Hyppolyte Havel, nado en Bukovsko (Imperio Austrohúngaro) o 11 de agosto de 1871 e finado en Nova Jersey o 10 de marzo de 1950, foi un anarquista estadounidense de comezos do século XX, parte do círculo radical de Emma Goldman.
Traxectoria Joseph Hypolit Havel naceu o 11 de agosto de 1871 na vila austrohúngara de Bokovsko (actual Dolní Bukovsko, na República Checa), fillo do tecedor Hypolit Havel e a súa muller, Anna Zikešová. Havel introduciuse nos movementos anarquistas durante a súa mocidade e estivo en prisión debido ás súas actividades. Nun primeiro momento, foi declarado "mentalmente incapacitado"; porén, tras unha intervención do psiquiatra alemán Richard von Krafft-Ebing, considerárono sandado, polo que foi trasladado do hospital psiquiátrico a un cárcere común.
En novembro de 1899, logrou fuxir a Londres, onde coñeceu á activista estadounidense Emma Goldman, que estaba a dar conferencias no país. Xuntos viaxaron a París, onde axudaron a planificar o Congreso Antiparlamentario Internacional de setembro de 1900.
Posteriormente, Havel viaxou con Goldman aos Estados Unidos e, como inmigrante, asentouse na cidade de Chicago. Durante un tempo, Goldman e Havel compartiron residencia e Mary e Abe Isaak, unha parella de anarquistas, e a súa familia. En setembro de 1901, Goldman, Havel, Isaak e outros dez anarquistas foron arrestados como sospeitosos do asasinato do presidente William McKinley, perpetrado polo anarquista Leon Czolgosz. Este afirmara inspirarse nun discurso de Goldman. Malia insistir na súa inocencia, Goldman permaneceu detida dúas semanas. Havel e o resto do grupo foron liberados moito antes.
Havel traballou como editor de diversas publicacións anarquistas, entre elas Arbeiter Zeitung, redactada en lingua alemá e, máis tarde, The Revolutionary Almanac (1914) e Revolt (1916).
Posteriormente, mudouse a Nova York con Goldman, establecéndose no Greenwich Village, un centro da política radical da época, que Havel describiu como "unha rexión espiritual para a mente". Alí, casou con Polly Holladay, unha anarquista coa que abriu un restaurante en Washington Square. O establecemento era frecuentado por radicais, artistas e escritores. Especúlase que Goldman e Havel foron amantes, incluso despois do matrimonio deste. A finais da década de 1910, Havel adoptou a Berenice Abbott, que chegou a ser unha célebre fotógrafa.
Havel escribiu unha biografía de Goldman e un ensaio introdutorio para a súa escolma de ensaios Anarchism and Other Essays (1910). Tamén escribiu múltiples artigos e ensaios para revistas anarquistas, entre as que se inclúe Mother Earth, dirixida pola propia Goldman. O seu texto "What Is Anarchism?" saíu do prelo en 1932. Porén, a primeira colección dos seus escritos data de 2018. Tamén redactou o prólogo da primeira escolma de escritos de Voltairine de Cleyre, compilada por Alexander Berkman.
Havel foi amigo do dramaturgo Eugene O'Neill. Este baseou a personaxe de Hugo Kalmar, de The Iceman Cometh, en Havel.
Havel faleceu o 10 de marzo de 1950 en Nova Jersey, aos 78 anos.
Publicacións "Harry Kelly: An Appreciation" (1921) "What Is Anarchism?" (1932) Proletarian Days: A Hippoyte Havel Reader (edición de Nathan Jun, 2018).
Notas
Véxase tamén Bibliografía
Outros artigos Anarquismo nos Estados Unidos de América Emma Goldman
Ligazóns externas Obras de Hippolyte Havel (Proxecto Gutenberg)
Categoría:Estadounidenses de ascendencia checa Categoría:Anarquistas dos Estados Unidos de América Categoría:Finados en 1950 Categoría:Nados en 1871 Categoría:Escritores en lingua inglesa Categoría:Escritores dos Estados Unidos de América