dereita|miniatura|Polifemo con Odiseo e os compañeiros. O Ciclope (do grego antigo: Κύκλωψ) é unha obra do traxediógrafo ateniense Eurípides. É a única obra grega que pertence ao xénero do drama satírico e que foi conservada na súa forma íntegra, e probablemente pechara unha triloxía presentada polo autor no século V a.C., con motivo da celebración das Grandes Dionisias en Atenas. A súa datación é controvertida, aínda que hai motivos para pensar que se trataría dunha obra serodia na produción do autor. Unha das principais teorías, defendida por D. F. Sutton, sitúa a súa representación no ano 424, atendendo ás similitudes temáticas coa traxedia Hécuba, en torno ás personaxes de Polifemo e Poliméstor, ambos cegados como castigo á súa impiedade.

Argumento miniatura|Odiseo. Odiseo, no seu regreso desde Troia á súa terra, Ítaca, vese obrigado, xunto aos seus compañeiros, a deterse en Sicilia. Alí atopan os sátiros, escravos dos ciclopes que habitan a illa, e cun grupo deles acordan entregarlles viño a cambio de que os avituallen co leite e o gando do seu amo, Polifemo. Non obstante, son sorprendidos por este, que regresa á súa morada. Cando Polifemo inquire o motivo de que estean uns estranxeiros a levarlle as súas posesións, Sileno, o sátiro máis vello, afirma ter sorprendido a Odiseo e os seus compañeiros roubando, polo que o heroe debe enxeñar un plan para escapar da ira do monstro.

Drama Satírico A única obra que nos chegou enteira deste xénero é, precisamente, O Ciclope de Eurípides, e polo tanto o seu estudo, en canto á análise dos textos, está limitado a esta peza e a outros fragmentos que foron conservados (entre outros Os que tiran da rede, de Esquilo, e Os Rastreadores de Sófocles, atopados en papiros en Oxirrinco). esquerda|miniatura|Eurípides. Non podemos situar de maneira exacta a orixe do xénero, malia que sería posterior á traxedia, nin datar con precisión o momento no que comezou a representarse o drama satírico logo dunha triloxía tráxica, pero sabemos que a unión de ámbolos xéneros e a representación do drama seguindo ás obras tráxicas xa era unha realidade cara finais do S.VI a.C. Nun inicio habería unha cohesión temática entre as obras (apreciable por exemplo na tetraloxía esquilea Laio, Edipo, Sete contra Tebas e Esfinxe, representada no 467 a.C.), pero o drama satírico pronto alcanzou independencia das traxedias ás que ía asociado. Unha das principais teorías sobre a orixe do drama satírico propiamente ático, que non está totalmente aceptada, considera a Prátinas de Fliunte, de quen conservamos un único fragmento, como revitalizador do xénero trala súa chegada a Atenas a finais do S.VI a.C. As súas achegas redefinirían e darían nova forma ás expresións dionisíacas que Pisístrato prohibira ao instaurar os certames ditirámbicos e dramáticos.

Un dos elementos característicos do xénero é a presenza do coro de sátiros e do Sileno, que aparecen introducidos nun contexto mítico no que orixinalmente estaban ausentes. Estas figuras míticas e híbridas, cunha sexualidade desbordada e estreitamente relacionadas con Dioniso (e polo tanto co teatro, como forma literaria implicada no seu culto), son de grande antigüidade, presentes xa nalgúns dos textos máis antigos que posuímos, como o Himno a Afrodita, no que son representados en unión erótico-amorosa coas ninfas.

