A guerra civil rusa (en ruso Rússkaia grazhdánskaia voiná, Русская гражданская война, transliteración internacional Russkaja graždanskaja vojna) confrontación civil entre os comunistas bolxeviques (Exército Vermello) e un exército formado por un grupo heteroxéneo conservadores, demócratas, socialistas, nacionalistas e o chamado Exército Branco. O conflito durou de 1917/18 a 1920 ou 1921. O momento exacto do comezo é discutido polos historiadores. Algúns fano coincidir coa Revolución de Outubro de 1917, outros coa primavera de 1918.

A guerra foi dura e brutal, e incluíu ataques contra poboación civil; os mortos calcúlanse nuns oito millóns. A participación de forzas estranxeiras da Entente e dos Imperios centrais contribuíu a aumenta-la súa duración e violencia. A Unión Soviética perdeu como consecuencia da guerra o control dunha gran parte do Imperio Ruso: ademais da xa independente Polonia, que comprendía parte das actuais Ucraína e Belarús, os estados bálticos e Finlandia conseguiron a independencia. O conflito acabou coa vitoria do Exército Vermello sobre as últimas tropas brancas en Crimea en novembro de 1920.

Límites temporais

O período que abrangue a guerra é discutido tanto entre os historiadores occidentais como entre os rusos. Unha corrente de opinión sitúa o comezo da guerra en maio de 1918, coincidindo co alzamento da Lexión checa contra o Exército Vermello, a outra marca o inicio da guerra coa revolución de outubro, en novembro de 1917. Os partidarios da primeira postura inciden nas consecuencias das influencias estranxeiras no conflito. Os da segunda toman en consideración os alzamentos conta o poder soviético que comezaron case coa mesma revolución. O problema da datación exacta do período da guerra é causado polo mesmo desenvolvemento desta. Ámbolos dous bandos levaban a cabo campañas sen unha estratexia a longo prazo e provocados máis axiña polo propio desenvolvemento dos acontecementos. A intervención estranxeira e a guerra polaco-soviética contribúen aínda máis a esvaecer os límites da guerra.

1918 Afirmación do poder dos Soviets

Despois de asegurar militar e politicamente o control dos carozos do vello imperio tsarista os comunistas comezaron a estender o seu poder cara ás zonas periféricas. Foi entón cando apareceron as primeiras resistencias que prefiguraron as liñas de conflito da guerra civil. Estas tiveron lugar nas fronteiras rexionais, nacionais e sociais do estado plurinacional ruso, este período do conflito coñécese como "A guerra do ferrocarril", e caracterízase polas accións militares improvisadas de unidades revolucionarias que, partindo dos centros ferroviarios de Petrogrado e Moscova, se desprazaban ás diferentes áreas de conflito. Esta fase foi de triunfos continuos do Exército Vermello e durou ata o ataque dos imperios centrais en febreiro de 1918.

