Quinto Horacio Flaco (Quintus Horatius Flaccus, en latín) nado en Venusia (actual Venosa)Holland (2017), p. 86 o 8 de decembro do 65 a. C. e finado en Tívoli o 27 de novembro do 8 a. C., é un dos máis ilustres poetas de tódolos tempos. A súa obra ten un dobre nivel de escritura, obxecto de malentendidos e de contrasentidos fáciles, como o testemuña por exemplo a famosa divisa carpe diem, ou a non menos célebre fórmula aurea mediocritas, tiradas respectivamente das Odas, I, 11 e II, 10.
Traxectoria Nado en Venosa no 65 a. C., nos confíns entre a Apulia e a Lucania, fillo dun liberto que se trasladou a Roma para traballar como exactor nas poxas públicas, tarefa pouco estimada mais rendíbel e coa que acadou fortuna. O poeta era por tanto de humilde orixe, mais gozaba de boa posición económica.
Seguiu cursos regulares de estudos en Roma e despois en Atenas, onde estudaría filosofía. Cando estalou a guerra civil Horacio enrolouse no exército de Bruto, combatendo como tribuno militar na batalla de Filipos (42 a. C.). No 41 a. C. volveu a Italia grazas a unha amnistía e, coñecida a noticia da confiscación dos bens paternos, gañou o sustento como secretario dun cuestor. En 38 a. C. foi presentado a Mecenas por Virxilio e Varo. Nove meses despois Mecenas admitiuno no seu círculo. Daquela Horacio dedicouse enteiramente á literatura. Nin casou nin tivo fillos.
Mecenas dooulle unha vila en Sabinia, que foi moi pracenteira para o poeta, que non gustaba da vida cidadá. Coa súa poesía fixo intensa propaganda a favor do Emperador Augusto. Temos un exemplo claro nas Odas e no Carmen saeculare.
Faleceu en novembro do 8 a. C.; foi sepultado no outeiro do Esquilino, ó pé do seu amigo Mecenas, morto tan só dous meses antes.
Obras Sátiras (Saturae ou Sermóns, como as definira o autor), en dous libros que comprenden 18 sátiras, escritas entre o ano 41 a. C. e o 30 a. C.: o I libro (10 sátiras) foi dedicado a Mecenas e publicado entre o 35 a. C. e o 33 a. C., mentres o II libro (8 sátiras) foi publicado no 30 a. C. xunto cos Épodos. Épodos (Epodon libri), 17 composicións, publicadas no 30 a. C. Odas (Carmina), en tres libros con 88 composicións, publicadas no 23 a. C. Un cuarto libro con outras 15 composicións publicouse en torno ao 13 a. C. Carmen saeculare ou "Canto das Idades", do 17 a.C., escrito por encargo de Augusto e destinado á cerimonia de clausura dos ludi saeculares. Epístolas (Epistulae), en dous libros. O I libro comprende 20 cartas compostas a partir do 23 e publicadas no 20 a. C., con dedicación a Mecenas, mentres o II libro, con tres cartas, escrito entre 19 e 13 a. C., comprende a Epístola aos Pisóns, o Ars Poetica (Arte Poética) en 476 hexámetros, que foi elevada a canon polas súas composicións poéticas en épocas posteriores.
Notas
Véxase tamén
Bibliografía
Categoría:Nados na provincia de Potenza Categoría:Nados en -65 Categoría:Escritores en lingua latina Categoría:Finados en -8