Debemos asemade considerar os temas recorrentes no drama satírico, como son a liberación dos sátiros, escravizados polo antagonista, ou o conflito entre o heroe, que a pesar do absurdo da situación mantén a súa dignidade tráxica, e o monstro, quen finalmente acaba castigado por violar as leis da hospitalidade, podendo este ser derrotado ben pola forza ou ben polo uso do enxeño. En Circe, outra peza de Esquilo que non conservamos, Ulises debe rescatar aos seus compañeiros, transformados pola deusa, e tamén aos sátiros, que están baixo o seu control. Así pois, o esquema básico deste conflito non pertence unicamente ao Ciclope, senón que é típico do xénero. miniatura|Sileno. O conflito que o drama satírico propón, carece porén das ambigüidades e complexidades que caracterizan a traxedia, mediante unha clara e reductiva definición moral da bondade e da maldade, simplicidade que facilita así pois a súa comprensión e desfrute tralas representacións tráxicas.

En canto á forma do drama satírico, é eminentemente tráxica: a lingua é a propia da traxedia coa excepción puntual dalgún uso coloquial, emprégase o trímetro iámbico, e a organización dos elementos en estásimos e episodios é igualmente tráxica. Estrutúrase nun prólogo, unha párodos, catro episodios, catro estásimos e o éxodo. Hai, porén, elementos máis que suficientes que marcan a ámbolos xéneros como separados, como son o coro de sátiros, as alusións sexuais (menos explícitas que na comedia) e, sobre todo, un ton relaxado e un final feliz, que remata coa liberación dos sátiros. Os coros, aínda que non conforman parte da acción dramática principal, si desenvolven unha función específica, e non son soamente decorativos, como sucede en certas traxedias euripideas.

No que respecta á función que podía ter o drama satírico, discútese se o seu valor principal era o de animar ao público e facelo rir, logo da representación das traxedias, pola incongruencia que nace do contacto de elementos tráxicos en situacións absurdas, ou se, pola contra, o que se pretendía con estas pezas era reforzar os motivos relacionados con Dioniso, pois a pesar de ser esta a divindade á cal se lle dedicaban todas as representacións, adoitaba estar completamente ausente nas obras tráxicas, que raramente tiñan un tema dionisíaco, senón heroico. Coa figura dos sátiros como mediadores, o drama satírico atrae de novo as celebracións ao culto do deus que corresponde.

O Mito O mito do ciclope Polifemo e o seu enfrontamento con Odiseo é un tema recorrente na literatura grega. O testemuño máis antigo está na Odisea (IX, 105-505) de Homero. Este mito foi asemade levado á escena por outros poetas dramáticos como Aristías, coñecido polos seus dramas satíricos, cunha peza homónima á de Eurípides, ou o comediógrafo Epicarmo, entre cuxa prolífica produción atopamos títulos como Odiseo náufrago, Odiseo desertor e O Ciclope​. Por outra parte, os mitos dos ciclopes e o rapto de Dioniso, que Eurípides trata, tamén os atopamos en obras da época arcaica como a Teogonía (139-146; 501-506) de Hesíodo e algúns himnos homéricos como Dioniso ou os ladróns. Nestas composicións trátase de maneira máis extensa as historias que Eurípides incorpora de maneira puntual ao relato. Neste drama satírico a acción ten lugar nunha illa afastada, fogar dos ciclopes,​ ao igual que na Odisea, e o retrato do ciclope é asemade similar, como un monstro antropófago que vive da gandaría. Pola contra, a introdución da figura dos sátiros é unha innovación, que pertence e é característica ao propio xénero literario. Cambia tamén o tempo interno da acción, pois mentres que esta se desenvolve ao longo dunha noite e dous días na composición homérica, dura apenas unhas horas neste drama satírico.

Evolución do Mito Na mitoloxía grega os ciclopes son representados como xigantes dun único ollo. Segundo Homero (Odisea) viven nunha illa distante, que na obra euripidea se identifica como Sicilia. O máis famoso da súa raza, xa dende os inicios da literatura grega, foi Polifemo, a causa do episodio entre este e Odiseo, que se produce na viaxe de retorno deste último a Ítaca, logo da guerra de Troia. esquerda|miniatura|Busto de Homero. Hesíodo identifica a estas criaturas como fillos de Urano e Xea, e limita o seu número a tres, dándolles nome: Brontes, Estéropes e Arxes (respectivamente “trono”, “raio” e “resplandor”), quen son os responsables de forxar os raios de Zeus, axudando aos deuses olímpicos na súa guerra contra os titáns. Aparecen moitas veces na literatura e no mito popular como axudantes de Hefesto, o cal tamén se considera que vivía na illa de Sicila, e foilles atribuída a construción de muros de gran dimensión, como os de Micenas ou Tirinte.

