Joana Biarnés i Florensa nada en Terrasa, Barcelona en 1935 e finada ibídem o 19 de decembro de 2018, foi unha fotógrafa española considerada a primeira muller fotoxornalista de España.

Traxectoria Estudou na Escola de Xornalismo de Barcelona e foi a primeira fotógrafa española que adoptou a carreira profesional de reporteira gráfica. Iniciouse na fotografía cando era pequena e axudaba no laboratorio ao seu pai, que era fotógrafo deportivo. Cando estudaba, un profesor encargoulle facer unha reportaxe do matadoiro de Barcelona, sabendo que ela odiaba o sangue e non lle gustaban as corridas de touros. A pesar daquilo, rematou a reportaxe e un veterinario que ía publicar un libro sobre os matadoiros comproulle as fotografías para incluílas no libro. Ademais foi a primeira vez que lle dixeron que ía ser unha grande reporteira.

Cando terminou a carreira de Xornalismo pecháronselle as portas para traballar, de modo que a miúdo traballou co seu pai. Cubría acontecementos deportivos e, polo feito de ser muller, foi obxecto dunha forte hostilidade. A pesar de que tiña as acreditacións necesarias para traballar como reporteira, protagonizou situacións desagradables. Nun campo de fútbol, onde ía facer fotos, parte do público comezou a insultala, rodeáronna berrándolle e chiando,ata que o árbitro parou o partido co propósito de impedir que unha muller fixese fotos do partido. Tamén tivo que soportar a especial agresividade da policía, cando aparecía por las Cortes, en Madrid, ou escoitar as recomendacións de tinxirse máis de loira para conseguir mellores exclusivas.

Biarnés contou coa complicidade e o apoio das compañeiras de profesión, como por exemplo Isabel Steva Hernández (Colita), pero facerse coa axuda masculina levoulle máis tempo.

En setembro de 1962 cubriu a gran riada que na súa cidade natal, Tarrasa, produciu numerosas mortes. A súa experiencia foi tan dura que naquel momento foi cando pensou que xa podería aguantar moitas máis cousas.

Tamén no 1962 fixo unha peza en Barcelona para o xornal Pueblo titulada Cinderella de Pueblo. A reportaxe gustou ao director de Pueblo, Emilio Romero, quen a chamou para ofrecerlle un traballo como fotógrafa no xornal Pueblo de Madrid. Atrevida e gran profesional, como fotoxornalista arriscou moito para conseguir as noticias que buscaba. Tamén traballou en moitos eventos sociais importantes da época.En Madrid coñeceu ao xornalista francés Jean Michel Bamberger, que produciu o programa Ustedes son formidables, de Alberto Oliveras, quen os presentou e anos despois no 1970 casou con Bamberger.

En 1965 cubriu o concerto dos Beatles en Madrid. A través do responsable de relacións públicas da empresa Iberia, Biernés conseguiu un asento no mesmo avión que o grupo colleu de camiño a Barcelona, o que lle permitiu facerlles unhas fotos ata que os gardacostas lle impediron seguir. No hotel Avenida Palace de Barcelona, esquivou ao equipo de seguridade subindo ao ascensor, petou na porta da suite onde estaban aloxados e preguntou se podía facerlles máis fotos. Convidárona a entrar e quedou alí tres horas, conseguindo unha reportax pouco habitual sobre o paso dos Beatles por España. Ao día seguinte ofreceu este traballo ao xornal Pueblo, que o rexeitou porque tiñan ordes de cubrir a visita dos Beatles a Madrid, pero nada máis. Biernés entregou o informe á revista Ondas para que polo menos saíse publicado.

Durante anos foi a fotógrafa do cantante Raphael. Fixo reportaxes sobre Sara Montiel, a duquesa de Alba, Sammy Davis Jr., Sebastian Palomo Linares, Lola Flores, Audrey Hepburn, Tom Jones, Manuel Benítez (O Cordobés) e Joan Manuel Serrat. Acompañou a Massiel a París para comprar o vestido para o festival de Eurovisión. Cando na tenda Dior lles dixeron que non tiñan nada axeitado, Joana suxeriu ir a Courrèges, onde compraron o vestido que levaba cando gañou o Festival de Eurovisión de 1968.

