400px|miniatura|dereita|Gustave Boulanger, Mercado de Escravos, 1888. Documentos e evidencias sobre a escravitude pódense atopar en case todas as culturas e continentes, porén as súas orixes son descoñecidas. A escravitude pode ser rastrexada nos textos máis antigos, como o Código de Hammurabi, en Mesopotamia, datado no segundo milenio a.C., que xa se refire ao escravismo como unha institución arraigada. O traballo forzado de mulleres nalgunhas culturas antigas e modernas pode ser identificado coa escravitude. Neste caso adoita incluír servizos sexuais.

A historia da escravitude no mundo antigo está estreitamente ligada á guerra. As fontes documentais de Mesopotamia, de Exipto, do Israel antigo, Grecia, Roma, Persia, da China, das civilizacións maia e azteca e da India, están repletas de referencias á escravitude en relación coa guerra. Os prisioneiros de guerra eran frecuentemente reducidos á escravitude polos seus vencedores ou captores, a miúdo obrigados a traballar en labores militares, de enxeñaría civil ou agrícolas, ou ben como serventes domésticos. Moitas propiedades da Antigüidade mantíñanse do labor dun ou máis escravos. Independentemente das testemuñas escritas directas, a escravitude doméstica e a escravitude de concubinato, foi observada entre pobos nómades de Arabia, entre nativos de América, cazadores e recolectores de África, Nova Guiné e Nova Zelandia, e entre os pobos xermanos, os viquingos e outros pobos.

Ademais da guerra como fonte de aprovisionamento de escravos, o castigo penal de criminais convertía a estes en escravos, de ordinario como forma de compensar as vítimas. A escravitude por débedas existiu en moitas sociedades primitivas. Así entre grupos africanos, mulleres e nenos eran dados como reféns por débedas ou outras obrigas e, se tales obrigas non eran resarcidas, os reféns pasaban a ser escravos.

Moitas sociedades antigas posuían máis poboación escravizada que poboación libre, que era a que controlaba a aqueles. Estaba permitida a crueldade e os abusos cos escravos, mais con frecuencia recibían un tratamento semihumanitario como propiedade valiosa.

Escravismo antigo

Antigo Exipto dereita|miniatura|125px|Figura exipcia de época ptolomeica (séc. I a II) en bronce dun escravo negro atopada en Fayum, preto de Memphis

Os exipcios utilizaron escravos capturados en guerras ou comprados a estranxeiros. Porén, ao contrario da crenza popular, as grandes pirámides foron construídas por persoas libres, non por escravos. Non usaron escravos en gran número.

Todos os escravos provenientes de cativos de guerra eran considerados propiedade do faraón e non eran vendidos a propietarios particulares, aínda que o soberano podía doar ou regalar escravos a xenerais ou sacerdotes. Os escravos foron tamén conseguidos nos diversos períodos faraónicos mediante expedicións a Nubia, no Sur, e ao Punt, o "país dos negros".

O escravismo exipcio é tamén lembrado en pasaxes bíblicas. Así Xosé, o fillo de Xacob, é vendido como escravo en Exipto, aínda que acaba ascendendo ata ocupar un elevado rango na corte faraónica. Posteriormente no libro do Éxodo coñecemos como todos os hebreos residentes en Exipto son reducidos á escravitude. Sábese doutros casos de escravos exipcios, que como Xosé, ascenderan socialmente, logo de casar con nativas. Porén, existen numerosos exemplos de escravos que traballaban ata morrer nas minas de cobre exipcias da península do Sinaí.

Como noutras sociedades, houbo unha ampla variedade de escravos: desde escravos domésticos e titores que atinxían un alto prezo, a artesáns hábiles, a traballadores rurais (así aparecen pintados escravos canaanitas en labores de prensado de uvas).

O escravismo na Grecia antiga

A escravitude aparece como normal e natural, segundo mesmo defenden os filósofos clásicos con Aristóteles á cabeza. A man de obra escrava resulta indispensábel en todo tipo de tarefas (construción, agricultura, artesanato etc). A escravitude é imprescindíbel para o funcionamento da democracia ateniense, a fin de deixarlles tempo para a política aos homes libres. Estímase que na época clásica 3/4 da poboación ateniense eran escravos.

