O picafollas de Pallas (Phylloscopus proregulus) é unha ave paseriforme que se reproduce en bosques de montaña desde o leste de Siberia ao norte de Mongolia e noroeste da China. Recibe o seu nome en lembranza do zoólogo alemán Peter Simon Pallas, que foi o primeiro en describilo formalmente. Este picafollas é unha ave fortemente migratoria, que pasa o inverno principalmente no sur da China e áreas veciñas do sueste asiático, aínda que nas últimas décadas detéctase en número crecente en Europa en outono.

É un dos picafollas paleárticos máis pequenos, e ten unha cabeza relativamente grande e cola curta. Ten partes superiores verdosas e inferiores brancas, un sobrecú amarelo limón, e barras alares dobres, lista superciliar e liña central na coroa amarelas. É similar en aparencia a outros varios picafollas asiáticos, incluíndo algúns que eran formalmente considerados subespecies súas, aínda que as súas distintivas vocalizacións axudan a identificalos.

A femia constrúe un niño cupuliforme nunha árbore ou arbusto, e pon de catro a seis ovos que incuba durante 12 ou 13 días, despois do cal eclosionan. Os polos son alimentados principalmente pola femia e empluman cando teñen 12 ou 14 días de idade; entón ambos os pais tráenlles alimento durante aproximadamente unha semana. É unha ave insectívora, alimentándose de insectos adultos, e de larvas e pupas de pequenos insectos e arañas. As aves buscan alimento en arbustos e árbores, apañándoo nas follas ou capturando presas en curtos voos ou mentres planan. Ten unha ampla área de distribución, e o seu número considérase estable. Por tanto, está avaliado como en situación "pouco preocupante" pola Unión Internacional para a Conservación da Natureza (IUCN).

Taxonomía miniatura|esquerda|O picafollas de Pallas en Heligoland, Alemaña. O nome galego de picafollas de Pallas lembra o zoólogo alemán Peter Simon Pallas, que o atopou no río Ingoda de Siberia en maio de 1772, nunha expedición científica liderada por el e patrocinada por Catalina a Grande, realizada entre 1768 e 1774. El deulle a esta nova especie o nome Motacilla proregulus cando finalmente publicou os seus descubrimentos en 1811. O nome actual do xénero, Phylloscopus, provén do grego antigo phullon, 'folla', e skopos, 'buscador' (de skopeo, 'ollar'). O adxectivo de especie proregulus vén do grego pro, 'preto de', e do nome regulus, que se utiliza para a especie similar estreliña dos piñeiros, Regulus regulus.

O xénero Phylloscopus, descrito primeiramente polo zoólogo alemán Friedrich Boie en 1826, comprende unhas 50 especies de pequenos picafollas insectívoros dos bosques do Vello Mundo que son verdosos ou marróns pola parte dorsal e amarelados, brancos ou beixes pola parte ventral. O xénero formaba parte antes da familia Sylvidae, pero agora foi colocdo nunha familia separada, os Phylloscopidae.

Dentro do seu xénero, o picafollas de Pallas pertence a un grupo de especies asiáticas diminutas similares caracterizadas por un sobrecú amarelo, unha forte liña superciliar (liña sobre o ollo), dobres barras alares e unha banda na coroa da testa,Baker (1997) pp. 252–253. que antes foran separadas no xénero Abrornis, pero que actualmente se manteñen dentro de Phylloscopus.Baker (1997) p. 282.

O picafollas de Pallas foi antes tratado como un complexo de varias subespecies, sendo a subespecie nomeada P. p. proregulus, que se reproduce no norte de Asia, e as outras subespecies reprodúcense moito máis ao sur a elevada altura nas montañas desde o oeste dos Himalaias e cara ao leste ata o oeste da China (Yunnan e polo norte ata Gansu e Hebei). Aínda que naturalistas de campo como Gilbert White no século XVIII e William Edwin Brooks no XIX, sinalaron a grande importancia das chamadas para distinguirmos picafollas que a miúdo son moi similares, durante moitos anos as súas ideas non foron sempre aceptadas pola comunidade ornitolóxica. Máis recentemente, as vocalizacións foron considerándose cada vez máis importantes en taxonomía. No caso das subespecies anteriores do picafollas de Pallas, aínda que só diferían lixeiramente en plumaxe, as formas do sur eran moi distintivas vocalmente. As súas cancións e chamadas difiren das da raza nomeada, e as análises de ADN feitas desde 2006 confirmaron que estas formas son o suficientemente distintas como para que hoxe sexan tratadas como especies separadas, deixando así ao picafollas de Pallas como un taxon monotípico. As especies que se separaron son:

