Antón Patiño Regueira, nado na Coruña o 2 de agosto de 1919 e finado en Vigo o 6 de xullo de 2005, foi un intelectual e libreiro cunha importante influencia na vida cultural galega.Gran Enciclopedia Gallega, T. 24, páx. 7
A súa paixón vital é unha característica central do seu itinerario biográfico, manifestada a través dunha chea de actividades que abranguen diferentes eidos culturais na Galiza das últimas décadas. Foi activo promotor das asociacións de libreiros e membro fundador de moitas das asociacións micolóxicas galegas. O seu sentimento de fondo contacto coa natureza fixo que ese seu amor á terra se expresara case de xeito literal. Xa non como metáfora de virtual identificación coa natureza senón de fonda intimidade e intensa complicidade real. A paisaxe humanizada (da que tanto falou Ramón Otero Pedrayo) e os froitos desa terra tiveron nel un entusiasta defensor.
Traxectoria Orixe Ao falar da súa orixe familiar dicía pertencer ao "Clan dos Panforros da Grela e dos Patiños da Fontenova". Nese arrabalde da Coruña hoxe semicuberto polo crecemento industrial da cidade viviu os seus primeiros anos. Compartiu os seus primeiros estudos cos traballos no campo para axudar a súa familia. Foron unha ducia de irmáns. Lataba ás clases a miúdo para sentir no ar libre o espírito da liberdade ao se mergullar en exploracións abertas do contorno rural. Moitos anos despois aínda lembraba a súa primeira descuberta dun niño de paxariños: "Fun criado no campo e, sendo moi neno, e nos brazos dun pintor chamado Isolino Seoane, un día ensinoume o primeiro niño de paxaros e aos poucos días aqueles ovos tiñan uns pías pías".
A treboada da guerra Tralo Alzamento Nacional, Antón Patiño Regueira participou como correo nos intentos de fuga dos represaliados políticos e persoas dos sectores progresistas da cidade.
O contrasinal daquela dramática tentativa de fuxida ía ser "Ánxel da Garda" (o instituto que leva ese nome fora un dos lugares de cita). Moitos morreron e outros foron fusilados días despois no Campo da Rata. Tamén Luís Huici e Francisco Miguel, os artífices da feitura gráfica da cosmopolita revista Alfar (así como de moitas crónicas de arte), foron paseados e asasinados. A pegada daqueles anos vai deixar un pouso permanente, deica á fin dos seus días. Nunha das súas últimas entrevistas, a Xan Carballa, d´A Nosa Terra, contaba a súa detención:
Antón Patiño Regueira loitou contra a imaxe dos libros acugulados a arder no lume totalitario, intentando reconstruír de xeito virtual as lendarias bibliotecas de El Resplandor en el Abismo e do mítico centro de estudos Xerminal.
Os anos de Melilla Entre 1940 e 1944 estivo en Melilla facendo o Servizo Militar Obrigatorio, un tempo nos servizos médicos e despois cociñando na intendencia. Aproveitou esa época para visitar Nador e coñecer outras culturas. Consérvanse fotos panorámicas da paisaxe africana, e moitas referencias á vexetación autóctona e as chumbeiras. Nas fotos daquela época aparece sempre fumando en pipa, se ben rematada a estancia en Melilla deixou para sempre de fumar por recomendación médica.
Regreso a Galiza Ao regresar a Galiza ten diversos traballos eventuais e precarios empregos, como cobrador do médico Jesús Presas Álvarez, na súa consulta no baixo da casa onde estivera El Resplandor del Abismo, no lugar de Fontenova. Noutro traballo, relacionado coa ferralla e a reciclaxe de pneumáticos, estableceu relación co empresario monfortino Manuel Pérez Moreiras, e nunha das viaxes a Monforte de Lemos coñeceu á súa filla, Munda Pérez Sobreira, a que será a súa compañeira. Nesa época a súa maior afección é a fotografía, e cunha cámara de calidade realizou unha chea de instantáneas ambientadas no río Cabe e na capital do Val de Lemos, de gran valor histórico e documental polos cambios na fisionomía urbana.
Viaxe á Arxentina Debido á oposición dos pais dela a que casasen, Munda marchou cuns tíos seus (Luis Sobreira e a súa muller e filla) a Arxentina, como turista por un ano. Embarcan en Barcelona o 14 de decembro de 1954 no barco italiano Julio César, facendo escala en Copacabana. En Buenos Aires vivía con diferentes parentes: alternativamente na casa dos seus tíos Luis e Manolo Sobreira González. Traballa como secretaria, levándolle os papeis a un comerciante de orixe italiana. Antes de rematar o primeiro ano de estadía marcha a Montevideo, onde traballa como institutriz de dous netos pequenos do escritor Enrique Larreta. Antón Patiño viaxa tempo despois á Arxentina (dende Portugal) para casaren alá. A voda ten lugar o 7 de abril de 1956 na basílica de Santa Rosa de Lima. Despois viviron na casa doutra tía, Pilar Sobreira (enfermeira do Hospital do Centro Galego da capital porteña). Axiña volven da Arxentina, facendo escala en Río de Xaneiro en maio e en Lisboa en xuño. Antón Patiño Regueira trae unha maleta chea de exemplares dos libros fundacionais do galeguismo, entre eles As cruces de pedra na Galiza, Sempre en Galiza, Alba de Groria e o número especial d´A Nosa Terra dedicado á morte de Castelao. Boa parte destes libros déixallos ao seu sobriño Reimundo Patiño Mancebo. Durante máis dunha década non se editou un só libro en galego e foron as editoriais do exilio galego alén mar (esencialmente da Arxentina) as que mantiveron vivo o legado cultural.
