María Luisa Fernández Rodríguez, (coñecida como Marisa Fernández) nada en Ourense o 11 de xuño de 1951 e finada o 13 de novembro de 2025, foi unha matemática galega especializada en xeometría diferencial, xeometría simpléctica e estruturas G2. En 2019, foi galardoada coa medalla da Real Sociedade Matemática Española.
Traxectoria Fernández naceu en Ourense. Desde moi nova tivo as matemáticas como a súa vocación. Foi estudante de matemáticas na Universidade de Santiago de Compostela, onde se licenciou en 1974 e completou o seu doutoramento en 1976. A súa tese, titulada Estrutura e propiedades das variedades G1, foi dirixida polo matemático Enrique Vidal Abascal.
Despois dunha investigación postdoctoral co matemático Alfred Gray na Universidade de Maryland, no College Park (Estados Unidos), Fernández comezou a dar clases na facultade de ciencias da Universidade do País Vasco (UPV) en 1986. Posteriormente, converteuse en catedrática de xeometría e topoloxía no departamento de matemáticas desta universidade, sendo a primeira muller catedrática da Facultade de Ciencias (renomeada Facultade de Ciencia e Tecnoloxía) da UPV.
Marisa Fernández é unha docente e investigadora con implicación nas entidades matemáticas tanto nacionais como supranacionais, Comité Español de Matemáticas, Real Sociedade Matemática Española ou Sociedade Europea de Matemáticas. As súas investigacións céntranse no eido da xeometría e a topoloxía, concretamente na xeometría Riemanniana, xeometría simpléctica e complexa e con máis dunha centena de publicacións en diversas revistas de moita sona. Estivo na Comisión de Relacións Internacionais da Real Sociedade Matemática Española de 1998 a 2005.
Recoñecementos En 1988, a Deputación de Pontevedra concedeu a Marisa Fernández Rodríguez o Premio Antonio Odriozola de investigación básica. Posteriormente, en 2019, foi galardoada coa medalla da Real Sociedade Matemática Española.
Foi galardoada, xunto a Jesús Mª Sanz Serna e Sebastià Xambó Descamps, pola Real Sociedade Matemática Española (RSME) no ano 2019 polo seu compromiso coa entidade e unha meritoria actividade docente e divulgadora.
Notas
Categoría:Nados en Ourense Categoría:Nados en 1953 Categoría:Finados en 2025 Categoría:Matemáticos de Galicia Categoría:Alumnos da Universidade de Santiago de Compostela Categoría:Profesores da Universidade do País Vasco Categoría:Catedráticos da Universidade do País Vasco