Francisco Javier Feijoó Álvarez, coñecido como Xisco Feijoó, nado en Vigo, é un músico, cantante e bailarín galego, cunha ampla traxectoria na música tradicional galega.

Traxectoria Naceu en Vigo, sendo fillo de dous emigrantes do interior de Galicia. Seu pai é natural do lugar de Sistín do Mato, no concello lugués de Sober, mentres que súa nai Alejandrina é da Almuzara, en Boborás. Durante máis de 30 anos percorreu as aldeas galegas realizando un labor de recuperación de conservación e recuperación da música tradicional galega.

Entre 1996 e 2012 dirixiu a Asociación Cultural Folclórica O Fiadeiro, en 1998 comezou a dar clases de canto na Escola Municipal de Música Folk e Tradicional (E-TRAD) de Vigo e en 2001 púxose á fronte da sección de canto da orquestra de folk SonDeSeu.

Foi cantante durante varios anos do gaiteiro Xosé Manuel Budiño, co que actuou en numerosos espectáculos en tres continentes, e dende 2013 forma parte do Pepe Vaamonde Grupo. Traballou con outros artistas de renome como Mercedes Peón, Carlos Núñez, Kepa Junkera, Berrogüetto e Rodrigo Romaní e formou parte das compañías de danza `Nova Galega de Danza (SON) e Fran Sieira Compañía de Danza. Traballou tamén na televisión, presentando a sección Músicas e Bailes Tradicionais do programa Luar da Televisión de Galicia entre os anos 1998 e 2004 e foi xurado do concurso "Vai de Baile” do histórico programa en varias tempadas.

En 2021 presentou o seu primeiro álbum en solitario, titulado Peixe. Para a produción do disco, composto por 10 temas, rodeouse dos músicos Artur Puga, María Jorge, Carlos Quintá, Xan Pérez, Xosé Liz, José Manuel Díaz, Miguel Fraile e Iago Ramilo. Contou ademais coas colaboracións de Pablo Doval (Liño do Cuco), Fran Lucas (Coetus), Pepe Vaamonde, Natalie Haas, Alasdair Fraser, Rodrigo Romaní, Úrsula Rial, Aida Tarrío (Tanxugueiras), Alba Faro (SonDeSeu), Diego Calviño, Diego Cabaleiro e Iván Blanco (O Fiadeiro).

Discografía

Peixe (2021).

Notas

Categoría:Nados en Vigo Categoría:Nados en 1973 Categoría:Cantantes de Galicia Categoría:Compositores de Galicia Categoría:Directores de orquestra de Galicia Categoría:Bailaríns Categoría:Personalidades de Galicia sen imaxes