O 1 de xaneiro de 1957, ao pouco de regresaren, naceu o primeiro dos seus fillos, Antón Manuel, e o segundo, Xohán Ramón, faríao en setembro de 1958. Residir por tempadas entre Monforte e na casa dunha aldea próxima, Moreda en Vilaoscura (preto de Canabal e Rosende) en terras de Sober. Intenta traballar na empresa do seu sogro en Monforte, de curtidos e reciclaxe de pneumáticos que abastecía á industria local do calzado, pero non se levaban ben, polo que buscou outras posibilidades de traballo.
Época de peregrinación Viaxou a Sevilla a traballar nun negocio que tiñan Manuel Pérez Moreiras, seu fillo Manuel Pérez Sobreira e máis un socio local, nunha empresa de reciclaxe de pneumáticos e vulcanizado. O 1 de xaneiro de 1962 nace a súa filla Nuncha, entanto a súa muller permanecía na aldea de Moreda (Sober) coidando dos fillos e dunha tía enferma chamada Carolina. Cara a 1963 toda a familia viaxa a Algorta, onde permanecen un ano. Cara a 1964 múdanse a Villafranca de los Barros (Badaxoz), onde Antón dirixe unha fábrica propiedade do seu sogro relacionada co proceso de vulcanizado para a reciclaxe de pneumáticos e gomas vellas para a confección de carpazos, recipientes de goma, envases e colectores de caucho escuro. Ao ano seguinte, un incendio acabou coa fábrica.
Libraría Librouro A comezos de 1967 a parella funda en Vigo a libraría Librouro. Ao pouco, en febreiro de 1968, nace o seu fillo máis novo, Xurxo. O nome da libraría pretendía ser en si un sinal de identidade. No reverso das tarxetas ía o himno galego, e as bolsas da libraría levaban impresa a banda azul en diagonal da bandeira galega. Tiña unha ampla sección de libros do país, incluídas edicións (vendidas baixo corda) de exemplares aínda prohibidos en España, como Sempre en Galiza, Milicianos, Galicia mártir e máis Atila en Galicia de Castelao, ou Pensamento e sementeira de Antón Villar Ponte e Vida, paixón e morte de Alexandre Bóveda. Moitos deles procedían da Arxentina, das editoriais do exilio galego, moitas creadas polo seu amigo Luís Seoane. Ademais de libros da resistencia galeguista, distribuía libros de temática anarquista e marxista editados por Ruedo Ibérico e libros sobre a guerra civil, como La contrarrevolución falangista ou a biografía dos días da morte de Federico García Lorca. Nesa época un dos seus mellores clientes era, curiosamente, o daquela ministro Pío Cabanillas.
Tiña contacto co Centro Gallego de Buenos Aires, en parte pola pertenza de dous tíos políticos seus na directiva da entidade: os irmáns Manolo e Luis Sobreira. Amais, aínda conservaba amigos da súa estancia na Arxentina na década dos 50.
Como libreiro, promoveu feiras do libro. Na Feira do Libro da Coruña de 1975 levou a Marcelino Camacho a asinar Cartas desde la prisión, acadando un grande éxito de visitas de obreiros que foron saudar o líder sindical, que saíra había pouco do cárcere.
Promoción de escritores galegos Para promover os escritores galegos recorreu a diversas iniciativas e a técnicas innovadoras. Solicitou autógrafos a Xosé Neira Vilas, que enviaba dende Cuba dedicatorias coa súa sinatura nunhas follas que se incorporaban aos seus libros. Nunha carta enviada o 26 de xullo de 1970 por Celso Emilio Ferreiro dende Caracas, coméntalle que coida que coas 500 dedicatorias que ten enviadas xa chega dabondo para acompañar as vendas dos seus libros en Librouro. Álvaro Cunqueiro presentou na librería o libro Un hombre que se parecía a Orestes, co que acadara o premio Nadal. Eduardo Blanco-Amor achegou exemplares de vellos libros seus editados na Arxentina, como La catedral y el niño, Cancioneiro e Las buenas maneras, ademais de folletos a modo de opúsculos de escolmas de artigos dedicados a Ortega y Gasset e a Castelao. Con aquelas cativas vendas o escritor tiña unha axuda económica para ir tirando para adiante despois da súa volta a Galiza.
Na época da aparición de Xente ao lonxe e A esmorga a promoción de Patiño axudou ao autor a ser apreciado entre as novas xeracións, asinando nas casetas de Librouro nas feiras de Madrid, A Coruña e Vigo. Ademais, Antón Patiño Regueira foi o promotor da homenaxe que lle tributan nunha sala de exposicións da Caixa de Aforros de Vigo unha chea de artistas, como Laxeiro, Lodeiro, Antón Patiño (fillo) ou Reimundo Patiño.