Ana Vallés nada en Ferrol en 1959 é unha directora de escena, dramaturga, bailarina, actriz e poeta visual española.Medalla de Ouro ao Mérito nas Belas Artes no ano 2024.
Traxectoria Deu os seus primeiros pasos no ámbito da artesanía creando monicreques o que a levou de maneira natural ao mundo do teatro. Creadora autodidacta, a maior parte da súa traxectoria profesional estivo ligada a Baltasar Patiño que asumiu a parte técnica mentres que Vallés orientouse máis cara á creación, a dirección e a posta en escena. Nun principio, tiveron un taller para construír elementos escenográficos para outras compañías ata que decidiron lanzar un espectáculo coas súas propias marionetas. Continuaron creando montaxes diferentes aos habituais e investigando no teatro de creación afastándose do de texto á vez que trataban de alcanzar unha maior conexión co público buscando formas de aproximar a este a figura interpretativa.
En 1986, fundaron en Santiago de Compostela, a compañía galega Matarile Teatro, que desde entón, experimenta con diferentes tipos de linguaxe escénica atravesando teatro, danza, performance ou circo.
Entre 1993 e 2008, mantiveron aberto o Teatro Galán, como espazo para programar e difundir o teatro e a danza contemporáneos en Galicia. Este teatro converteuse nun importante referente para as artes escénicas na rexión, de feito, foi o primeiro que programou danza contemporánea de forma estable. En 1995, puxeron en marcha o Festival Internacional de danza para paseantes En Pé de Pedra que se celebrou durante doce anos en rúas e prazas de Compostela. Este proxecto desempeñou un papel fundamental no desenvolvemento e promoción da danza contemporánea en Galicia e brindou oportunidades a numerosas coreógrafas e coreógrafos emerxentes.
En 2010, Matarile Teatro tivo un parón por motivos económicos, pero a partir de 2013, volveu á actividade con novas formulacións, recuperando o seu espírito colaborativo cunha compañía máis pequena e incorporando a música en escena, entre outros cambios.
No ano 2017, crearon a sala Montiel, un espazo de exhibición temporal para novos creadores, que se caracterizou pola súa independencia dos orzamentos e normativas oficiais, permitindo unha maior liberdade creativa e artística.
En 2019, o Festival de Outono da Comunidade de Madrid na súa edición 37 homenaxeou a Matarile Teatro entre outras compañías por levar máis de tres décadas na vangarda escénica española e programou unha retrospectiva da compañía coas obras Daimon y la jodida lógica, Los limones, la nieve y todo lo demás e Teatro Invisible.
Ao longo da súa traxectoria, Vallés puxo en escena con Matarile Teatro varias decenas de espectáculos dificilmente clasificables, que recibiron numerosos premios e mencións en distintos lugares de España e Europa.
Ademais dos traballos con Matarile Teatro, tamén realizou outros á marxe desta compañía. No ano 2000, con motivo de Santiago Capital Cultural Europea, inaugurouse o II Festival Millenium co espectáculo escrito e dirixido por Vallés Para figuras brancas encargado polo Auditorio de Galicia. Para o Teatro de la Abadía creou e dirixiu Me acordaré de todos vosotros en 2007. Dirixiu ou se encargou da dramaturxia da compañía Provisional Danza, xunto a Carmen Werner, en tres espectáculos Fine Romance (2001), Matar el nueve (2005) e Sin pena y sin Gloria (2012). Foi directora e creadora de Illa Reunió para o Centro Dramático Galego (CDG) (2006). En 2010, encargouse da dirección e dramaturgia da ópera A voz humana para o Auditorio de Galicia. En 2011, Vallés colaborou co Centro Dramático Galego (CDG) e a Radio Galega dirixindo a dramatización das obras finalistas do V Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico. En 2017, estreouse El fin de las cosas, peza de danza contemporánea creada e dirixida por Eva Guerrero, na que Vallés participou como Ojo externo.
En maio de 2023, por primeira vez desde que comezou a súa relación profesional, Vallés presentou un espectáculo de Matarile Teatro sen a presenza de Baltasar Patiño nos créditos, FRÁXIL handle with care.
