Christian Borrego Isabel, máis coñecido como Chiki, nado en Madrid o 5 de outubro de 1996, é un futbolista español que xoga como dianteiro e extremo no Racing de Ferrol, da Segunda División.

Traxectoria Formouse como futbolista na canteira do Leganés, debutando co filial durante a tempada 2015/16, na que contribuíu con 10 goles ao ascenso do equipo á Terceira División.

En xuño de 2017 fichou polo Rayo Majadahonda, da Segunda División B, onde conseguiu un novo ascenso, tras proclamarse campión do seu grupo e de derrotar na final da promoción ao Mallorca.

Tralo ascenso, deixou Madrid e fichou polo Sporting de Gijón B, co que xogou dous anos en Segunda B, marcando 10 goles en 65 partidos.

En xuño de 2020 ingresou no Cornellà, tamén de Segunda B. Na tempada 2021/22 disputou a nova Primeira División RFEF e anotou 15 goles, cifra só superada en toda a categoría por Jutglà, Quiles, Dioni, Arana e Héctor.

No verán de 2022 asinou como novo xogador do Alcorcón, club que viña de descender á Primeira Federación. Co equipo de Fran Fernández sumou o terceiro ascenso da súa carreira, ao que contribuíu con 9 goles, un deles nas semifinais da promoción de ascenso ante a Real Sociedad B.

O 14 de agosto de 2023 debutou na Segunda División, entrando como substituto de Koldo Obieta na segunda metade dunha derrota por 4-0 ante o Mirandés. Foi titular na maioría de encontros desa tempada, aportando catro goles, pero o equipo acabou descendendo.

En xullo de 2024 foi presentado como novo xogador do Racing de Ferrol, tamén da categoría de prata.

Notas

Categoría:Nados en 1996 Categoría:Nados en Madrid Categoría:Futbolistas da Comunidade de Madrid Categoría:Xogadores do CD Leganés B Categoría:Xogadores do CF Rayo Majadahonda Categoría:Xogadores do Sporting de Gijón B Categoría:Xogadores da UE Cornellà Categoría:Xogadores da AD Alcorcón Categoría:Xogadores do Racing de Ferrol