Vimianzo é un concello da provincia da Coruña, pertencente á comarca da Terra de Soneira e integrado no partido xudicial de Corcubión. O seu xentilicio (véxase no Galizionario) é «». É un dos concellos máis extensos da provincia (187,4 km²) que, segundo o IGE, tiña 7.138 habitantes en 2018 (7.565 no 2015, 8.128 no 2010, 8.402 no 2006, 8.466 no 2005, 8.517 no 2004, 8.653 en 2003), cunha baixa densidade de poboación (38,09 hab./km²). Sitúase practicamente equidistante das cidades da Coruña e Santiago de Compostela; pese a ter apenas uns metros de liña costeira está considerado tamén un dos concellos que forman parte da Costa da Morte.
Xeografía
Situación Limita cos concellos de Zas, Dumbría, Muxía, Camariñas e Laxe. Pola parte sueste limita co Encoro da Fervenza, que o separa do concello de Mazaricos. Conta cun total de 187,4 quilómetros cadrados distribuídos en 14 parroquias.
Orografía O seu punto máis alto atópase nos montes do Cabral, na parroquia de Baíñas, lindando co concello de Dumbría, cuns 515 metros sobre o nivel do mar.
Hidrografía O seu principal curso fluvial é o río do Porto.
Clima O clima de Vimianzo é suave e xeralmente morno e moderado. Os meses de inverno son moito máis chuviosos cós do verán. A temperatura media de Vimianzo é de 13.9 °C. 118 mm é a diferenza de precipitación entre o mes máis seco e o mes máis chuvioso. 9.4 °C é a variación das temperaturas medias durante o ano. A pluviometría anual é duns 1058 mm.
A continuación amósanse os datos mensuais dos valores medios de temperaturas e precipitacións:
17px Temperaturas e precipitacións mensuais Mes Xan Feb Mar Abr Mai Xuñ Xul Ago Set Out Nov Dec Ano Temperatura media (°C) 9,7 9,7 11,3 12,6 14,1 16,6 18,3 19,1 17,6 15,3 12,4 10,3 13,9 Temperatura mínima (°C) 7,2 6,9 8,3 9,2 10,8 13,2 14,9 15,6 14,4 12,2 9,7 7,7 10,9 Temperatura máxima (°C) 12,3 12,5 14,4 16,0 17,4 20,0 21,7 22,6 20,9 18,5 15,1 13,0 18 Precipitacións (mm) 122 92 108 72 76 47 29 45 72 103 147 145 1058Fonte: Climate-Data.org
Demografía
Censo total 2014 7.710 habitantes Menores de 15 anos 713 (9.25 %) Entre 15 e 64 anos 4.687 (60.79 %) Maiores de 65 anos 2.310 (29.96 %)
Fonte: Instituto Nacional de Estadística, INE, 1857-2011
Etimoloxía O topónimo procedo do latín uimen, “vimbio”, co sufixo –antio, presente noutros topónimos como Camanzo ou Arganzo.
Historia Prehistoria Non se teñen atopado en Vimianzo restos anteriores ao Neolítico e, como en moitos outros lugares de Galicia, tampouco se teñen achado restos orgánicos por mor da acidez do solo; porén, si abundan os depósitos megalíticos, moitos deles en bo estado de conservación.
Por outra banda, se ben até 1986 só había dous castros identificados (o castro do Sino e o castro das Barreiras), na actualidade coñécese a existencia de -polo menos- dez deles, identificados na obra O poboamento castrexo na rexión occidental da provincia da Coruña de Xerardo Agrafoxo. Ademais, ao igual que en moitos outros lugares, Vimianzo tamén herdou topónimos referentes a antigos asentamentos como Castrobuxán, Castrelo, Castro ou Castromil.