Recoñecementos
En 1992, obtivo o Premio Compostela de Teatro á Mellor Dirección por Café Acústico. En 1996, Negro é negro, foi nomeada aos Premios de Teatro Galego María Casases a Mellor Dirección e Mellor Espectáculo. En 2001, obtivo o 2.º Premio á Mellor Dirección do IV Certame Nacional de Teatro para Directoras de Escena. En 2003, fíxose co 2.º Premio á Mellor Dirección do VI Certame Nacional de Teatro para Directoras de Escena. En 2003, recibiu o Premio a Mellor Dirección dos Premios de Teatro Galego María Casases por Así que pasen cinco anos, montaxe da Compañía Sarabela. En 2005, Historia Natural alzouse co Premio ao Espectáculo máis Innovador do XI Festival Internacional de Teatro e Artes de Rúa de Valladolid (TAC). Tamén conseguiu o Premio do Público ao Mellor Espectáculo na Feira do Teatro de Galicia. En 2008, o Festival Internacional de Teatro e Artes de Rúa de Valladolid (TAC) dedicoulle unha homenaxe pola súa traxectoria artística. En 2009, recibiu o Premio do Público ao mellor espectáculo do Festival Don Quixote de París por Animais Artificiais. En 2015, alzouse co Premio ao Espectáculo máis Innovador do XI Festival Internacional de Teatro e Artes de Rúa de Valladolid (TAC) por Homes Bisagra. En 2019, foi nomeada a mellor Directora de escena nos Premios Max polo traballo Circo de pulgas. Con este nomeamento, foi a primeira directora galega finalista nestes premios. En 2024 foi Medalla de Ouro do Mérito nas Belas Artes do Ministerio de Cultura.
Espectáculos
1986 - O cumpreaños da infanta, construción de monicreques, manipulación, voz en directo, codirección de Vallés e Baltasar Patiño. É considerado o primeiro espectáculo de marionetas para adultos de Galicia. 1991 - Andante, creación e dirección. 1992 - Café Acústico, creación e dirección. 1993 - Deriva, codirección de Vallés e Baltasar Patiño. 1995 - MVSEO, creación, dirección e interpretación. 1996 - Negro é negro, creación, dirección e interpretación. 1996 - Zeppelin núm. 7, creación, dirección e interpretación. 1997 - 12 rounds, creación, dirección, guión e interpretación. 1998 - Teatro para camaleóns, creación e dirección. 1999 - The Queen is dead, creación, dirección e interpretación. 2000 - Para figuras brancas, creación e dirección. 2001 - A brazo aberto, creación, dirección e interpretación. 2001 - Fine Romance, dirección compañía Provisional Danza. 2002 - Sin sombra de duda, creación e interpretación. 2003 - Acto seguido, creación e dirección. 2005 - Pie izquierdo, creación e interpretación en colaboración coa coreógrafa e bailarina de Provisional Danza, Carmen Werner. 2005 - Historia Natural, creación, dirección e textos. 2005 - Matar el nueve, dramaturgia. 2006 - Illa Reunió, creación e dirección. 2007 - Truenos y misterios, creación, dirección, interpretación e textos. 2008 - Animales artificiales, creación, dirección, interpretación e textos. 2009 - Cerrado por aburrimento, creación, dirección, interpretación e textos. 2010 - La voz humana, dirección e dramaturgia. 2012 - Sin pena y sin Gloria, dirección. 2013 - Staying Alive, creación, dirección, interpretación e textos. 2014 - Hombres bisagra, codirección de Vallés e Baltasar Patiño. 2014 - El cuello de la jirafa, creación, dirección, interpretación e textos. 2014 - Teatro invisible, dirección e textos. 2016 - Antes de la metralla Forcejeos Humidades y Estratexias sobre Tácticas Teatrales, encontro escénico. Participante. 2017 - Circo de pulgas, creación, dirección e interpretación. 2017 - El fin de las cosas, ollo externo. 2018 - Los limones, la nieve y todo lo demás, creación e interpretación en colaboración coa bailarina e coreógrafa Mónica García. 2019 - DAIMON y la jodida lógica, dirección, textos e coreografías. 2020 - El diablo en la playa, dirección e textos. Primeira parte da Triloxía da fraxilidade. 2021 - Inloca, dirección, texto e coreografía. Segunda parte da Triloxía da fraxilidade. 2023 - FRÁXIL handle with care, creación, dirección, texto, espazo escénico e coreografía. Terceira parte da Triloxía da fraxilidade.
Obra publicada
2017 - Cerrado por aburrimento, Staying Alive, Teatro invisible, El cuello de la jirafa. Transcrición das dramaturgias textuais de Ana Vallés e Matarile para estas catro pezas. Edicións Invasoras ISBN 84-16-99306-8 2022 - Inloca, Centro Dramático Nacional ISBN 84-9041-438-6
Notas
Ligazóns externas
Sitio web oficial de Matarile Teatro .
Categoría:Nados en 1959 Categoría:Dramaturgos de Galicia Categoría:Bailaríns Categoría:Actores de Ferrol Categoría:Poetas de Galicia Categoría:Directores de teatro de Galicia Categoría:Actores de teatro de Galicia