miniatura|Proteína SRY A disxenesia gonadal XY completa, tamén coñecida como síndrome de Swyer ou síndrome da femia XY, é un tipo de defecto de hipogonadismo que se dá en persoas cun cariotipo 46,XY con moitas características femininas pero cos cromosomas XY tipicamente masculinos. Aínda que estas persoas normalmente teñen vulvas, e xeralmente vaxina, útero e trompas de Falopio, non desenvolven gónadas, senón no seu lugar un tecido fibroso (gónada disxenésica), e se se deixan sen tratar, non experimentan a puberdade nin adquiren as conseguintes características sexuais secundarias femininas nin a menstruación. A causa é a falta ou a inactivación do xene SRY, que é responsable da diferenciación sexual masculina. Ás veces é posible o embarazo na síndrome de Swyer recorrendo á tecnoloxía da reprodución asistida. O fenotipo é xeralmente similar á da síndrome de Turner (45,X0) debido á non inactivación do cromosoma X. O tratamento médico típico é a terapia de substitución hormonal.

A síndrome leva o nome de Gerald Swyer, un endocrinólogo que traballou no University College Hospital de Londres, que foi o primeiro en informar de dous casos en 1955.

Signos e síntomas

As persoas con síndrome de Swyer desenvolven fenotipos típicos das mulleres e gónadas non funcionais. Normalmente son diagnosticadas durante a adolescencia unha vez que se ve que non aparecen os signos da puberdade.

As consecuencias da síndrome de Swyer sen tratamento son: As mamas non se desenvolven e o útero non crece normalmente e carecen de menstruación (amenorrea) a non ser que se adiministren estróxenos. As gónadas non producen as hormonas proxesterona e estróxenos (tampouco testosterona). Para controlar os ciclos menstruais poden administrarse pílulas de proxestina. As gónadas non producen óvulos, de maneira que non poden concibir fillos de forma natural. As gónadas disxenésicas fibrosas con cromosoma Y conteñen células que teñen moita probabilidade de desenvolver cancros, especialmente gonadoblastoma. Orixinalmente publicado en chinés como Estas glándulas disxenésicas adoitan ser extirpadas no lapso dun ano despois da diagnose, xa que o cancro empeza durante a infancia. Ás veces obsérvase osteopenia.

Xenética

Asociacións xenéticas da síndrome de Swyer son:

Tipo OMIM Xene Locus disxenesia gonadal 46,XY completa relacionada co SRY SRY Yp11.3 disxenesia gonadal 46,XY completa ou parcial, relacionada co DHH DHH 12q13.1 disxenesia gonadal 46,XY completa ou parcial con ou sen insuficiencia adrenal NR5A1 9q33 disxenesia gonadal 46,XY completa relacionada co CBX2 CBX2 17q25 disxenesia gonadal 46,XY completa ou parcial coa deleción 9p24.3 DMRT1/2 9p24.3

Identificáronse outros sete xenes con asociacións probables que están aínda pouco comprendidas.

Disxenesia gonadal pura A síndrome de Swyer é un tipo de disxenesia gonadal pura (DGP). Hai varias formas de disxenesia gonadal, nas cales hai defectos nalgún cromosoma ou xene que afectan ao desenvolvemento das gónadas e ao fenotipo sexual. Esta denomínase "pura" cando o individuo afectado ten un conxunto normal de cromosomas sexuais (por exemplo, 46,XX ou 46,XY). Cando a disxenesia gonadal non é pura o individuo perdeu unha parte ou todo dun cromosoma X, como ocorre na síndrome de Turner (45,X) e nas disxéneses gonadais mixtas, onde hai unha mestura de liñas celulares con distinto cariotipo (por exemplo, 46,XY/45,X).