Época romana Crese que en Brandomil (moi próximo a Vimianzo) estaba a sede da mansión Grandimirum da vía 20 do Itinerario IV de Antonino, de onde partiría un ramal cara ao norte pasando por Tines, importante enclave histórico tendo en conta os camiños que o percorreron (de Zas cara a Vimianzo, e de Baio cara a Baíñas) e polos restos arqueolóxicos atopados en 1951 por Manuel Chamoso Lamas no adro da igrexa e terreos lindeiros: Unha necrópole suevo-romana con enterros que datan desde o século I ao VIII d.C. Unha vila romana con catro salas. A Estela Funeraria de Victorinus (exposta no Museo Arqueolóxico e Histórico Castelo de Santo Antón), probablemente un dos primeiros testemuños epigráficos cristiáns. Tres sarcófagos de pedra no adro (consérvase un semellante na contorna da igrexa de Salto). Aparentemente a maior parte dos enterramentos son da época sueva. Dada a abundancia de sarcófagos e lápidas, Chamoso Lamas cualificou esta descuberta como a máis importante de restos da cultura bárbara en Galicia.
Amais, nos Penedos de Pasarela e Traba algúns autores teñen situado os altares romanos para sacrificios rituais coñecidos como "Aras Sextianas".
Idade Media Dominio da casa de Traba Soneira xa consta documentalmente como territorio diferenciado como mínimo desde mediados do século IX, como recollen as investigacións ao respecto de Xosé María Lema Suárez en A Arte relixiosa na Terra de Soneira. Porén, non se dispón de moitos datos relacionados coa historia destas terras, agás referencias illadas como a que aparece na Historia Compostelá, onde se dá conta da devastación por parte de piratas almorábides en 1115, comandados polo almirante Alí-ben-Memón. Segundo as crónicas, naquela época os labregos das zonas achegadas á costa, dende mediados de abril, deixaban desertas as terras para se retiraren cara ao interior e refuxiárense en covas. Nos portos galegos só se construían barcos para a navegación de cabotaxe e o almirante galego Rodrigo Froilaz, irmán do conde de Traba, non era capaz de rexeitar as acometidas piratas. Esta zona soportou ao longo da historia máis ataques, como as incursións normandas.
Durante a Idade Media a historia rural da comarca dependeu, primeiramente, do nacente influxo compostelán mais, por outra banda, da función directiva eclesiástica exercida polo mosteiro de San Xián de Moraime, fortemente ligado á casa de Traba.
Aténdose ás características dos muros do castelo de Vimianzo, calcúlase que esta construción ten a súa orixe nos últimos anos do século XII ou comezos do XIII. Esta fortaleza será a partir de entón protagonista da disputa polo poder e organización da comarca até a chegada da Idade Contemporánea.
Século XIV. Ocaso da liñaxe dos Traba O poder político dos Traba esmoreceu despois do século XIII, a familia extinguiuse e os seus bens pasaron á casa de Andrade e aos arcebispos composteláns. En 1348 o rei Afonso XI de Castela confiscou o castelo de Vimianzo a Rui Soga Mariño de Lobeira para venderllo ao arcebispo compostelán Juan García Manrique. Pasou posteriormente a mans do duque de Arjona, Fadrique Enríquez.
Cronoloxía do século XV. Comeza o dominio da casa dos Moscoso de Altamira Calcúlase que entre 1425 e 1429 o castelo de Vimianzo pasou por primeira vez a pertencer aos Moscoso de Altamira. En 1464 figuraba como señor da fortaleza Bernal Yáñez (ou Sánchez) de Moscoso, quen en 1465 lle quitara a vila de Noia a Alonso II de Fonseca, facéndoo prisioneiro e encerrándoo no castelo soneirán entre ese mesmo ano e o seguinte. Dous anos despois o castelo foi tomado polos Irmandiños; após a derrota dos rebeldes apoderouse del o arcebispo Fonseca, que ordenou a súa reconstrución en 1472 con traballos forzoso para os vencidos da revolta. Asemade, designou como alcaide a Joán Mariño de Lobeira con corenta homes para o defender.
En 1472 Lope Sánchez de Moscoso (proclamado uns anos antes primeiro conde de Altamira e quen xa mandara construír as torres de Mens para defender os seus territorios na Costa da Morte) tomou de novo o castelo para a súa familia até que esta abandonou Galiza.
