Terje Rypdal, nado en Oslo o 23 de agosto de 1947, é un guitarrista noruegués de Jazz con trinta discos publicados como solista. O seu estilo na guitarra eléctrica tocando con tons distorsionados levou ao jazz fusión moderno sons que se atopaban habitualmente no rock. Actuou en numerosas formacións e entre as súas composicións clásicas figuran seis sinfonías, dúas óperas e obras de música de cámara.

Traxectoria Fillo dun clarinetista e director de orquestra, entrou en contacto coa música cedo. Aínda que os seus primeiros instrumentos foron o piano e a trompeta finalmente decantouse por unha carreira na guitarra, instrumento que aprendeu por conta propia versionando a Hank Marvin. A finais dos anos 60 entra en contacto con músicos profesionais de Noruega, entre eles George Russell, músico fundamental no nacemento do denominado “nordic jazz” e, sobre todo, con Jan Garbarek que propiciou a entrada de Rypdal no selo ECM. Alí non tardou en destacar e inmediatamente recibiu o encargo de Manfred Eicher para gravar un disco en solitario en canto escoitou varias das pezas do músico descartadas dun dos discos con Garbarek.

O debut de Rypdal con ECM chegou co disco homónimo no que participaron moitos dos colaboradores habituais de Garbarek, incluído o propio saxofonista. A formación foi: Jan Garbarek (saxo, frauta e clarinete), Eckerhard Fintl (oboe e trompa inglesa), Bobo Stenson (piano eléctrico), Tom Halversen (piano eléctrico), Arild Andersen (baixo eléctrico e contrabaixo), Bjornar Andresen ( baixo eléctrico), Jon Christensen (percusión) e Inger Lise Rypdal, esposa do músico e cantante da época. Terje tocaba a guitarra e a frauta.

A súa popularidade dentro do selo é moderada mais destacando na crítica e entre os contactos profesionais, como o director Michael Mann, quen utilizou dúas pezas dos álbums Blue e The Singles Collection para o filme Heat, protagonizado por Al Pacino e Robert De Niro.

Desde a súa primeira participación nos primeiros discos de Garbarek no selo alemán ECM, Rypdal publicou alí numerosos discos, tanto baixo o seu propio nome coma en colaboracións, por exemplo coa pianista Ketil Bjørnstad, a cantante Karin Krog, Palle Mikkelborg, Jon Christensen, John Surman, Jack De Johnette, Michael Mantler, David Darling, Barre Phillips e outros.

A lista das súas composicións inclúe seis sinfonías, música coral e de cámara (como concertos solistas para piano e trompa) así como pezas para conxuntos mixtos de músicos clásicos e de improvisación. ECM publicou un álbum que contén o seu Dobre Concerto/5a Sinfonía en 1998 e a súa Lux Aeterna en 2000, unha apreciación intensa e persoal da natureza, a luz e as montañas da infancia de Rypdal.

O crítico británico e profesor de poesía Michael Tucker caracterizou o estilo de Rypdal como "unha mestura de fraseo rock e jazz cun interese rubato pola cor tonal e as dinámicas que a miúdo rexen o mundo clásico".

Notas

Véxase tamén Ligazóns externas Keep it like that - Tight, canción de Rypdal, en youtube

Categoría:Guitarristas de Noruega Categoría:Guitarristas de jazz Categoría:Nados en 1947