Shadia Abu Ghazaleh (en ), nada en Nablus o 8 de xaneiro de 1949 e finada na mesma cidade o 28 de novembro de 1968, foi unha militante palestina. Despois de completar os seus estudos, uniuse a Fronte Popular para a Liberación de Palestina (FPLP). Foi unha das primeiras mulleres en participar no movemento fedayín en oposición á ocupación israelí da Cisxordania. Morreu nun accidente mentres preparaba unha bomba na súa casa en Nablus. É considerada mártir en Palestina e terrorista en Israel.
Traxectoria Ghazaleh estudou na Escola Fatimid para Mozas en Nablus, e máis tarde na Escola Al-Aishiyah. Estando aínda na escola, a inicios da década de 1960, uniuse ao Movemento Nacionalista árabe.
En 1966 mudouse ao Cairo, onde estudou socioloxía e psicoloxía durante un ano na universidade Ain Shams. Tras a ocupación israelí de Cisxordania en 1967, regresou a Palestina, malia a súa familila tentar disuadila. Volveu a Nablus e completou a súa formación na Universidade Nacional An-Najah.
Uniuse á nascent Fronte Popular para a Liberación de Palestina, creada ese mesmo ano por membros anteriores do ANM. Axiña ascendeu até converterse nunha das figuras principais da organización. Foi unha das primeiras mulleres en participar no movemento fedayínmovemento fedayín na Cisxordania ocupada. Organizou e liderou as unidades de mulleres, e participou en numerosas operacións militares contra a ocupación. Coa súa participación directa na acción armada, rompeu cos roles de xénero tradicionais palestinos, que relegaban as mulleres aos coidados de doentes.
Abu Ghazaleh morreu o 28 de novembro de 1968 mentres preparaba unha bomba na súa casa. Planeaba utilizala para voar un edificio na cidade israelí de Tel Aviv. A bomba detonou de xeito accidental.
Legado Ao ser a primeira muller palestina morta durante a resistencia á ocupación israelí, Abu Ghazaleh é considerada unha mártir polo movemento nacionalista palestino. Por contra, foi considerada terrorista segundo fontes israelís.
Abu Ghazaleh foi decote citada como exemplo da participación das mulleres na loita armada contra Israel, xunto con outras mulleres militantes palestinas como Dalal Mughrabi e Leila Khaled. A propia Khaled adoptou o seu nome como alias. Consérvase un retrato de Abu Ghazaleh nas oficinas da organización socialista Abahlali baseMjondolo, en Suráfrica, xunto cos de moitas outras figuras revolucionarias.
A inicios de 2014 púxoselle o seu nome a unha nova escola secundaria para mozas palestinas. As organizacións israelís Arutz Sheva e Palestinian Media Watch consideraron ese xesto un enaltecemento do terrorismo por parte das autoridades palestinas. Unha estudante palestina desa escola afirmou que Ghazaleh era un «marabilloso exemplo da loita palestina» e dixo que «seguen a súa traxectoria nesa escola». En decembro de 2023 a escola foi o branco dunha ataque das Forzas de Defensa israelís durante a invasión israelí da Franxa de Gaza.
Notas
Categoría:Finados en 1968 Categoría:Nados en 1949 Categoría:Conflito árabe-israelí Categoría:Nados en Palestina