Homero presenta a Polifemo como un ser completamente incivilizado e alleo aos costumes helenos de Odiseo e os seus compañeiros, pero Eurípides achega o ciclope á realidade humana fundamentalmente polo uso da linguaxe. O ciclope é capaz de debater con Odiseo, como é natural e propio do home, e en concreto do bo cidadán.

No tratamento do mito por parte de Eurípides, toma polo tanto grande importancia o gusto do autor pola retórica, influenciado pola corrente sofística que florecía nese momento en Atenas. Así pois, o debate falado entre Odiseo e Polifemo gaña unha presenza da que carecía na representación homérica. Ambos teñen como punto central o cegamento do ciclope, pero mentres que a pasaxe homérica dá máis importancia aos feitos, a obra euripidea confire maior valor ao plan de Odiseo e á súa astucia, a través dos diálogos, como é lóxico nun xénero dramático.

Por outra parte, Eurípides introduce algunhas innovacións, tomando elementos de distintas fontes para crear unha obra rompedora coa tradición. Principalmente, sobre a base homérica introdúcense os sátiros e o Sileno, como corresponde a un drama satírico. O relato de Eurípides distánciase ademais do homérico no seu xuízo dos deuses e da relixión, que pon en boca das personaxes.

Polo tanto, aínda que está claro que a fonte principal para Eurípides é a narración homérica, non se limita a reproducila de forma fiel, senón que a deforma e modifica ao seu parecer, cambiando detalles para dirixir o relato no seu interese para maior beneficio así poético como político.

Obra

As Personaxes

Odiseo: o heroe homérico é a personaxe principal da obra, que actúa como protagonista e representante dos seus compañeiros. Ciclope (Polifemo): este ser mitolóxico é o antagonista na obra, enfrontándose a Odiseo e aos seus compañeiros, ademais de ter como escravos aos sátiros. Sileno: o sátiro por excelencia, aparece de maneira recorrente no xénero do drama satírico e ten como función principal a de introducir o elemento cómico na obra. Esta é unha personaxe en transición, entre o coro e o actor, e nesta obra realiza o prólogo que presenta a situación actual dos acontecementos. Coro: formado por sátiros, como é propio deste xénero. O corifeo intervén directamente dialogando coas personaxes.

A trama esquerda|miniatura|Odiseo e os compañeiros cegando a Polifemo. O sátiro Sileno e o coro laméntanse polo seu desterro, culpando a Dioniso, pois, tras ter seguido ao deus e logo de axudalo, víronse obrigados a converterse en escravos do ciclope Polifemo, arrastrados polos ventos ata a costa de Sicilia. De pronto, Sileno divisa a nave de Odiseo e os seus compañeiros na praia achegándose ao fogar de Polifemo coa intención de conseguir comida e bebida. O heroe preséntase ante os sátiros e Sileno amósase curioso por saber da súa procedencia, así que Odiseo lle fala dos terribles ventos que os levaron ata alí no seu regreso a Ítaca dende Troia. O sátiro advirte aos viaxeiros sobre os ciclopes cando estes inquiren sobre os habitantes da illa, dicíndolles que o seu amo non ten a miúdo a sorte de poder alimentarse de homes coma eles, pero si o desexo. Aproveitando que este marchou a cazar, Odiseo ofrécelles aos sátiros viño a cambio da comida do monstro. Sileno acepta e ao momento comeza a beber, pero pronto se ven sorprendidos polo ciclope, que regresaba a casa. Sileno aconséllalles esconderse na cova, pero Odiseo ignora a súa suxestión e prefire enfrontarse a Polifemo, que os descobre alimentándose do seu queixo e da súa carne.