A prehistoria de Galicia abrangue a prehistoria da historia de Galicia.

O período de tempo transcorrido entre a chegada dos primeiros homínidos até a romanización, en que se comezaría a difundira a escritura. Os primeiros asentamentos humanos en Galicia evidencian unha antigüidade máxima de 300 000 anos, mentres que o proceso de romanización non se consolidará até o cambio de era.

Paleolítico

Paleolítico Inferior As primeiras probas líticas de presenza humana en Galicia remóntanse a uns 300 000 anos, no Paleolítico Inferior, durante o Plistoceno Medio e corresponden á cultura achelense.A maioría dos xacementos con testemuñas deste período están asociados directa ou indirectamente coa bacía do Miño-Sil, agás o caso do xacemento de Vilaselán (Lugo), máis vinculado co poboamento da rasa cantábrica. Estes restos son instrumentos líticos de grandes lascas onde predominan os bifaces como fendedores e triedros feitos sobre unha base de cuarzo ou cuarcita. Para tallar percutíase directamente cun percusor duro sobre outro canto e das lascas que se desprendían obtíñase unha aresta cortante. As últimas pescudas sinalan a utilización de cuarcitas e cuarzos como principais materias primas para as tallas destas primeiras industrias atopadas nos xacementos na conca do río Miño. Delas, a cuarcita é a rocha maioritaria dentro dos achados coñecidos. Salienta a súa presenza no xacemento de Porto Maior (As Neves) onde alcanza o 90% das industrias. Tamén está presente nos xacementos do Cabrón (Arbo) e Gándaras de Budiño, coa particularidade que nestes últimos a cuarcita é allea á xeoloxía dos achados, polo que os antigos habitantes tiveron que forzosamente transportala doutros sitios, no caso de Gándaras de Budiño dende varios quilómetros de distancia.

A falla de restos óseos así como de fauna nos achados do Plistoceno medio en Galicia, impiden acreditar o tipo de homínido que construíu estas primeiras ferramentas. Porén os avances como a recente secuencia sedimentaria cuaternaria desenvolvida na conca baixa do río Miño permitirán a futuro reconstruír aspectos paleobiolóxicos ou xeolóxicos, así como un rexistro máis completo do primeiro poboamento humano de todo o noroeste ibérico.

Deste período son os asentamentos da Piteira (Toén), A Chaira (San Cibrao de Las), Pazos (San Cibrao das Viñas), Chan do Cereixo (A Portavedra, Gondomar), Arbo"Hallan en Arbo uno de los yacimientos más antiguos de Galicia y que permitirá extraer nueva información del Paleolítico", 20 minutos . e as Gándaras de Budiño (Porriño) e Camposancos (A Guarda).

Vivían en hordas, é dicir, grupos de cazadores-recolectores que practicaban o nomadismo. Alimentábanse dos froitos que recollían e da caza (bóvidos, caprinos, équidos e cérvidos), que practicaban en tribos. Tamén botaban man da pesca e da recollida de marisco, cando vivían en zonas nas que podían facelo.

Paleolítico Medio miniatura|Na cova Eirós (Triacastela) acháronse restos do oso das cavernas. No Paleolítico Medio a industria característica é a musteriense, non homoxénea, elaborada polo home de Neandertal, do que se documenta a súa presenza no noroeste peninsular grazas ó achado de restos na Cova Eirós, en Triacastela, con materia orgánica e ferramentas do Paleolítico Medio). A este período corresponden parte dos asentamentos das Gándaras de Budiño e do Campo da Mama (A Veiga).

Paleolítico Superior Hai máis datos do Paleolítico Superior (30000 e 8000 a. C.). Desta época consérvanse instrumentos tanto de pedra como de óso, realizándose neste material puñais, arpóns, agullas etc. En Galicia houbo abundantes abrigos baixo rocha, nos que se atoparon unha industria aziliense a base de sílex, cristal de rocha, pórfiros cuarcíticos, cuarzos e cuarcitas. As ferramentas máis características son os burís, as tesoiras de dorso rebaixado e as raspadeiras.

