Vibrio harveyi é unha bacteria mariña gramnegativa bioluminescente do xénero Vibrio. É un bacilo móbil (con flaxelos polares), anaerobio facultativo, halófilo e con capacidade de ter metabolismo fermentativo e respiratorio. Non crece por debaixo de 4 °C (crecemento óptimo de 30° a 35 °C). Pode atoparse nadando libremente en augas mariñas tropicais, vivindo como comensal na microflora intestinal de animais mariños, e como patóxeno primario ou patóxeno oportunista de animais mariños como os corais do grupo das gorgonias, ostras, gambas, lagostas, os peixes Centropomus undecimalis, Lates calcarifer (barramundi), Scophthalmus maximus (rodaballo), Chanos chanos e cabalos de mar. É responsable da vibriose luminosa, unha doenza que afecta comercialmente ás gambas peneidas de acuicultura. Ademais, baseándose en mostras tomadas por barcos oceánicos, pénsase que V. harveyi é a causa do mar de ardora, no cal, durante a noite, se produce un resplandor azul uniforme emitido pola auga do mar. Algunhas áreas con este resplandor chegan a ter case 16.000 km2.
Percepción do quórum Os grupos de bacterias V. harveyi poden comunicarse por percepción do quórum para coordinar a produción de bioluminescencia e factores de virulencia. A pecepción do quórum foi primeiramente estudada en V. fischeri (agora chamada Aliivibrio fischeri), unha bacteria mariña que usa unha encima sintase (LuxI) para producir un autoindutor (AI) específico de especie que se une a un receptor cognado (LuxR) que regula cambios na expresión. Denominados como percepción do quórum "LuxI/R", estes sistemas foron identificados en moitas outras especies de bacterias gramnegativas. Malia o seu parentesco con A. fischeri, V. harveyi carece do sistema de percepción do quórum LuxI/R, e no seu lugar emprega un circuíto de percepción do quórum híbrido, detectando o seu AI por medio dunha histidina quinase unida a membrana e usando un fosforelevo (phosphorelay) para converter información sobre o tamaño de poboación en cambios na expresión xénica. Ademais de en V. harveyi, tales sistemas híbridos foron identificados en moitas outras especies bacterianas. As encargadas de contolar a tradución do regulador son moléculas de ARN Qrr, reprimindo e promovendo factores dependentes da densidade de células. V. harveyi usa un segundo AI, denominado autoindutor-2 ou AI-2, que é pouco común porque é producido e detectado por unha variedade de bacterias diferentes, tanto gramnegativas coma grampositivas. Así, o estudo de V. harveyi serviu para comprender e apreciar a comunicación bacteriana interespecies.
Notas
Véxase tamén Ligazóns externas V. harveyi no NCBI Vibrios no NCBI Type strain of Vibrio harveyi en BacDive - the Bacterial Diversity Metadatabase
Categoría:Vibrionales Categoría:Bioluminescencia