Ramón López Suárez, coñecido popularmente como Moncho López, nado en Narón o 10 de xullo de 1969, é un adestrador profesional de baloncesto galego. Dende 2024 adestra o COB, na LEB Ouro.
Traxectoria Despois de comezar con 17 anos á fronte do equipo do Colexio Santiago Apóstolo pasou ao Clesa Ferrol e ao Siglo XXI de Lugo. Con menos de 30 anos adestrou o CB Gijón, logrando ascender á ACB na tempada 1998/99, de onde pasou a traballar para a Federación Española. Como adestrador da selección B española, conseguiu a medalla de ouro nos Xogos Mediterráneos de 2001. De aí pasou a ser axudante de Javier Imbroda no banco da selección de baloncesto de España, e cando este deixou o cargo para dirixir o Real Madrid logo do Mundobasket 2002, substituíuno á fronte do equipo (outubro de 2002). Así conseguiu a medalla de prata no Campionato Europeo de Baloncesto de 2003, logo de perder na final fronte a Lituania.
En maio de 2004, tres meses antes dos Xogos Olímpicos de Atenas dimitiu do posto para dirixir o equipo do Leite Río Breogán de Lugo na ACB, onde permaneceu ata 2006. En marzo de 2007 foi contratado como adestrador do equipo andaluz do Caja San Fernando ata o remate desa tempada. Ao ano seguinte, en febreiro de 2008, foi fichado como novo adestrador da selección portuguesa de baloncesto.
En 2009 converteuse tamén no adestrador do FC Porto, traballo que compaxinou co da selección ata setembro de 2010, cando a Federación Portuguesa, molesta con esta situación, rescindiu o seu contrato como seleccionador. Co FC Porto gañou a Copa e a Copa da Liga na tempada 2009/10 e a liga e o Trofeo António Pratas na 2010/11. Tras a seguinte campaña, na que o Porto gañou a Supercopa, a Copa e a Copa da Liga, e perdeu a final da liga contra o Benfica, o club decidiu disolver o equipo de baloncesto por controversias coa Federación. Moncho quedou ao cargo das categorías inferiores e do Dragon Force, un novo equipo con xogadores xuvenís co que ascendeu no seu primeiro ano á Proliga (segunda división). Na súa primeira tempada na Proliga (2013/14) o Dragon Force acabou campión tras derrotar na final ao Illiabum e gañou unha praza na máxima categoría, pero o club decidiu continuar un ano máis no segundo nivel. Repetiu título ao ano seguinte gañando todos os seus partidos e vencendo na final dos playoffs ao Eléctrico FC. En 2015 Moncho adestrou tamén a selección angolana, coa que gañou a medalla de prata no Afrobasket de 2015.
Co Dragon Force xa na primeira división, e renomeado de novo a FC Porto, conseguiu meter o equipo na final dos playoffs, onde derrotou ao Benfica e gañou o 12º título de liga para o club portuense. Gañou tamén a Copa da Liga dese ano e na tempada 2018/19 unha nova Copa e unha Supercopa. Na tempada 2020/21 gañou o seu último título co club portugués, a Copa da Liga, e ao remate da seguinte campaña deixou o posto. A continuación instalouse no Xapón, onde adestrou o Rizing Zephyr Fukuoka.
En xuño de 2024 foi anunciado como novo adestrador do COB de Ourense, na LEB Ouro.
Equipos 2000-2002: Gijón Baloncesto 2002-2003: Selección de baloncesto de España 2005-2006: Leite Río Breogán 2006-2007: Caja San Fernando 2008-2010: Selección de baloncesto de Portugal 2009-2022: FC Porto 2015: Selección de baloncesto de Angola 2022-2024: Rizing Zephyr Fukuoka 2024-: COB
Palmarés
Clubs
FC Porto
Liga Portuguesa (2): 2010/11, 2015/16 Copa de Portugal (3): 2009/10, 2011/12, 2018/19 Supercopa de Portugal (2): 2011, 2019 Copa da Liga de Portugal (4): 2009/10, 2011/12, 2015/16, 2020/21. Trofeo António Pratas (1): 2010/11
Dragon Force
Ligapro (2): 2013/14, 2014/15
Seleccións nacionais
España
Medalla de prata no Campionato europeo de baloncesto de 2003 en Suecia.
Angola
Medalla de prata no Afrobasket de 2015 en Tunisia.
Notas
Véxase tamén Ligazóns externas Ficha en acb.com
Categoría:Adestradores de baloncesto de Galicia Categoría:Adestradores do Club Baloncesto Breogán Categoría:Nados en Narón Categoría:Nados en 1969 Categoría:Adestradores da selección de baloncesto de España Categoría:Personalidades de Galicia sen imaxes