Pompeo Litta Biumi nado en Milán o 27 de setembro de 1781 e finado na mesma cidade o 7 de agosto de 1852, foi un nobre e historiador italiano.
Traxectoria Pompeo era membro dunha das ramas dos Litta, patricios milaneses. Seu pai era o conde Carlo Matteo Litta Biumi e súa nai Antonia Brentano era filla do conde Carlo Giuseppe Brentano. Estudou primeiro no Colexio de Nobres da súa cidade natal e logo pasou a estudar en Como para pasar despois a Venecia e finalmente en Siena. En 1802 entrou no departamento do interior da República Cisalpina e pouco despois asumiu o posto de secretario adxunto do Consello de Estado da recentemente denominada República Italiana. En 1804 entrou como voluntario como canoneiro de artillería no exército napoleónico en Italia e tras ir ás escolas militares de La Fère e Estrasburgo graduouse como tenente. Entre 1805 e 1809 participou nas campañas da guerra das coalcións contra do Imperio Austríaco, notablemente nas batalla de Austerlitz e Ulm na guerra da terceira coalición e na de Raab na guerra da cuarta coalición. Polos seus actos na batalla de Wagram do 6 de xullo de 1809 promoveu a capitán e recibiu a medalla de cabaleiro da Lexión de honra. Comisionado en Ancona con ordes de organizar o corpo de artillería destinado á defensa da costa contra unha eventual intervención británica. En 1814 salientou na defensa da cidadela de Ancona do 13 de febreiro de 1814, comandada polo xeneral Barbou contra das tropas do mariscal, MacDonald, e logrou rexeitar cos seus canóns o asalto dese día, mais ao día seguinte, con tropas reducidas, sen víveres e sen esperanza de axuda exterior o xeneral Barbou capitulou. Pompeo deixou o exército e acabou por volver a Milán, onde frecuentou o ambiente liberal da cidade e colaborou con Il Conciliatore durante a súa breve existencia (1818-1819). Foi académico do Instituto Lombardo Academia de Ciencias e Letras, o seu vicepresidente de 1845 a 1847 e presidente en 1848. Tamén foi membro da Academia Austríaca de Ciencias.
En 1848 durante o episodio de insurrección armada contra do dominio austríaco coñecido como Cinco días de Milán (18-22 de marzo) fomouse o 21 de marzo o denominado goberno provisional de Milán que o designou como ministro de guerra; ese goberno mudou de nome o 8 de abril para goberno provisional de Lombardía e cesou o 2 de agosto dese ano ao traspasar o poder executivo a un consello administrativo que actuaba en nome do rei Carlos Alberte de Savoia. Mais tras a entrada das tropas austríacas en Milán o 6 de agosto, Litta abandona durante uns meses a cidade para volver antes de finalizar o ano.
Famiglie celebri d'Italia esquerda|miniatura|280px|Opúsculo dedicado á Pico della Mirandola (1835) En 1819 apareceu o primeiro opúsculo da serie Famiglie celebri d'Italia, que foi a obra na que Litta traballou ao longo de toda a súa vida, comezou a súa redacción arredor de 1814 e á súa morte, en 1852, saíu o opúsculo número 135. Polo xeral, cada opúsculo estaba dedicado a unha das familias que Litta consideraba entre as máis célebres da península, e contiña a árbore xenealóxica, pero sobre todo a contribución de cada familia, por medio de biografías dos seus membros, á historia italiana, nunha orientación consonte á do Risorgimento segundo os motivos patrióticos. Ademais os opúsculos contiñan ilustracións co escudo familiar, membros da familia e monumentos. O estilo era correcto e salientaban pola súa escrupulosa precisión.
O propio Litta completou 135 opúsculos, con información de 113 familias, xa que algunhas familias requerían varios opúsculos, mentres outros incluían varias familias. Logo da súa morte, os seus colaboradores máis directos seguiron a publicar a obra, que mudou de nome en 1862 para Famiglie celebri italiane, ata o ano 1883 con 184 opúsculos dedicados a 150 familias.
Notas
Categoría:Nados en 1781 Categoría:Nados en Milán Categoría:Xenealoxistas Categoría:Finados en 1852 Categoría:Militares das guerras napoleónicas Categoría:Militares de Italia Categoría:Cabaleiros da Lexión de Honra Categoría:Membros da Academia Austríaca de Ciencias Categoría:Condes