En Atenas, a polis da que estamos mellor informados, había varias categorías de escravos:

Escravos domésticos, que viven na casa dos seus amos, traballando na mesma morada, no campo ou nunha tenda. Escravos "dependentes" (choris oikountes), que non viven cos seus amos, mais traballan nos negocios deles (facendas rurais, tendas, talleres etc.), dirixíndoos incluso, e que pagaban unha taxa monetaria a eses mesmos amos (mesmo houbo unha sociedade que alugaba este tipo de escravos). Escravos públicos, que traballaban como policías, porteiros, secretarios, varredores etc. Cativos de guerra (andrapoda), que servían especialmente en tarefas non especializadas e rudas, nas que podían ser encadeados, p.ex. remeiros en barcos ou mineiros.

Os escravos en Grecia tiñan algunha oportunidade para emanciparse, aínda que fose custosa para os seus amos. A lei dáballes algunha protección aos escravos, e pese a que a lei permitía que fosen golpeados, certas limitacións morais e culturais impedían un excesivo uso da violencia por parte dos donos.

Situación diferente era a dos ilotas de Laconia, clarotas de Creta, penestas de Tesalia ou gimnetas de Argos; a súa condición é máis parecida a dos servos da gleba medievais: suxeitos á terra, herdando a condición de pais a fillos, non poden ser vendidos.

O escravismo na Roma Antiga Consonte Roma se expandiu cara ao exterior, foron escravizadas poboacións enteiras. As persoas suxeitas ao escravismo romano procedían de toda Europa e dos países mediterráneos. Tal opresión por un grupo minoritario provocou levantamentos eventuais (ver Guerras Servís romanas); a Terceira Guerra Servil, orixinada pola rebelión de escravos e conducida por Espártaco, foi o máis famoso e cruel dos levantamentos escravistas. Individuos gregos, africanos, xermanos, tracios, galos, xudeus, árabes e doutras moitas procedencias foron escravizados, non só como forza de traballo, senón incluso como diversión (p.ex., gladiadores). O escravo que se levantaba contra o poder romano era condenado á crucifixión (como todos os que se sublevaban), pero tamén o escravo que simplemente tentaba fuxir podía ser crucificado.

A escravitude chegou a ser un piar económico vital para Roma. Durante a República e o Alto Imperio calcúlase que entre o 15% e o 20% da poboación eran escravos, e ata o século II -cando foron promulgadas leis protectoras dos escravos- un amo podía legalmente matar un escravo. Porén isto parece que foi sempre raro, por complexas razóns sociais. En todo caso a Lei Cornelia, do 82 a.C., prohibíalles aos amos matar os seus escravos; a Lei Petronia, do 32 a.C., vedaba que os escravos fosen obrigados a combater no circo. Suetonio escribiu (Claudius, 25), que so o emperador Claudio, se un amo descoidaba a saúde dun seu escravo, ata o punto de morrer este, o amo podía ser acusado de asasinato; aínda máis, se se recobraba nun templo de Esculapio, o escravo podía ser libre. Dión Crisóstomos, un estoico grego que viviu en tempos do emperador Traxano, dedicou dous Discursos (14 e 15), que foron debatidos dous días no Foro, a combater a escravitude. Séneca (en De Clementia, 1:18), no século I d.C., relata que amos que foron crueis cos seus escravos foron insultados publicamente. O emperador Hadriano, no século II, renovou as leis Cornelia e Petronia. O lexislador Ulpiano, un estoico do século III d.C., proclamou ilegal que os pais vendesen os seus fillos como escravos. E o emperador Diocleciano (séculos III-IV) elevou a ilegal que un acredor reducise á escravitude a un debedor e que calquera persoa se puidese vender ela mesma como escravo para pagar unha débeda.

