Isaac Puente Amestoy, nado en Abanto Zierbena o 3 de xuño de 1896 e finado en Pancorbo o 1 de setembro de 1936, foi un médico anarquista español e activista tanto da Confederación Nacional do Traballo (CNT) como da Federación Anarquista Ibérica (FAI). Puente foi moi influente na súa época, en especial nos círculos anarquistas e médicos, debido ao seu célebre folleto La finalidad de la CNT-AIT, el comunismo libertario, cunha tirada de case 100.000 exemplares en tres anos, dende a súa publicación en 1933.
Segundo a política feminista Federica Montseny, Ministra de Sanidade e Asuntos Sociais entre 1936 e 1937, "sen dúbida, o doutor Isaac Puente foi o principal inspirador dos logros colectivos da República Española".
Traxectoria Primeiros anos e educación Isaac Puente Amestoy naceu o 3 de xuño de 1896 en Las Carreras, unha pedanía de Abanto Zierbana. Era o terceiro de tres irmáns. O seu pai, Lucas Puente García, nado en Bustasur, foi oficial do exército carlista e tivo que exiliarse en Francia tras a derrota de 1876. A nai, Josefa Amestoy Hermoso de Mendoza, era natural de Lantziego. En 1911, a familia trasladouse a Vitoria, onde exerceron de farmacéuticos o pai e mais un dos seus irmáns máis vellos, Federico.
Puente estudou como alumno externo os primeiros catro anos do bacharelato no colexio dos xesuítas en Orduña, mentres residía na casa do seu padriño, o notario Isaac Uriarte. Rematou os dous derradeiros anos no Instituto de Vitoria. En 1913, estudou primeiro de Medicina en Santiago de Compostela, mais rematou a carreira en Valladolid, en 1918. Tras o servizo militar, comezou a exercer como médico rural en Cirueña; en 1919, obtivo praza de titular do partido de Maeztu, coas vinte aldeas da súa comarca, onde exerceu o resto da súa vida. O 12 de maio dese mesmo ano, Puente casou con Luisa García de Andoin, coa que tivo dúas fillas, Emeria e Araceli.
Actividade política En 1923, comezou a colaborar con revistas e xornais anarquistas da época, estimulado polo encontro con membros da CNT da capital alavesa. En 1930, foi nomeado deputado provincial de Álava, polo que se intensificou a súa actividade política. Esta primeira experiencia acabou de xeito decepcionante, pois dimitiu aos poucos meses de tomar o cargo, por non poder cumprir as súas promesas electorais. A partir de 1930, uniuse activamente á CNT e á Federación Anarquista Ibérica. Así, participou en 1931 na fundación da Federación Nacional de Sanidade da CNT, xunto con Augusto Alcrudo Solórzano.
Participou con Buenaventura Durruti e Cipriano Mera na insurrección anarquista de xaneiro de 1933 nas rexións de Aragón e A Rioxa, liderada pola CNT contra o goberno de Manuel Azaña. Este alzamento (ou revolución de decembro de 1933, en palabras da propia CNT) pretendía instaurar o comunismo libertario no país, e chegou a estenderse ás zonas de Extremadura, Andalucía, Cataluña e a conca mineira de León. O día 14, o goberno republicano declarou o estado de guerra e o exército interveu para recuperar a orde. O día 15 a CNT ordenou a volta ao traballo e, ao día seguinte, a policía detivo ao comité revolucionario. Puente foi detido e sometido a tortura, aínda que sería amnistiado, xunto co resto do comité, en maio de 1934, grazas á presión das folgas.
En total, foi detido e preso en tres ocasións: un mes en Maeztu (dende o 16 de abril de 1932), cinco meses en Zaragoza (dende o 16 de decembro de 1933) e, finalmente, na súa casa de Maeztu, dende o 28 de xullo de 1936.
Pasamento Puente foi fusilado polos franquistas o 1 de setembro de 1936, ao comezo da Guerra civil española, probablemente nas inmediacións da localidade de Pancorbo.
Pensamento Puente foi un importante teórico libertario durante o período republicano. As cuestións de saúde xogaron un papel fundamental na estruturación do pensamento anarquista en España dende a súa aparición a finais do século XIX. Durante a ditadura de Primo de Rivera (1923-1931), a represión das actividades sindicais tivo un grande impacto na organización do anarquismo, redirixindo a súa atención cara aos aspectos culturais do movemento, en particular a saúde. Así, médicos como Félix Martí Ibáñez, Juan Antonio Lorenzo Benito ou o propio Puente foron moi activos a nivel ideolóxico, teórico e práctico.
Neste sentido, Puente foi un dos autores anarquistas máis influentes durante a Segunda República, en especial polo seu texto La finalidad de la CNT-AIT, el comunismo libertario, do que se publicaron uns 100.000 exemplares en tres anos. Este texto inspirou a resolución final do congreso da CNT en Zaragoza en maio de 1936.
Puente exerceu a medicina rural e natural, privilexiando a prevención sobre a terapia. Foi un dos principais divulgadores do neomalthusianismo, o feminismo e as prácticas anticonceptivas en España. Fervente defensor da gratuidade na asistencia sanitaria, o seu humanismo foi partillado polos seus pacientes: "aínda hai persoas anciás que se lembran del como un gran médico, que sempre estivo do lado dos máis vulnerables".
Entre as súas posturas intelectuais, destacan o neomalthusianismo, a euxénese e o naturismo, promovendo tamén a hixiene pública. Ademais, estaba a favor do feminismo e da abolición da prostitución. Partidario da prevención, da información veraz e do coidado do corpo, defendeu a existencia dunha forte asociación entre saúde e revolución.
Puente divulgou sobre cuestións de saúde e sexualidade en revistas como Iniciales, Generación Consciente, Estudios (baixo o pseudónimo de "Un médico rural") ou Orto, entre outras.
Publicacións Divulgación de la embriología (1925) Neomalthusianismo (1930) Higiene individual o privada (1930) Los microbios y la infección (1931) El comunismo libertario: sus posibilidades de realización en España (1932) El comunismo libertario y otras proclamas insurreccionales y naturistas (1933) La fiebre, sus causas, su tratamiento (1934) Tratamiento de la impotencia sexual (1935) La higiene, la salud y los microbios (1935) Propaganda (1938), escolma póstuma de artigos.
Notas
Véxase tamén Bibliografía
Categoría:Anarquistas de España Categoría:Asasinados polo bando nacional Categoría:Personalidades da medicina alternativa Categoría:Nados en 1896 Categoría:Finados en 1936 Categoría:Escritores en lingua castelá