Phylloscopus chloronotus. Himalaias; inverna en latitudes máis baixas. Dúas subespecies, P. c. chloronotus e P. c. simlaensis. Phylloscopus forresti. China central sur (Sichuan, norte de Yunnan); inverna cara ao sur ata Indochina; monotípica. Phylloscopus kansuensis. China central oeste (Gansu); non se sabe a súa distribución invernal; monotípica. Phylloscopus yunnanensis (sinónimo P. sichuanensis). China central norte; inverna no sur da China e Indochina; monotípica.

A área de reprodución do P. kansuensis e do P. yunnaensis solápanse no sur de Gansu, pero as especies están separadas ecoloxicamente: P. kansuensis atópase en hábitats boscosos de árbores máis altos e o P. yunnaensis utiliza hábitats máis baixos, a miúdo arbustivos. Parece que o picafollas de Pallas diverxeu de P. yunnaensis hai de 4,1 a 5,5 millóns de anos, e das outras subespecies anteriores hai uns 1,7–3,2 millóns de anos.

Descrición

miniatura|Exemplar mostrando as bandas da cabeza. Ave invernando en Treviso, Italia. O picafollas de Pallas é un dos picafollas máis pequenos, cunha cabeza grande e cola curta, 9-10 cm de longo e 4-7 g de peso, lixeiramente máis pequeno que o picafollas bilistado e apenas máis longo que a estreliña dos piñeiros. Ten partes superiores verdosas e inferiores brancas, pero é moi rechamante polas súas prominentes dobres barras amarelas nas cobertoiras alares, lista superciliar e banda central na coroa amarelas intensas, e sobrecú amarelo limón. O bico é marrón anegrado cun ton amarelado nos bordos de corte e na base da mandíbula inferior, o iris é marrón, e as patas son marróns cun ton verde ou agrisado. Aínda que o sobrecú amarelo é obvio cando o paxaro está na vexetación baixa ou planando, noutras circunstancias adoita ser difícil de ver.

En Asia, o picafollas de Pallas pode distinguirse das súas subespecies anteriores polas súas bandas da cabeza, barras alares e gorxa máis amarelas e polas súas diferentes vocalizacións. Outros picafollas asiáticos de sobrecú amarelo lembran ao de Pallas; os Phylloscopus pulcher e Phylloscopus subviridis son máis grandes, verdes apagados por arriba e menos fortemente marcados, e as barras alares son, respectivamente, beixes e brancas, non amarelas. O Phylloscopus maculipennis ten marcas grises na cabeza, face e gorxa, e partes ventrais amarelas.

Os sexos do picafollas de Pallas teñen plumaxe similar, pero os exemplares non reprodutores son dun verde algo máis brillante por riba e teñen bordos anchos e intensos nas súas plumas de voo. Os xuvenís son iguais que os adultos, pero teñen un ton marrón na parte dorsal, e partes ventrais brancas agrisadas e unha liña superciliar máis apagada. Os adultos teñen unha muda completa despois da reprodución en agosto ou setembro antes de migraren ao sur. Os xuvenís e adultos pre-reprodutores teñen unha muda parcial en marzo ou abril, substituíndo toda a plumaxe do corpo e algunhas plumas da cola.Baker (1997) pp. 283–285.