Patoxénese Unha persoa con síndrome de Swyer desenvólvese inicialmente como embrión de xeito completamente normal no útero. Só ao chegar á 7ª/8ª semana embrionaria se producirá un cambio respecto do desenvolvemento normal. Debido a un defecto xenético, que xeralmente se debe ao xene SRY, non se poden desenvolver gónadas hormonalmente activas (que deberían ser testículos), polo que non é posible o desenvolvemento das características sexuais masculinas que corresponderían a un individuo XY. Sen testículos, non se produce testosterona nin hormona antimülleriana. Sen testosterona, os condutos de Wolff non se desenvolven, polo que non se forman órganos internos masculinos. Ademais, a falta de testosterona significa que tampouco se forma dihidrotestosterona e en consecuencia os xenitais externos non se virilizan, orixinándose unha vulva normal feminina. Sen hormona antimülleriana, os condutos de Müller desenvólvense como órganos internos femininos normais (útero, trompas de Falopio, colo uterino, vaxina).

En resumo, a ausencia de góndas desenvolvidas como testículos fai que funcione o "programa básico" ou "por defecto" do desenvolvemento, que dá lugar ás características femininas. A partir de aí o embrión segue formándose como se fose un individuo feminino. Isto leva á formación do clítoris, os labios, a vaxina, o útero e as trompas. Porén, as porcións gonadais non se converten en ovarios (nin testículos) e están formadas por tecido conectivo. Despois do nacemento, a nena desenvólvese inicialmente con normalidade, pero ao chegar á idade da puberdade, non se producen os cambios corporais propios desa etapa debido á falta de gónadas desenvolvidas e de hormonas.

Diagnose Debido á incapacidade das glándulas disxenésicas fibrosas de producir hormonas sexuais ( estróxenos ou andróxenos), non se desenvolven a maioría das características sexuais secundarias. Isto é especialmente claro nos cambios estroxénicos que deberían producirse nos peitos na puberdade, así como o ensanchamento da pelve e cadeiras e a aparición dos períodos menstruais. Como as glándulas adrenais poden producir cantidades limitadas de andróxenos e non están afectadas pola síndrome, a maioría destas persoas desenvolven pelo pubiano, aínda que xeralmente escaso.

A avaliación do atraso na puberdade xeralmente revela que hai unha elevación das gonadotropinas, o que indica que a glándula pituitaria está proporcionando un sinal para o inicio da puberdade mais as gónadas non conseguen responder. Os seguintes pasos da avaliación adoitan ser unha comprobación do cariotipo e obtención de imaxes da pelve. O cariotipo revela a presenza dos cromosomas XY e as imaxes demostrarán a presenza de útero pero non de ovarios (as gónadas disxenésicas fibrosas non se ven xeralmente nas imaxes). Aínda que un cariotipo XY pode tamén indicar que se trate dunha persoa con síndrome de insensibilidade aos andróxenos, a ausencia de mamas e a presenza de útero e pelo pubiano exclúe esa posibilidade. Nese momento o médico adoita poder facer un diagnóstico de síndrome de Swyer.

Condicións relacionadas A síndrome de Swyer representa un resultado fenotípico dun fallo no desenvolvemento normal das gónadas, e, polo tanto, forma parte das condicións denominadas disxenesias gonadais, das que hai varios tipos (ver arriba).

A síndrome de Swyer é un exemplo dunha condición na que un corpo externamente feminino non ambiguo ten gónadas disxenéticas atípicas ou anormais. Outros exemplos son os seguintes: síndrome de insensibilidade a andróxenos completa, delecións parciais do cromosoma X, hiperplasia adenal conxénita lipoide e síndrome de Turner.

Tratamento

Despois da diagnose, adoita comezarse unha terapia con estróxenos e proxestáxenos, que promova o desenvolvemento de características femininas.

A terapia de substitución hormonal pode tamén reducir a probabilidade de osteoporose, favorecida pola falta de hormonas.

Epidemioloxía

Un estudo de 2017 estimou que a incidencia da síndrome de Swyer é de aproximadamente dun caso de cada 100.000 mulleres. En 2018 informárase de menos de 100 casos. Son extremadamente raros os casos de síndrome de Swyer familiar (recorrencia nos sucesivos fillos dunha familia).

Notas

Véxase tamén Outros artigos Síndrome do macho XX

Bibliografía

Categoría:Síndromes Categoría:Doenzas xinecolóxicas Categoría:Variacións intersexuais