Xaime Seixas Subirá, máis coñecido por padre Seixas, nado en Santiago de Compostela o 26 de xuño de 1915 e finado en Villagarcía de Campos (Valladolid) en novembro de 1994, foi un coñecido crego xesuíta, esquerdista e galeguista.

Traxectoria Estudou Maxisterio na Universidade de Santiago de Compostela, e Linguas Clásicas, Filosofía e Teoloxía cos xesuítas en Comillas, onde foi ordenado sacerdote en 1948. Dun forte ideario democrático e esquerdista, o seu primeiro destino foi Francia, onde estudou Teoloxía Moderna. Máis adiante trasladouse a Salamanca, onde fundou as organizacións Vanguardia Obrera Juvenil e Vanguardia Obrera y Social.

En 1961 marchou de misioneiro á República Dominicana. De volta a Galiza en 1965 artella un grupo semellante aos que xa formara en Salamanca, a Asociación O Castro de Vigo. Tamén fundou nesa cidade a Comunidade de Vida Cristiá Nosa Señora da Guía e Santiago Apóstolo.

O 25 de xullo de 1965 o padre Seixas oficiou na igrexa compostelá de San Domingos de Bonaval, a primeira misa integramente en lingua galega dende a Guerra civil española. Tamén foi o primeiro en pronunciar unha homilía en galego en Vigo durante o funeral do oftalmólogo Antón Beiras García, a quen días antes administrara a extrema unción por vez primeira nesta mesma lingua. Foi un promotor da tradución da liturxia ao galego e de diversas publicacións relixiosas.

A Xunta de Galicia outorgoulle a Medalla Castelao en 1985.

Obra Catrocentos nomes para galegos e galegas. SEPT, 1977 Conversas do Pai Xaime Seixas con Silvestre Gómez Xurxo. SEPT, 1985

Notas

Véxase tamén Bibliografía

Categoría:Sacerdotes católicos de Galicia Seixas Categoría:Nados en Santiago de Compostela Categoría:Nados en 1915 Categoría:Finados en 1994 Categoría:Xesuítas de España Categoría:Personalidades de Galicia sen imaxes Categoría:Misioneiros Categoría:Alumnos da Universidade de Santiago de Compostela