O mazarico subela (Xenus cinereus) é unha especie de pequena ave limícola migratoria paleártica e é o único membro do xénero Xenus.

Taxonomía O mazarico subela foi descrito formalmente e ilustrado en 1775 polo naturalista alemán Johann Anton Güldenstädt co nome binomial Scolopax cinerea. Este autor informou que vira parellas reprodutoras na desembocadura do río Terek no mar Caspio. Agora é a única especie situada no xénero Xenus, que foi introducido en 1829 polo naturalista alemán Johann Jakob Kaup. O nome do xénero Xenus vén do grego antigo xenos que significa 'estraño'; o epíteto específico cinereus vén do latín cinis, cineris, 'cinza, gris'. Considérase que a especie é monotípica, sen subespecies recoñecidas.

Entre os escolopácidos, Xenus forma parte do clado biluricos-falaropos e está menos relacionado cos calídridos (pilros). Baseándose no grao de diverxencia das secuencias de ADN e os posibles fósiles de biluricos e falaropos no límite Oligoceno/Mioceno hai uns 23–22 millóns de anos, o mazarico subela diverxeu presumiblemente dos seus parentes no Oligoceno tardío. Dado o gran número de fósiles basais do grupo atopados en Eurasia é probable que a liñaxe deste mazarico se orixinase alí, posiblemente ao quedaren illados a medida que secaron os restos do mar de Turgai, o cal aconteceu xusto por esa época.

Descrición miniatura|esquerda En lonxitude é lixeiramente maior que o bilurico das rochas con 22–25 cm, o seu bico longo curvado para arriba (que lembra un pouco ao dunha avoceta, pero non tan curvado) faino moi distinguible. Como implica o seu nome científico, esta limícola ten un dorso, face e peito gris en todas as plumaxes; poden ter un supercilio branco mís ou menos definido. O ventre é branco e os pés amarelos; o bico ten unha base amarela e o resto negro.

A súa chamada é un asubío agudo.

Distribución e ecoloxía

Esta ave reprodúcese preto da auga na taiga desde Finlandia a través do norte de Siberia ata o río Kolyma, e migran ao sur en inverno ata as costas tropicais do leste de África, sur de Asia e Australia, normalmente preferindo as áreas lamacentas. É unha ave vagante rara no oeste de Europa, e, especialmente en outono, vese ás veces pasar sobre as illas Marianas na súa migración; sobre Palau, bastante lonxe da súa ruta habitual de migración, pero é claramente pouco común. Case anualmente e aparentemente cada vez máis a miúdo nos tempos recentes, uns poucos exemplares desvíanse ata Alasca e as illas Aleutianas e Pribilof. Cada poucos anos, rexistranse aves vagantes solitarias nos Neotrópicos, a onde chegan migrando desde África ou desviándose desde América do Norte acompañando a limícolas locais que van ao sur para pasaren ao inverno. Estas aves vagabundas foron rexistradas mesmo moi ao sur como na Arxentina.

A variación xenética global nesta especie na súa área de distribución é baixa, e hai algunhas evidencias de contraccións seguidas de expansións. Aínda que a poboación xeograficamente illada do río Dniéper no leste de Europa si mostra unha diferenciación xenética significativa.

Aliméntase de maneira moi característica e activa, perseguindo insectos e outras presas móbiles, e ás veces corre despois á beira da auga para lavar a súa presa.

Pon de tres a catro ovos nunha escavación no chan forrada.

O mazarico subela gosta de asociarse co virapedras común (Arenaria interpres), pequenos calídridos e píllaras Charadrius (pero quizais non con píldoras Pluvialis); unha ave vagante en Paraty (estado de Río de Xaneiro) asociouse cun Actitis macularius.

É unha especie que está incluída no Acordo sobre a Conservación de Aves Acuáticas Africano-Eurasiáticas (AEWA). Ao estar moi espallado e a miúdo ser bastante fácil de ver, o mazarico subela non se considera unha especie ameazada segundo a IUCN.

Galería

Notas

Véxase tamén Ligazóns externas

Terek sandpiper species text in The Atlas of Southern African Birds

Categoría:Escolopácidos Categoría:Animais descritos en 1775