A tempada 1910/11 foi a quinta tempada de existencia do Deportivo da Sala Calvet.
Resumo da tempada O Deportivo da Coruña iniciou a tempada 1910/11 cun partido amigable en beneficio da asociación El Niño Descalzo. Inicialmente, o Real Club Coruña era o outro equipo convidado, pero rexeitou a invitación, polo que o Deportivo enfrontouse finalmente ao Victoria de Ferrol, o club da Construtora Naval, empatando a dous goles.
Tanto o Deportivo como o Coruña inscribíronse en 1910 por primeira vez no Campionato de Galicia que viña organizando en Vigo o Vigo FC e disputaron antes unha eliminatoria previa para decidir o representante coruñés no torneo, que sería o que antes chegase ás dúas vitorias. No primeiro encontro, disputado o 9 de outubro, saíu triunfante o Coruña, cun gol de Sindo, mentres que unha semana despois, nun tenso e violento partido, non se pasou do empate (1-1). Finalmente, o 23 de outubro xogouse en Riazor un terceiro encontro, no que o Deportivo aliñou a Ramos, Ancos, Rodilla, José de Llano, Ocaña, Rajoy, Johnson, Ángel Rodríguez, Manuel Álvarez, Félix de Paz e Mejuto. Nun partido de novo duro e violento, a vitoria foi para o conxunto de Monelos, grazas a un solitario gol de Monasterio.
En 1911 o Deportivo inscribiuse na primeira edición da Copa Urzaiz, competición organizada polo Vigo FC, á que se apuntaron outros tres clubs coruñeses: Galicia, Real Club Coruña e María Pita. Estes dous últimos acabaron retirándose, polo que o Deportivo xogou contra o Galicia unha eliminatoria para decidir o representante coruñés na competición. Despois de que o árbitro lle anulase dous goles ao Galicia, este equipo deixouse marcar varios goles como protesta, rematando o encontro cunha goleada por 9-0 a favor do Deportivo. Con todo, o Deportivo non chegou a disputar a Copa Urzaiz, pois a súa petición de adiar o seu encontro, programado para esa mesma semana, foi rexeitada.
En febreiro de 1911 o conxunto coruñés enfrontouse a un equipo formado por mariñeiros ingleses dos cruceiros lixeiros Liverpool e Gloucester, que viñan de derrotar a varios clubs da provincia de Pontevedra, e conseguiu unha memorable vitoria por 3-0. Uns días despois o Deportivo recuperou a Copa Gabino Bugallal, organizando unha segunda edición cun regulamento aprobado pola Federación Española. Inscribíronse, ademais do Deportivo, os coruñeses Galicia, Everton, Celita e María PIta, o santiagués Gimnasio, o ferrolán Victoria e o betanceiro Brigantino.
O Deportivo iniciou a súa andadura no torneo xa en semifinais, derrotando por 4-0 ao Gimnasio, cun triplete de Paco Macho. Antes da continuación do torneo, o Deportivo afrontou outros compromisos, e en abril xogou en dúas ocasións ante o Vie au Grand Air du Médoc francés, sendo este o primeiro club estranxeiro ao que se enfrontou na súa historia, pois os equipos ingleses contra os que xogara anteriormente eran tripulacións de diferentes buques. Nun campo de Riazor ateigado cuns 3.000 espectadores, o Deportivo conseguiu a vitoria por 3-2 no primeiro encontro e un empate ao día seguinte.
A finais de abril chegou á Coruña o Racing Club de Irún para disputar dous amigables contra o Deportivo, encontros que tiveron unha gran repercusión na cidade, enchendo o campo de Riazor dous días seguidos. No primeiro deles, no que debutou co club galego Pinto de Carvalho, o primeiro futbolista portugués da historia do club, adiantouse o Deportivo cun gol de Macho, antes de que o Racing lle dese a volta ao marcador con dous goles e de que de novo Macho puxese o empate definitivo. No segundo partido, o Racing goleou por 4-0 aos coruñeses, sendo todos os goles obra do histórico Patricio Arabolaza, ata que o partido se suspendeu trala grave lesión de Baldomero Martínez, que sufriu unha rotura de tibia e peroné.
Os seguintes partidos do Deportivo foron amigables contra o María Pita (vitoria por 3-0) e contra o Fortuna de Vigo. O partido contra os vigueses, programado para o día 15 de xuño, suspendeuse aos 15 minutos por mor da intensa choiva caída sobre o campo de Riazor, mesmo motivo que obrigou á suspensión do encontro ao día seguinte, tras 5 minutos de xogo. A continuación participou na Copa da Asociación da Prensa da Coruña, xunto a Fortuna e Vigo, torneo que foi gravado polo cineasta Eduardo Villardefrancos para o seu filme Torneo de foot ball, un documental estreado un mes despois no Salón de París da Rúa Real e que supón a segunda gravación en vídeo dun partido de fútbol en España. No primeiro encontro o Deportivo caeu ante o Vigo por 1-2, mentres que no segundo o Fortuna derrotou ao outro conxunto vigués. A Asociación da Prensa establecía un terceiro partido para decidir o campión, pero o Fortuna emprendeu a viaxe de regreso a Vigo, considerando que o título era xa seu, pois derrotara ao club que gañara ao Deportivo. Máis tarde a Federación Española declarou vencedor ao Fortuna, aínda que o trofeo quedou en mans do Deportivo.
O 2 de xullo disputouse en RIazor a final da Copa Gabino Bugallal entre o Deportivo e o Everton, resultando vencedor o primeiro por 5-1. A continuación o Deportivo xogou sete encontros amigables, destacando as súas vitorias contra os cadetes da Academia de Infantería de Toledo e contra Gimnástica de Madrid. Xa en agosto caeu goleado por 5-0 diante do Fortuna de Vigo no campo de Bouzas, nun encontro correspondente á Copa López Seoane.
Persoal Xogadores +PosNacNomePORRogelio RamosDEFRodillaDEFAncosDEFWiilsonMEDJosé de LlanoMEDJack JohnsonMEDManuel OcañaMEDÁngel RodríguezMEDSamuel CampbellMEDRamón PortelaMEDRosendo SilvaMEDPinto de CarvalhoDIAVirgilioDIAMachoDIAParraDIAManuel ÁlvarezDIARamón Blanco-RajoyDIAMejutoDIACésar PitaDIAAntonio PortelaDIAFélix de PazDIAAntonio CatoiraDIAJosé RodríguezDIAVicente GonzálezDIAEduardo SilvaDIABarreiroDIAJoaquín Pérez
Xunta directiva +CargoNomePresidente José Longueira DíazVicepresidente Sixto PedregalTesoureiro Francisco DomínguezContador Virgilio RodríguezSecretario Salvador Fojón Partidos
Amigables
Campionato de Galicia (Vigo)
Copa Urzaiz
Copa Gabino Bugallal
Copa Asociación da Prensa da Coruña
Notas
Véxase tamén Bibliografía
1910 Categoría:Fútbol en 1910 Categoría:Fútbol en 1911