Os asentamentos máis importantes deste período son os de Pena Grande (Vilalba), Prado do Inferno I (Muras), Pena Grande de Férvedes (Lousada, Xermade) e as covas de Valdavara (Becerreá) e cova Eirós. Deste período son os restos humanos humanos máis antigos que se conservan dos achados en Galicia"Descubren en O Courel los restos humanos más antiguos de Galicia" . -no Courel-, así como os primeiros ósos de uro (o antigo boi salvaxe europeo, Bos taurus primigenius, antecesor da vaca doméstica) que se descobren en Galiza. A datación por carbono 14 estimou para os seres humanos unha antigüidade entre 10 000 e 8 000 anos, e para os uros cifrouse nuns 8 000 anos.

Unha das novidades máis relevantes do período é a aparición dos primeiros obxectos artísticos. Trátase de exemplos de arte moble, no que destacan os colgantes, realizados con dentes de animais ou cunchas de moluscos. Así mesmo, no 2012 atopáronse os primeiros exemplos de pinturas rupestres en territorio galego. Nunha das salas da cova Eirós atopáronse gravados e pinturas en negro que representan cuadrúpedes, como uros e cabalos.

Mesolítico O Mesolítico, que tamén é chamado Epipaleolítico, sitúase aproximadamente entre o 8000 a. C. e o 5000 a. C. Prodúcense importantes cambios no clima, que se fixo máis cálido e húmido, recúan os glaciais e desaparecen a meirande parte dos animais de caza maior, coma o bisonte. Aparecen bosques, sobe o nivel do mar e mudan flora e fauna.

Como o bisonte era o animal que lles proporcionara maiores usos (para alimento, confeccionar pezas de pel etc.), tiveron que mudar os seus métodos e perfeccionar a caza, facer máis variada a recolección de froitos e verduras, e incrementar a pesca e o marisqueo. Prodúcense tamén os primeiros ensaios da agricultura e da gandería.

Atopáronse asentamentos adxudicados a esta etapa na zona limítrofe entre as provincias da Coruña e Lugo. No val de Arnela existen lugares que proporcionaron burís, perforadores e raspadoiros. Desta época hai arte moble, probabelmente relacionada coa concepción relixiosa que tiñan os habitantes daquela época da nosa terra.

Neolítico

miniatura|Lapa de Gargantáns. Desenvólvese entre o 5000 e o 3000 a. C. o período denominado Neolítico, caracterizado principalmente polo nacemento da agricultura e a domesticación de animais, ademais da cerámica. Ao cultivar os alimentos e criar animais, houbo máis posibilidades de se alimentar, co que aumentou a poboación.

O clima fíxose aínda máis cálido e húmido, o que favoreceu o crecemento da vexetación. Os habitantes desta época ocuparon zonas altas, por ter unha vexetación menos frondosa, e ser a terra menos dura para traballala. A vexetación predominante estaba composta de carballeiras, sobreiras, ulmos, freixos, abeleiras... miniatura|Dolmen de Pedra Cuberta, exemplo de monumento megalítico, en Vimianzo Desta época data o Megalitismo, é dicir, a construción de grandes monumentos de pedra. Estes monumentos atopámolos por toda Galiza, dende a beiramar ata as altas montañas orientais. Atópanse dous tipos de construcións megalíticas, os dolmens e menhires, repartidos por toda a comunidade.

Estas xentes deberon practicar unha agricultura itinerante de roza, o que fala dun seminomadismo. Tamén debía ser importante a gandería, sobre todo de ovellas, cabras e vacas, así como a caza, xa que no interior das antas se atoparon puntas de frecha, empregadas especialmente na actividade venatoria. Tamén debeu ser importante para a súa alimentación o marisqueo na beiramar.

Foron uns grandes especialistas no traballo da pedra, empregando granitos ou lousas para edificar, mentres que para os obxectos pulimentados prefiren as rochas metamórficas, e para adornos ou como materiais rituais utilizan acibeches ou blenda.

Os materiais máis abondosos desta época son de pedra, con instrumentos como puntas de frecha, machados, lascas, ciceis, coitelos, aixadas, mazas... miniatura|Colar da Chousa Nova datado cara 4350 a. C. Tamén se puideron atopar contas de colar de cor verde, placas perforadas, prismas de seixo cristalizado e idoliños. Sábese que facían obxectos cerámicos, que presentaban unha decoración impresa con cunchas de bivalvos.

