miniatura|O Grande Escenario de Mežaparks no 1955 O Grande Escenario de Mežaparks (en lingua letoa, Mežaparka Lielā estrāde), tamén chamado Escenario do Festival da Canción (Dziesmu svētku estrāde), é un grande escenario ao aire libre situado no parque de Mežaparks, no barrio de Mežaparks de Riga, a capital de Letonia. O escenario achegou un gran valor cultural a Riga dende 1955, cando o Festival da Canción e Danza de Letonia se trasladou a este recinto.Grauzdina (2004), pp. 224–226.

O escenario foi erixido segundo un proxecto do arquitecto e enxeñeiro civil Vladimir Schnitnikov. Atópase na parte norte de Mežaparks, unha zona que consiste principalmente nun bosque de piñeiros. O escenario está sito nun clareiro na esquina noroeste do bosque, e o resto da área ten bancos longos en forma de arco cunha capacidade para 30.000 espectadores. No Festival da Canción e Danza de Letonia de 1988 chegáronse a congregar até 200.000 espectadores.

O escenario é parte principal do Festival Nacional do Cante e Baile Letón, que é un evento único da cultura letoa e parte da súa identidade nacional. A función principal do escenario ao aire libre é manter a tradición do festival, que está incluído na listaxe do patrimonio cultural da UNESCO.

Reconstrución En 2007 tivo lugar o concurso de deseño para a reconstrución do Grande Escenario de Mežaparks, cuxo gañador foi o proxecto conxunto dos arquitectos Juris Poga e Austris Mailītis, Sidraba birzs (Fraga de Prata).

A base da idea conceptual e arquitectónica do Grande Escenario de Mežaparks renovado son as cantigas populares letoas, que falan da interacción entre a natureza e o ser humano. A reconstrución do escenario realizouse en dúas fases.

En 2018 levouse a cabo a primeira fase do proxecto coa remodelación da zona de espectadores, que a ampliou ata polo menos 30.000 asentos, que se poden transformar nunhas 60.000 prazas de pé, ademais de construír unha parte subterránea con aseos e zonas de restauración e comerciais.

A segunda fase da reconstrución estaba inicialmente prevista para 2023 e tamén se dividiu en dúas etapas: estaba previsto rematar a primeira para o XII Festival da Canción e Danza da Xuventude Escolar Letoa, que debía celebrarse no escenario o 18 de xuño de 2020, pero o seu formato tivo que cambiar debido ás restricións da pandemia de COVID-19.

O 16 de xaneiro de 2019, depositouse nos cimentos do Grande Escenario unha cápsula do tempo cunha mensaxe para as xeracións futuras, e o 21 de xuño de 2021 remataron as obras de reconstrución do escenario. A remodelación recibiu o Premio de Arquitectura de Letonia de 2021.

A segunda etapa finalizou en 2022, e adaptouna para os seguintes Festivais da Canción e Danza.

Tras esta ambiciosa reconstrución, a superficie do recinto do Escenario de Mežaparks ampliouse de aproximadamente 92.000 metros cadrados a máis de 146.400. A zona do campo de espectadores é de 22.000 metros cadrados, e neste espazo instaláronse asentos móbiles para 30.557 espectadores, mentres que nas zonas de pé pódense acoller ata 50.000 persoas. Nas tribunas do coro poden actuar ata 16.000 cantantes.

Desde o verán de 2021, o Grande Escenario de Mežaparks está xestionado pola "Ziemeļrīgas kultūras apvienība" (Asociación Cultural de Riga Norte), que tamén inclúe o Pazo da Cultura VEF e o Pazo da Cultura "Ziemeļblāzma", que pretenden dinamizar a vida cultural da zona norte de Riga. Ademais, o edificio existente no Escenario de Mežaparks dispón de amplos espazos interiores distribuídos en cinco andares:

Unha sala de concertos acústica con capacidade para 500 espectadores e unha ampla zona de bastidores con camerinos; Unha sala de exposicións; Tres salas de seminarios e conferencias para entre 50 e 240 asistentes; Un pavillón para seminarios e eventos sociais.

O pavillón do Grande Escenario de Mežaparks inaugurouse o 5 de maio de 2022. Nel expóñense maquetas de todos os escenarios construídos anteriormente para o Festival da Canción, comezando polo primeiro de todos, o de 1873.

Durante a reconstrución do Grande Escenario de Mežaparks, construíuse unha pérgola para a comodidade dos espectadores. É unha estrutura singular de formigón armado cunha cuberta decorativa de madeira, situada baixo o gran campo de espectadores. Nela hai aseos para os asistentes ao festival, así como unha zona comercial e de restauración de 2 andares.

Notas

Véxase tamén

Bibliografía

Categoría:Arquitectura de Letonia