Paul Otlet, nado en Bruxelas o 23 de agosto de 1868 e finado na mesma cidade o 10 de decembro de 1944, foi un bibliógrafo, documentalista, xurista, emprendedor e escritor belga. Xunto con Henri La Fontaine, creou a clasificación decimal universal (CDU). Tamén participou no desenvolvemento da Oficina Internacional de Bibliografía, conservada no Mundaneum.

Otlet foi tamén socialista, pacifista, filántropo e anticolonialista. A súa ambición era permitir que as persoas se coñecesen mellor para non temerse os uns aos outros e vivir en paz.

Traxectoria Fillo do político Édouard Otlet, Paul Otlet é coñecido polos seus traballos no eido da bibliografía. En 1895, coa intención de establecer unha rede de cooperación internacional entre bibliotecas e bibliotecarios creou, xunto con Henri La Fontaine, a Oficina Internacional de Bibliografía. A Oficina contribuíu ao recoñecemento da documentación como disciplina científica. Estableceron tamén o Repertorio Bibliográfico Universal (RBU), que tiña como función recoller todas as obras publicadas no mundo, con independencia da súa época ou temática.

Para facilitar o acceso á información ao maior número de persoas, en 1905 creou o sistema de clasificación decimal universal (CDU), así como o estándar de 125mm x 75mm para as fichas bibliográficas, aínda en vigor. Tamén traballou, xunto con La Fontaine, no establecemento dunha Bibliographica sociologica, un repertorio de feitos e escritos relativos á sociedade. Contra 1895, constaba dunhas 400.000 entradas.

En 1909, consciente da transformación do libro e da necesidade de incluír todos os soportes posibles na investigación bibliográfica, publicou La Fonction et les transformations du livre. Ao ano seguinte, co seu colaborador Robert Goldschmidt, desenvolveu a bibliophoto, unha sorte de biblioteca portátil de microfichas.

Durante o período de entreguerras, o seu traballo como documentalista adquire un xiro universalista e globalizador. No marco do proxecto do Palais Mondial-Mundaneum, que buscaba integrar todos os saberes do mundo, Paul Otlet centrouse na multiplicación dos soportes de información, todos eles igualmente portadores da memoria.

Paul Otlet faleceu en Bruxelas o 10 de decembro de 1944. A súa tumba atópase no cemiterio de Etterbeek, na comuna de Wezembeek-Oppem.

Pensamento Paul Otlet foi descrito como pacifista e utópico, xa que procuraba unha globalización do coñecemento que "conduza á humanidade cara o progreso e a paz". Tamén destacou como filántropo.

Xa en 1888, publicou un texto en contra do colonialismo, L'Afrique aux Noirs, coincidindo co comezo do imperio colonial belga. O seu interese polo continente africano volveuse manifestar en 1921, cando participou na organización do segundo congreso panafricano.

A partir de 1913, interesouse por construír unha "cidade mundial", consagrada por enteiro ao saber, en colaboración con Le Corbusier. Consideraron varias localidades: Xenebra, Bruxelas e Anveres. Porén, o proxecto xamais viu a luz.

Notas

Véxase tamén Bibliografía

Categoría:Alumnos da Universidade Libre de Bruxelas Categoría:Científicos de Bélxica Categoría:Nados en 1868 Categoría:Finados en 1944