O número de escravos liberados (manumissio) chegou a ser importante, de xeito que houbo que ditar leis que impedían a práctica masiva, para non pór en perigo os dereitos dos herdeiros. Eses escravos libres eran denominados libertos, e o gorro frixio foi o símbolo da súa liberdade. Quedaban vinculados ao amo, para quen realizaban negocios, chegando a constituír un estrato social importantísimo e, en casos, poderoso economicamente (un liberto, novo rico, é o protagonista da novela Satiricón de Petronio). Máis dun emperador contaba con libertos entre seus ascendentes.

O escravismo na Idade Media miniatura|250px|Al-Wasiti, Mercado de escravos en Zabid, Iemen, 1236-1237, Bibl. Nac. Francia Á fin da Roma antiga corresponde, en Occidente, o paso progresivo da escravitude a unha forma "dulcificada", a servidume, xeneralizada a partir do século VIII.

Porén, a institución da escravitude subsistiu durante a Idade Media. Desaparecida, máis ou menos, ao Norte dos Alpes, o número de escravos aumentou en Cataluña e, nomedamente, en Italia entre o século XIII e o XV. As grandes repúblicas marítimas de Xénova e de Venecia son os maiores mercados de escravos da época. Son reducidos á escravitude sobre todo os individuos capturados ao Norte do Mar Negro, onde a colonia xenovesa de Caffa representa o centro do tráfico de escravos. Os homes son, na súa maioría, exportados ao Exipto dos mamelucos, onde son un recurso indispensábel na recruta de soldados, en tanto as mulleres son trasladadas, maiormente, a Italia e ás grandes illas mediterráneas (Chipre, Creta, Sicilia, Mallorca), onde son explotadas no servizo doméstico.

O escravismo no islam Como o cristianismo, o islam esténdese nun mundo onde o escravismo é unha compoñente, e como el, adáptase sen revolución social. En principio, o Corán prohibe soamente a escravitude dos musulmáns, diferenciando entre países de "infieis" e países islámicos. De aí, que se explique, polo menos parcialmente, que ata os inicios do século XXI, países musulmáns como Arabia Saudita, Sudán ou Mauritania acepten a escravitude de negros cristiáns e animistas.

A pesar das prohibicións atinxentes aos musulmáns, califas e sultáns non dubidan en reducir ao escravismo os rebeldes e os «maos musulmáns», especialmente no Al-Andalus ibérico.

O escravismo entre os viquingos Durante a Era viquinga, desde ca. 793 d.C., as razias normandas levaron a capturar e escravizar os seus opoñentes. En Noruega e Islandia os escravos foron denominados thralls (Old Norse: Þræll). Os thralls procedían, na maior parte, da Europa occidental, entre os que se contaban francos, escoceses, irlandeses, anglo-saxóns e xermanos, así como eslavos. A escravitude entre os normandos desapareceu coa difusión do cristianismo e a adopción de leis nacionais nos países escandinavos.

A escravitude na Idade Moderna

No Imperio Otomán No Imperio Otomán a vitoria nas batallas comportaba o capado dos vencidos. Estes capados, eunucos, eran admitidos polos estratos sociais elevados para gardar o harén. Así mesmo mulleres escravizadas eran compradas como concubinas, que realzaban a natureza patriarcal do poder (o poder era só herdado por liña masculina).

Os escravos do Estado otomán, en xeral, eran traídos da Europa oriental e do Sur de Rusia. Tanto os mamelucos como os xanízaros constituían tropas especiais, cuxos guerreiros procedían de escravos, nacidos cristiáns, dos Balcáns na súa maioría. Durante a fase final do Imperio Otomán, cando ao longo do século XIX, declinou o poder da Sublime Porta na Europa oriental, os otománs comezaron a importar escravos subsaharianos a través de Exipto. Os escravos negros eran correntes entre as elites otomás como domésticos, serventes ou criadas.

A escravitude foi abolida en Turquía en 1847.

Na Europa cristiá Os países da Europa do Sur, na chegada da nova era, estaban máis preparados, pola perduración da escravitude ao longo da Idade Media, ben que non fose sistemática.