Idade Moderna. A xurisdición do Castelo de Vimianzo Desde finais da Idade Media e até o século XIX xestionouse desde o castelo dos Moscoso de Altamira a xurisdición de Vimianzo (concellos de Vimianzo, Zas, Camariñas, Laxe, Cabana e parte de Muxía), que dominaba a maior parte da vella Somnaria ou Sonaria medieval (do Pico de Meda ao cabo Vilán e a ría de Camariñas; do último tramo do río Anllóns e da Ría de Corme e Laxe ao tramo medio do río Xallas), concentrando na súa contorna unha gran parte da nobreza da zona.
Os condes de Altamira deixaron de residir en Galiza -para facelo na Corte- desde comezos do século XVI, e así tiveron en Vimianzo os seus apoderados ou meiriños. Porén, os señores víronse forzados a volver en determinadas ocasións para organizar partidas populares obrigadas a defender (ante o desamparo do Estado) a Costa da Morte dos frecuentes ataques corsarios ou de navíos de guerra das armadas inglesa, francesa ou neerlandesa, con graves consecuencias para as igrexas das parroquias costeiras. Non sería até a segunda metade do século XVIII, cando o Goberno español considerou por fin a necesidade de dotar a comarca dunha infraestrutura de defensa axeitada. Así, os enxeñeiros militares da corte dos Borbóns, seguindo instrucións do Marqués de la Ensenada, iniciaron a construción entre 1740 e 1767 de varias baterías de defensa das pequenas vilas da Costa da Morte.
Época Contemporánea
Século XIX A ocupación francesa fíxose sentir en Vimianzo, en 1809, cando as tropas napoleónicas prenderon lume á igrexa de Baíñas. Posteriormente, coa extinción do Antigo Réxime desapareceu tamén a provincia de Santiago de Compostela -á cal pertencía Vimianzo- pasando daquela a se integrar na actual provincia da Coruña, formada en 1833. O concello de Vimianzo creouse en 1836.
No económico esta época caracterizouse pola conquista da terra por parte dos labregos. Imperaba o réxime foral, polo que o propietario da terra (normalmente o clero ou a alta nobreza) lle cedía a outro o dominio útil reservándose, ademais doutros dereitos, a percepción dunha renda anual. A súa duración era a vida de tres reis e 29 anos, o que supoñía duns 50 a 75 anos de vixencia. Entre os aforados e os propietarios estaba a fidalguía, aliada dos campesiños no momento en que o clero quixo substituír os foros por contratos de arrendamento, provocando unha resolución de Carlos III en 1763 que impedía aos xulgados aceptaren causas de despoxo por voces fenecidas, convertendo deste xeito os foros en perpetuos.
En 1873, unha lei promulgada durante a Primeira República Española, permitiu aos labregos a redención do foro mediante o pago dun canon, mais esta foi abolida após a caída deste réxime. Porén, grazas á intensa emigración cara a América desde mediados do século XIX, foron chegando a Vimianzo os cartos precisos para redimir estes foros. Proliferou o minifundismo, do que xa se ten referencia desde o XVIII, e a economía agraria de subsistencia.
Século XX En 1907 o Consello de Ministros de España aprobou un proxecto para unir Coruña, Carballo e Corcubión mediante un camiño de ferro que habería de atravesar -entre outros- o concello de Vimianzo, propiciando así a chegada do tren á vila. Porén, a pesar de ter este proxecto unha dotación económica non se chegou materializar.
Por outra banda, o movemento agrarista fixou na supresión dos foros o seu principal obxectivo na comarca, feito que se conseguiría durante a ditadura de Primo de Rivera. Logo, a guerra civil española coa represión dos falanxistas provocou a fuxida de moitos veciños, entre eles o alcalde republicano, sendo outros -como o secretario municipal- encarcerados e/ou fusilados.
Durante a primeira metade do século XX continuaría tamén a emigración cara a América, mais a partir da década de 1970 esta desviouse cara a Europa, principalmente a Suíza. No eido produtivo cómpre igualmente salientar o impulso dado neste concello á concentración parcelaria; tendo lugar en 1958, na parroquia de Salto, a segunda levada a cabo en Galiza.
Manuel Antelo Varela sería durante moitos anos o alcalde do réxime franquista, deixando como herdanza a creación Soneira Sociedade Deportiva, co seu campo de fútbol municipal tamén; así como unha nova Casa do Concello en propiedade, xa que até entón as dependencias municipais estaban en réxime de arrendamento.
Século XXI