A resistencia cosaca

Os cosacos,considerados de etnia rusa, formaban unha minoría cun status especial. Estaban asentados como forzas defensivas nas zonas fronteirizas do imperio e formaban como tropas de cabalaría, un corpo de elite militar. Como contrapartida tiñan unha gran capacidade de autogoberno e amplas posesións de terras, que cultivaban por si mesmos ou arrendaban a campesiños non cosacos. A súa estrutura social, o seu monarquismo e os dereitos especiais que posuían facíanos pouco receptivos ó marxismo e mostráronse contrarios, en xeral, á toma do poder polo partido de Lenin. Xa en 1917 o atamán Durov, da rexión cosaca siberiana de Orenburgo, tentara organiza-la resistencia armada contra os comunistas, pero os campesiños-soldados cansos de loitar nas frontes da primeira guerra mundial non estaban en condicións de formar unidades de combate apropiadas. Orenburgo foi tomada por Gardas Vermellos o 31 de xaneiro de 1918. Máis consistencia tivo o alzamento dos cosacos da zona do Don. Alí o atamán e antigo xeneral Kaledin quixo formar un exército para restaura-lo imperio. Intentou mobilizar os habitantes non cosacos coa creación do "Goberno Unido da rexión". Unha vez máis o cansazo da guerra nos soldados e a falta de apoio dos agricultores da rexión do Don que agardaban que o poder soviético puxera fin ós privilexios territoriais dos cosacos e repartise as terras, non permitiron consolidar a resistencia. A reacción do Exército Vermello foi inmediata, pola posición estratéxica da rexión do Don, que era cruzado polas liñas de tren que viñan do Cáucaso e pola ameaza que a insurrección supoñía para o importante núcleo industrial da zona do Donets. En novembro de 1917 o comisario do ministerio da guerra, Antonov-Ovsejenko,foi encargado de tomar medidas especiais. Co traslado de traballadores armados desde Petrogrado, o recrutamento de soldados voltos da fronte do Cáucaso e a mobilización de traballadores da conca do Donets tivo á súa disposición unha forza de combate suficiente para derrotar ás tropas cosacas e conquistar Novocherkask, capital da rexión do Don, o 25 de febreiro de 1918 e acabou coa revolta.

Importante para o futuro da guerra foi a constitución do "exército de voluntarios" (Dobrovoltsaia armia), dirixida polo xeneral Kornilov, que co seu intento de golpe de estado de xullo de 1917 fora decisivo para acelerar a toma do poder polos comunistas. Na época da campaña do Don eran só 4000 soldados pero sería o núcleo do futuro Exército branco no sur de Rusia. Despois da derrota na rexión do Don, os voluntarios asentáronse na estepa ó sur desa rexión. Alí morreu durante un combate de artillaría o 10 de abril de 1918 Kornilov, que foi substituído por Denikin que ía dirixir as forzas conservadoras do sur de Rusia durante o ano seguinte. Despois de acabar coa sublevación do Don, o Exército Vermello atacou tamén a zona cosaca do Kuban acadando a súa capital Iekaterinodar o 13 de marzo.

Levantamentos das minorías nacionais

Ucraína

Os ucraínos eran a minoría nacional máis numerosa do Imperio Ruso e vivían nu territorio ben delimitado. Xa no século XIX aparecera un sentimento nacionalista entre os ucraínos que se afirmou en 1917 na constitución da "Rada" (parlamento ucraíno) perante a debilidade do poder central. A Rada estivo dominada por socialrevolucionarios e marxistas pero mantivo o desexo de busca-la soberanía nacional. O goberno leninista non quería tolerar unha soberanía ucraína de tipo parlamentario, especialmente porque Ucraína era a orixe de boa parte dos alimentos e materias primas que precisaba Rusia. O intento de solución do problema foi a constitución, por orde de Petrogrado, o 4 de decembro de 1917 dun "Congreso dos soviets de tódolos ucraínos" que debía actuar como contrapoder da Rada. O mesmo día os bolxeviques deron un ultimato ó parlamento ucraíno esixíndolle o recoñecemento do Congreso dos Soviets e ameazando con usa-la forza. O intento de illar o parlamento ucraíno fracasou pola pouca forza dos leninistas na zona e a falta de apoio da poboación. O mesmo día da súa constitución os parlamentarios do Congreso dos Soviets tiveron que deixar Kíiv e marchar a Khárkov, onde a poboación era maioritariamente rusa. Lenín encargou a solución militar ó socialrevolucionario e antigo oficial tsarista Mikhaíl Muravjov. A Rada non foi quen de organizar unha resistencia militar sólida e o 26 de xaneiro de 1918 a Garda Vermella tomou Kíiv.