Nunha ocasión encargáronlle que fose ver a Salvador Dalí e pedíselle que pintase o número que cría ía saír premiado na lotaría de Nadal. Dalí pintou o número 60477. No xornal dixéronlle que ese número non entraba no bombo. Así que volveu e pediulle a Dalí que o rectificase e entón borrou o número anterior e pintou o número 50477.

Para facer unha reportaxe sobre o director Roman Polanski fíxose pasar pola esposa de José Luís Navas e preparoulle unha paella. Para a reportaxe do bailarín Rudolf Nureyev fíxose pasar pola secretaria do bailarín Antonio.

No diario Pueblo realizaba unha páxina dedicada á moda ao estilo das revistas Vogue e Elle. Deixou o diario Pueblo e foise a traballar para Raphael. Luís María Anson fichouna para o diario ABC.

Fundou a axencia de fotografía Sincropress, cun grupo de compañeiros. Tamén traballou para as axencias Heliopress, Contifoto e Cosmopress. Deixou a prensa en 1985, en desacordo co estilo sensacionalista que se impuxo á profesión. Abriu o restaurante Cana Joana en Eivissa, considerado un dos mellores de Baleares. Participou nun episodio do programa de cociña Con las manos en la masa de Elena Santonja. Pechou o restaurante e retirouse a Viladecavalls, Barcelona.

O 25 de outubro de 2017 presentouse o seu libro Joana Biarnés. Disparando co corazón no Centro Cultural Conde Duque de Madrid. En decembro de 2017 expuxo no Palau Robert de Barcelona unha selección de 90 fotografías do seu amplo arquivo fotográfico que mostran a España da posguerra civil.

Ao redor de 2001 diagnosticáronlle unha maculopatía dexenerativa que lle reduciu paulatinamente a visión e en 2016 só lle quedaba o 30% de visión. Faleceu en Barcelona o 19 de decembro de 2018, aos 83 anos.

O seu colega, Gervasio Sánchez, premio nacional de fotografía 2009, dixo dela que: Por intuición, por olfacto e paixón, Joana Biarnés foi unha adiantada a o seu tempo.

Premios e recoñecementos

2014: A Generalitat de Cataluña concedeulle a Cruz de Sant Jordi.

Publicacións

Joana Biarnés. Disparando con el corazón. (2017) Editorial Blume ISBN 9788417056087

Documental En 2016 estreouse o documental Joana Biarnés, una entre todos sobre a súa vida, o seu traballo e a súa achega á historia do xornalismo gráfico en España. Con guión e dirección de Óscar Moreno e Jordi Rovira, e realización e posproducción de Xavier Baig, o documental cofinanciouse a través dunha campaña de micromecenazgo na plataforma Verkami. Foi coproducido por Televisión Española e Televisión de Cataluña, e contou co apoio da Deputación de Barcelona, o Instituto Catalán das Mulleres, o Departamento de Cultura da Xeneralidade de Cataluña e a Fundación Photographic Social Vision.

Notas

Véxase tamén Bibliografía Fotògrafes pioneres a Catalunya: Anaïs Napoleón, Dolores Gil de Prado, Carme Gotarde i Camps, Madronita Andreu, Montserrat Vidal i Barraquer, Rosa Szücs de Truñó, Carme garcía de Ferrando, Maria Serradell i Sureda, Roser Oromí Dalmau, Roser Martínez Rochina, Montserrat Sagarra, Joana Biarnés, Institut Català de les Dones, Direcció General de Difusió Corporativa, 2005, 40 pp. ALCAIDE, Estela, Fotoperiodismo 3.0, Editorial Libros.com, 2017, 196 pp. ISBN 8417023194, 9788417023195 VILLACASTÍN, Rosa, Los años que amamos locamente: Amor, sexo y destape en la Transición, Penguin Random House Grupo Editorial España, 2017, ISBN 8401019559, 9788401019555

Ligazóns externas El objetivo apasionante de Joana Biarnés en el Colegio de Periodistas de Cataluña. Joana Biarnés Florensa (1935). Perfil biográfico en Periodistas en tiempos difíciles. “La fotografía ya no tiene sentimiento” en El País, 27/12/2012. La primera fotoperiodista vuelve a la luz en El Confidencial, 6/9/2014. Imprescindibles. 'Joana Biarnés. Una entre todos' Documental.TVE, 31/05/2016. 

Categoría:Fotoxornalistas Categoría:Nados en 1935 Categoría:Finados en 2018 Categoría:Nados en Terrasa