No dolmen de Dombate e no de Axeitos atopáronse ídolos ou representacións de antepasados, ou dos vivos que están presentes, sen estar clara aínda a súa función.

Algunhas antas apareceron cos chantos da cámara ou, nalguns casos, do corredor, cunha decoracións gravadas, sendo posíbel que algunhas estivesen pintadas. Os motivos son irregulares ou ondulados, circos concéntricos, idoliformes, cruciformes...

Idade de Cobre

Idade de Bronce

Idade do Bronce Atlántico

miniatura|Casco de Leiro.

Cultura castrexa

Idade de Ferro

Historiografía Os nosos coñecementos da prehistoria galega están suxeitos ao ritmo dos constantes achados de novos restos, así como das análises que achegan novas conclusións aos antigos achados. As innovacións tecnolóxicas aplicables ás pescudas dos xacementos arqueolóxicos levaron dende as primeiras décadas do século XXI á revisión dos principais achados do século anterior así como á apertura de novas exploracións.

No seu inicio, a finais do século XIX, a abundancia de restos fixo que a historiografía galega prestase moita atención ao megalitismo ou á cultura castrexa. Até os anos sesenta do século XX, cando se sistematizan as escavacións nas Gándaras de Budiño, apenas se dispuña de restos materiais do Paleolítico. Desde entón, e sobre todo desde finais do século XX, o traballo multidisciplinar, a implicación e colaboración de institucións e equipos científicos especializados neste eido puxo en cuestión as teses vixentes sobre o poboamento de Galicia así como as datacións de pezas e xacementos acreditadas en base a métodos non fiables actualmente.

Neste proceso, as datas máis recuadas e mellor documentadas até de agora, atópanse no xacemento de Porto Maior (As Neves), que remontan a presenza humana en terras da actual Galicia á segunda metade do Plistoceno Medio, cunha antigüidade máxima de 300 000 anos e unha mínima de 200 000. Esta primeira etapa está caracterizada polas testemuñas de industrias típicas da cultura acheulense cuxa maior concentración de xacementos atópase ao longo da bacía Sil-Miño e afluentes. Esta cultura lítica espallouse nas mesmas datas noutras grandes concas fluviais da Península Ibérica: Guadalquivir, Guadiana, Texo e Douro.

Estes achados xunto con outras investigacións desenvolvidas no século XXI matizaron a tese dunha suposta humanización serodia e con atraso teconolóxico da prehistoria galega co respecto á do resto de Europa e mesmo da Península Ibérica. Ao mesmo tempo confirmaron o poboamento intensivo do territorio da actual Galicia, que terá o seu pulo maior trala aparición da culturas megalítica e sobre todo a castrexa.

Preceltas e celtas

O estudo e a ensinanza deste tema é algo moi complexo, debido sobre todo á opinión persistente, tan divulgada como errónea, de que esta rexión fora a máis celtizada da Península Ibérica. Os arqueólogos, historiadores e investigadores de todas as épocas, á vista dos achados arqueolóxicos e coa axuda dos escritos de gregos e romanos, contan como puido ser e en que consistiu a chegada de certos grupos célticos a esta rexión. Son estudosos da historia que foron directamente ás poucas fontes que poden manexar, sen conformarse con traducións anteriores, moitas veces mal interpretadas e que puideron ver as numerosas pegadas deixadas polos celtas, ó longo e ancho de Galiza, como os castros.

Semella que algúns grupos do pobo celta que chegara ata o sur da Península Ibérica non atoparon acomodo nestas terras e iniciaron outra viaxe migratoria, en distintas etapas xa tardías, cara ó norte, a través de terras lusitanas. Esta situación de emigrantes celtas dende o sur, polo oeste, cara ó norte, é bastante inqueda e non chegan a estabilizarse na rexión galaica ata o século I a.C., cando xa se atopaba bastante hispanizada. É o grupo coñecido como saefes, que se move cara ao século III a.C. e que van situándose algúns entre o río Texo e o río Douro e outros, como xa se dixo, os que seguen cara Galiza.