Finlandia

Finlandia tiña baixo os tsares unha autonomía considerable. Elixía un parlamento propio que era o centro político da nación xa no Imperio. Os fineses estaban liberados da chamada a filas obrigatoria. Tamén alí os bolxeviques influíron no movemento obreiro. Unha crise política, a falta de alimentos e as tensión sociais provocaron o intento revolucionario de derrubar ó goberno do 27 de xaneiro de 1918, que triunfou no sur e foi suprimido polas tropas "brancas" gobernamentais no norte, e continuou na guerra civil finlandesa entre Brancos e Vermellos que se decidiu a favor dos primeiros polo mellor adestramento militar dos soldados e polo regreso de Alemaña das unidades de "cazadores" alí formadas. Lenín, que recoñecera en xaneiro a independencia finesa foi obstaculizado de axudar os vermellos polo tratado de Brest-Litovsk. O 5 de maio de 1918 os brancos comandados por Carl Gustaf Mannerheim conseguiron acabar coa resistencia vermella.

Besarabia

En Besarabia, actual Moldova as tropas bolxeviques sufriron outro revés cando os habitantes romaneses da provincia constituíron en xaneiro de 1818 a República Democrática de Moldova. Os gardas vermellos chegados ó apuro desde Odesa foron vencidos coa axuda de tropas vidas de Romanía. En abril de 1918 a nova república uniuse a Romanía. O goberno ruso conformouse con tomar o embaixador romanés como refén e con quedar coas reservas de ouro da antiga Besarabia que estaban en Petrogrado, pero non tentou recupera-lo territorio.

1918 - Intervención Austro-Alemá

A operación Faustschlag

A administración Bolxevique estaba dividida sobre as futuras actuacións en relación cos poderes centrais e a continuación da guerra. Só unha pequena parte do partido con Lenín á cabeza estaba disposta a unha paz sen condicións. A maioría dos comunistas rexeitaban ceder ós imperios alemán e austríaco máis territorios. O resultado foi que, durante as conversacións de paz, Lev Trotski manifestou que Rusia non aspiraba nin á paz nin á guerra con Alemaña e o Imperio Austrohúngaro.

O mando alemán dirixido por Erich Ludendorff decidiu entón a continuación dos ataques para obrigar ós comunistas a asinar un tratado de paz. A operación Faustschlag supuxo un ataque combinado das tropas de Austria-Hungría e Alemaña ó longo de toda a fronte do Leste. A operación comezou o 18 de febreiro de 1918 e en só tres días caeu Minsk, o 24 de febreiro Xitomir e o 3 de marzo Kíiv. Un día despois a delegación dirixida por Trotski aceptou a paz polo tatado de Brest-Litovsk. Lenín conseguira convencer ó partido despois das derrotas militares. O pacto deulle a Alemaña o control de Ucraína, Crimea e parte de Belarús e a Rusia do sur, ademais o avance das tropas dos imperios centrais continuou despois da sinatura do tratado.

Consecuencias da paz de Brest-Litovsk

O tratado serviu coma unha sorte de catalizador das tensións políticas entre os partidos burgueses. Os bolxeviques foron derrotados en todas as zonas de avance das tropas alemás. A ocupación deu un novo potencial ás faccións que foran marxinadas durante a fase de consolidación do poder vermello. Así a entrada dos alemáns en Crimea coincidiu cun alzamento dos tártaros musulmáns que asasinaron os membros do consello do comisariado popular da República Soviética de Crimea.

En Ucraína as tropas alemás, que contaran co apoio dos ferroviarios ucraínos durante a toma de Xitomir, permitiron a toma do poder polos nacionalistas que volveron a constituír un parlamento en Kíiv, que foi suprimido o 29 de abril polos ocupantes alemáns que o temían por estar dominado polos marxistas. Tomou o poder o nacionalista conservador Pavlo Skoropadskyi, que tomou o título de hetman e se constituíu en ditador, aínda que se mantivo no poder só ata a derrota dos alemáns na primeira guerra mundial, momento no que a Rada retomou o poder para volver perdelo dous meses despois en beneficio da Unión Soviética.