José Vidal Bugallo, alcumado Robles, nado en Rubiáns (Vilagarcía de Arousa) o 20 de febreiro de 1912, foi un mariñeiro e guerrilleiro antifranquista galego.

Traxectoria Mariñeiro. Membro do sindicato de transportes marítimos da CNT. Co golpe de Estado do 18 de xullo de 1936 fuxiu aos montes de Xiabre e integrou un grupo de fuxidos que fixeron sabotaxes nas liñas de alumeado e comunicacións. Detido, escapou do cuartel da Garda Civil, pero foi novamente detido. Xulgado en Pontevedra por auxilio á rebelión o 21 de xaneiro de 1937 con Luis Doeste Mariño, José Manuel García González, Eugenio Lamas Bugallo, Manuel Fernández Oubiña, Antonio Názara Pesado, Rogelio Diz Fuentes, Manuel Ucera Barros, Manuel Rey Ucera, Salvador Vidal Fontán, José Caneda Blanco, Tomás Romero Vidal, Daniel Robado Castro, Manuel Abalo Lamas, Manuel Teira López, Luis Diz Reimúndez, Laureano Fernández Caamaño, Germán Quintela Novoa, Aurelio Parejo González, Dámaso Carrasco Duaso e Luís Bouza-Brey Trillo,El Diario de Pontevedra, 22-1-1937, p. 2. foi condenado a cadea perpetua. O 16 de maio de 1937 ingresou no Forte de San Cristovo. Saíu en liberdade condicional o 2 de setembro de 1940. Incorporouse á guerrilla. En 1943 participou nun atraco en Lousame con Ramón Díaz Hermo e Santiago Rey N. e foi detido e condenado a seis anos de prisión. Volveu ser detido pola Garda Civil de Santiago de Compostela o 20 de xuño de 1944 con Santiago Rey N., Ramón Díaz Hermo e José María Rodríguez Eiras. Foron xulgados en consello de guerra en Santiago de Compostela pola causa 259/44 o 9 de decembro de 1944. O fiscal pediu pena de morte para todos eles, excepto para Rodríguez Eiras.El Correo Gallego, 10-12-1944, p. 2. Saíu en liberdade condicional o 18 de xaneiro de 1946.

Notas

Véxase tamén Ligazóns externas Apuntes para unha enciclopedia histórica do anarquismo galego (V) Ficha de preso.

Categoría:Represaliados polo franquismo Categoría:Guerrilleiros antifranquistas de Galicia Categoría:Nados en Vilagarcía de Arousa Categoría:Nados en 1912 Categoría:Finados en ano descoñecido Categoría:Personalidades de Galicia sen imaxes