Cantan a súa canción desde un pousadoiro agochado preto da parte alta dunha árbore. É forte e prolongada, cunha mestura de asubíos, soando como tirrit-tirrt-tirrit-terchii-chu-chu-chii-chii-chii ou similar, con algunhas frases que lembran as do canario, e intercalación de trilos. Dura de 2 a 4 segundos e pode sentirse nos seus cuarteis de inverno e cántana os paxaros que se están a reproducir. A chamada é un curto e suave dju-ii. En contraste, as anteriores subespecies teñen cancións bastante diferentes, con repenicos mantidos durante varios segundos ou ás veces minutos. As súas chamadas son normalmente monosilábicas, agudas e nítidas.

Distribución e hábitat miniatura|Bosques da taiga siberiana O picafollas de Pallas reprodúcese en Siberia desde os Montes Altai cara so leste ata o mar de Okhotsk, norte de Mongolia, nordés da China e posiblemente Corea do Norte. É unha ave fortemente migratoria e pasa o inverno principalmente no sur da China subtropical, norte de Tailandia e noutras partes do noroeste de Indochina. É raro pero anual no Xapón.

O picafollas de Pallas reprodúcese en bosques da taiga de coníferas con abetos, píceas, piñeiros e lárices, ou en bosques mixtos de salgueiros, amieiros, e unha alta porcentaxe de coníferas. No sur e oriente distante de Rusia reprodúcese desde o nivel do mar ata os 1500–1700 m. En inverno usa unha ampla variedade de hábitats, incluíndo os bosques caducos e zonas arbustivas así como de coníferas, e pode atoparse en vales de ríos ata o nivel do mar.

Outros desprazamentos miniatura|esquerda|upright|Tomada da ilustración de John Gould de 1837 do "Regulus dálmata". Gould fixo o esbozo preliminar e a súa esposa Elizabeth completou a pintura final detallada. Agora o picafollas de Pallas aparece regularmente en Europa en outono. O primeiro rexistro europeo coñecido foi cazado en 1829 en Dalmacia, agora Croacia, pero John Gould, que o describiu formalmente, non se decatou que a especie xa se descubrira en Asia, e nomeouna como "Regulus dálmata" (Regulus modestus). O ornitólogo alemán Heinrich Gätke, que en 1837 se trasladou á illa de Heligoland, entón británica, e permaneceu alí uns cincuenta anos, mostrou segidamente que varias especies asiáticas, incluíndo algún ocasional picafollas de Pallas, atopábanse regularmente alí en outono.

No oeste distante de Europa, o primeiro picafollas de Pallas do Reino Unido cazouse en 1896, aínda que o segundo non se atopou ata 1951. Por tanto, esta especie fíxose cada vez máis común, deixando de ser unha rareza nacional a finais de 1990. En 2003, por exemplo, rexistráronse 313 exemplares en Gran Bretaña. Tamén aparece polo menos anualmente en Suecia, Finlandia e Dinamarca. Está incluída na lista das aves ibéricas.

A maioría dos picafollas de Pallas atopados en Europa son aves no seu primeiro ano, e propuxéronse varias razóns para o grande incremento do seu número en outono. No pasado, estes paxaros eran xeralmente considerados vagantes ou migrantes inversos, pero máis recentemente pénsase que están realizando unha migración regular, aproveitando o clima oceánico suave do bordo occidental de Europa para parsaren o inverno. Un fallo nesa teoría é que moitos destes paxaros deberían invernar en España, especialmente no noroeste (Galicia), pero é raro alí e tende a aparecer no leste. Por tanto, o ornitólogo español Eduardo de Juana propuxo que unha vez que os picafollas chegan ao noroeste de Europa, despois reoriéntanse a unha dirección sur e leste.

Fóra de Europa esta ave rexistrouse como vagante no norte de África (Tunisia e Marrocos), oeste de Asia (Israel, Turquía e Irán), Asia central (Usbequistán e Taxiquistán), sueste asiático (Bangladesh e Taiwan), e Alasca.

Comportamiento

O picafollas de Pallas non é tímido, pero o seu estilo de vida moi discreto e arbóreo fai que sexa difícil de observar, especialmente en follaxe mesto. Está en constante movemento e adoita planar brevemente como unha estreliña dos piñeiros, aínda que máis frecuentemente, e pode ás veces pendurarse cabeza abaixo.

Reprodución