver nas súas obras. Tamén estudou algo de medicina, cosmoloxía, matemáticas e filosofía.

Na crónica de Eusebio dise que Virxilio foi a Roma despois de estar en Milán, extremo que é obxecto de discusión entre os biógrafos virxilianos e que non foi esclarecido aínda. Na capital rematou a formación en retórica e coñeceu importantes expoñentes da política e da literatura como Cornelio Galo, Alfeno Varo e Asinio Polión, introducíndose no círculo dos poetae novi. A esta época pertencen as súas primeiras composicións poéticas.Ancient Literature and Language

O que si que está plenamente claro é que no ano 705 da fundación de Roma volveu ás súas terras de Mantua, onde posuía a modesta herdanza paterna, que coidaba e administraba. A vida do campo era o seu encanto e máis firme afección.

A taciturnidade, a observación continuada, a testalana reflexión, a memoria tenaz e a bondade e sinceridade eran as notas distintivas do seu carácter. Os seus biógrafos preséntannolo "corpore et statura grandi, aquilo colore, varia valetudino, facie rusticana", mentres outros o comparan a un Apolo, "de branca cara, cabelo louro, corpo esvelto e delicado, voz sonora e maneiras finísimas". Entre estas dúas descricións opostas non sería desacertado decantarse por unha media. Da súa afección á vida campesiña orixináronse os seus dez poemas bucólicos denominados Églogas, verdadeiro tesouro de poesía campesiña, que sen ser absolutamente orixinal, é un verdadeiro primor artístico e literario. miniatura|Clásicos en Galego 9. Poesía bucólica latina, de Virxilio, Calpurnio, Nemesiano etc. Deixando de lado as carreiras de retórica, medicina e astronomía, retirouse a Nápoles, a onde chegou en 48 a.C. Nesta cidade fíxose, xunto con Filodemo de Gádara, discípulo do filósofo epicúreo Sirón (de quen foi mesmo amante). Por resonancia do seu cognomen coa palabra latina virgo foi alcumado Parthenias (en grego virxe).

Naquel tempo comezou a guerra civil tralo asasinato de Xulio César, que tamén afectou moi directamente a Virxilio, quen ata viu en perigo as súas posesións, a causa da súa amizade con Octavio antes que se convertese en Augusto. Caio Asinio Polión era legado do triunviro Marco Antonio, e en nome deste gobernaba a rexión de Mantua en 713 (de Roma) cando foron repartidas as terras da rexión entre os soldados de Octavio. A facenda paterna de Virxilio tocou en sorte a un centurión chamado Arrio, e ao verse o poeta desposuído do seu fogar e patrimonio, valeuse da súa amizade con Asinio Polión, e da que o unía con Cornelius Gal, para que Octavio Augusto devolvese a Virxilio a súa herdaza paterna. O César satisfixo os desexos dos amigos do poeta e nomeou a Alfeni Var gobernador da Galia Transpadana, onde radicaban as terras de Virxilio. O novo gobernador fora compañeiro do poeta na escola de filosofía Siro, e esforzouse por satisfacer os desexos do seu amigo, pero a soldadesca volveu apoderarse da leira de Virxilio, e este viuse non soamente desposuído novamente, senón que estivo a piques de morrer vítima da rapacide dos soldados, tendo que pasar nadando o río Minci para salvar a vida.

Naquel tempo, Virxilio tiña xa escrito algunha das súas famosas églogas, e os seus amigos aconselláronlle que fose para Roma implorar a clemencia de Augusto. Tanto este como o seu ministro e privado Mecenas acolleron con coidado o poeta, e non soamente lle foron devoltas as súas posesións, senón que mesmo se lle outorgou unha alta indemnización pecuniaria. En dúas das súas mellores églogas, Virxilio agradece a liberdade dos seus egrexios favorecedores e lamenta de paso os infortunios dos seus compatriotas. Virxilio pasou a residir nunha casa do barrio Esquilino de Roma, moi próxima aos xardíns de Mecenas. Alá reuniu unha escollida biblioteca, e viviu constituído no poeta áulico por excelencia.

A corte de Augusto compracíase de verse rodeada e celebrada polos mellores enxeños das letras latinas. Virxilio compartía con Horacio o favor de Mecenas, e non é de marabillar que ao escribir o seu primeiro poema, a Eneida, e ao cantar a xenealoxía da familia de Octavio Augusto tecera unha coroa de encomios e vaticinios tan gratos como hiperbólicos en prol da familia imperial reinante. Dise que ao ler no fogar de Augusto o canto en que Virxilio fai desfilar os heroes e sucesores da familia Octavia, ao describir o chegada do mozo Marcel (morte na flor dos seus anos), e declamar aquel Tu Marcellus eris, tan famoso nos gratos vaticinios, o emperador chorou de emoción e regalou ao poeta unha enorme suma de sestercios.

Ademais de Horacio, Virxilio foi bo amigo de Tibulo, Propercio, Agripa, Mesala e Polió. Gañou unha popularidade atronadora e rodeouno unha atmosfera de afecto e veneración non igualada en ningunha época anterior e posterior. Modelo de candor, de sinceridade, de gratitude e de benevolencia con todo o mundo, Virxilio logrou ser o verdadeiro modelo e prototipo do home perfecto e exemplar, dentro da cosmogonía pagá. O seu amor ao estudo foi considerable, e aínda máis foi o seu traballo e o coidado con que corrixía e emendaba cen veces, se era mester, os seus versos. En todas as súas obras obsérvase o coidado e cordura con que o poeta se esforza en deixar para a posteridade obras que resistisen os embates do tempo.

Aos trinta e catro anos retirouse en Nápoles, para dedicarse a escribir o seu poema xeopónico As Xeorxianas, que compuxo por consello de Mecenas, o cal desexaba encamiñar as enerxías do pobo romano no exercicio da agricultura, en que vía unha fonte de riqueza e prosperidade moi esquecida dun pobo guerreiro, que necesitaba, doutra banda, os tesouros escondidos no seo da terra para non fenecer esgotado pola penuria. Virxilio acabou no 714 (da fundación de Roma) o seu poema As Xeorxianas e empregou os dez anos seguintes en escribir a Eneida, o poema nacional das orixes, grandeza e esplendor de Roma.

Por iso encamiñouse a Grecia, visitando, ademais, todos os lugares e comarcas da Asia Menor, onde Homero encadrou e emprazou as accións das súas epopeas. Non lle faltaron a Virxilio ocasións nin motivos de inspiración para a súa epopea. Residiu en Patres, Corfú, Creta e, sobre todo, en Atenas, onde o atopou Augusto no seu regreso de Oriente. O emperador quixo que o poeta o acompañase de novo a Roma, e así o fixo, pero non desembarcou en Brindisi no ano 19 a. C. xa que morreu a consecuencia da súa débil e enfermiza complexión, menoscabada polas fatigas dunha turbulenta navegación.

Augusto ordenou que, en contra dos desexos do autor, non se destruíse o manuscrito, senón que se publicase cos menores cambios posibles.

Os seus restos foron trasladados a Nápoles e respectando a súa derradeira vontade foron incinerados no camiño de Puteoli (Pozzuoli) a 3 km daquela cidade, cerca da gruta de Posillipo, onde hoxe está o Parque da Tumba de Virxilio (Parco della Tomba di Virgilio).

No seu sepulcro púxose esta inscrición, atribuída ao mesmo poeta, aínda que sen unha fonte clara:

Fixo herdeiros en Valeri Procul, a Augusto, Mecenas, Lucio Vario e Plotio Tuca. Estes dous últimos foron quen coidaron das primeiras transcricións das súas obras, sen que se posúa ningún códice contemporáneo, posto que as primeiras coñecidas son, como máis antigas, do século V ou VI.Tom. 69, paxs. 296-97. Enciclopedia Espasa

Motivos para escribir as obras No ano 37 a. C. escribiu as Églogas ou Bucólicas, poemas que exaltan a vida pastoral, a imitación dos Idilios do poeta grego Teócrito. Aínda que estilizados e idealistas dos personaxes campesiños, inclúen referencias a feitos e persoas do seu tempo. Na famosa égloga IV, cántase a chegada dun neno que traerá unha nova idade dourada a Roma. A cultura posterior atopou un vaticinio do nacemento de Cristo.

Entre o 36 e o 29 a. C., compuxo Virgilio as Geórgiques, poema que é un tratado da agricultura, destinado a proclamar a necesidade de restablecer o mundo labrador tradicional en Italia.

Finalmente, o poeta dedicou once anos a escribir a Eneida, un poema en doce libros que relata as peripecias do troiano Eneas desde a súa fuga de Troia até a súa vitoria militar en Italia. A intención evidente da obra era a de dotar dunha épica á súa patria, e vincular a súa cultura coa tradición grega. Eneas foxe da cidade de Troia en chamas traendo o seu pai Anquises ao lombo e o seu fillo Ascanio da man. En Cartago, na costa de África, namórase del a princesa Dido, a cal se suicida despois da partida do heroe. En Italia, Eneas vence a Turno, rei dos rútulos. O fillo de Eneas, Ascanio, funda Alba Longa, e da familia real de Alba Longa xurdiron os xemelgos Rómulo e Remo, que fundarían a cidade de Roma no 753 a. C. Así, segundo Virxilio, os romanos eran descendentes de Ascanio e, por tanto, do mesmo Eneas. O estilo da obra é máis refinado que o dos cantos gregos en que se inspirou.

O perfecto verso de Virxilio foi eloxiado e considerado exemplar na Idade Media, á vez que a Eneida era esmiuzada como un tratado de filosofía e política, se non considerada a obra dun vidente. O esforzo dos renacentistas para unir o cristianismo coa cultura clásica atopou en Virxilio a súa principal referencia.

Obras Escribiu varias composicións poéticas durante a súa mocidade, que foran no Medioevo reagrupadas so o nome de Appendix Vergiliana.

Entre o ano 42 a. C. e o 39 a. C. escribiu as Bucólicas, unha escolma de dez églogas que deixan ver os desexos de pacificación de Virxilio nuns poemas que exaltan a vida pastoril a imitación dos Idilios do poeta grego Teócrito.

Entre o 36 a. C. e o 29 a. C., compuxo, a instancia de Mecenas, as Xeórgicas, poema didascálico en catro libros, sobre os traballos no campo, destinado a proclamar a necesidade de restablecer o mundo campesiño tradicional en Italia.

A partir do ano 29 a. C., iniciou a composición da súa obras máis ambiciosa, a Eneida, que lle ocupou once anos. É un poema en doce libros que narra a historia de Eneas, dende a súa fuga de Ilión ou Troia ata a súa vitoria militar en Italia. A intención da obra era a de dotar dunha épica á súa patria e ligar a súa cultura coa tradición grega. Segundo Virxilio, Eneas foi o fundador da dinastía Xulia). Este poema quedou incompleto, sendo publicado por vontade do Emperador Octavio Augusto.