Alejandro Dorado Rodríguez, nado en Celanova o 15 de xuño de 1985, máis coñecido como Álex Dorado, é un adestrador de fútbol galego. Actualmente dirixe o MOI Kompong Dewa FC da Liga Premier de Camboxa.
Traxectoria Comezou a súa andaina como adestrador na tempada 2002/2003 nas Escolas Deportivas de Celanova. Esta primeira experiencia como adestrador serviulle para decidirse a encamiñar os seus estudos cara ao mundo deportivo, polo que cursou a licenciatura de Ciencia e Actividade Física e do Deporte na Universidade Europea de Madrid.
En 2006, tras os primeiros anos na universidade, continuou coa súa traxectoria como adestrador na AD Villaviciosa de Odón. Neste nova andaina encargouse da categoría alevín (na primeira tempada), do equipo cadete (na segunda tempada), e do equipo xuvenil, ao tempo que apoia ao primeiro equipo como adestrador asistente. Nesta situación mantívose durante catro tempadas, compaxinando os seus estudos universitarios coa súa función como adestrador.
En xuño de 2010 deixou a AD Villaviciosa de Odón para fichar como monitor prebenxamín na escola da Real Federación Española de Fútbol. Nesta primeira tempada compaxinou o seu labor de adestrador na RFEF co de preparador físico do Las Rozas F.C. (terceira división). Na seguinte tempada continuou como adestrador na RFEF pero cambiou de equipo sénior, ao fichar polo C.D. Móstoles.
En xullo de 2012 recibiu a chamada do Real Madrid C.F. para fichar como adestrador das categorías inferiores. Estivo seis anos no club branco en diferentes equipos da base, formando varias xeracións de rapaces, algúns dos cales chegarían a ser co tempo xogadores de fútbol profesional como Pablo Barrios ou Iván Fresneda. Neste anos, ademais dos éxitos deportivos, Álex Dorado creceu como adestrador formándose nunha das mellores canteiras de fútbol de Europa, ao tempo que estableceu contacto con xogadores e adestradores de nivel internacional.
En xullo de 2018 decidiu abandonar a entidade branca, na procura de novos proxectos e coa idea de dar o salto ao fútbol sénior. Comezou así unha etapa na que Álex Dorado deixa o fútbol de formación para apostar por equipos de fútbol profesional espallados ao longo de toda a xeografía mundial. O 15 de decembro de 2018 asinou polo F.C. Honka, da Veikkausliiga, como adestrador asistente de Vesa Vasara. En Finlandia comezou a competición acadando bos resultados, pero seis meses despois pasou a formar parte do equipo técnico de Rafa Benítez no Dalian Pro, da Superliga de China, como adestrador asistente. Este novo equipo técnico asumiu a dirección do club chinés coa competición ben avanzada e o equipo loitando por evitar os postos de descenso; porén, os bos resultados acadados nos encontros restantes perimitiron ao Dalian Pro rematar a tempada 2018/2019 na parte morna da competición. A seguinte tempada estivo marcada pola pandemia de Covid-19, polo que a Superliga de China suspendeu os seus partidos durante os primeiros meses do ano 2020. Finalmente, cando se retomaron, o formato da liga mudou, dividíndose en dous grupos, e o Dalian Pro rematou no 7º posto da clasificación. En xaneiro do 2021, coa marcha de Rafa Benítez da China, Álex Dorado asumiu as rendas do Dalian Pro como adestrador principal, de maneira interina, ata a chegada dun novo técnico, o cal non se produciu ata o mes de maio, cando José González López asinou polo club chinés.
O 12 de xaneiro de 2022 firmou polo Halifax Wanderers FC como adestrador asistente de Stephen Hart. Na Canadian Premier League rematou a tempada no 7º posto da clasificación e a final de ano, ante a renuncia do adestrador principal, decidiu non continuar no equipo canadense.
O 3 de xullo de 2023 Alex Dorado asinou polo Black Leopards FC da Primeira División de Suráfrica, onde asumiu por vez primeira o cargo de adestrador principal dun equipo de fútbol profesional. Porén, por motivos extradeportivos, en outubro dese mesmo ano, club e adestrador decidiron romper de mutuo acordo o contrato que os unía.
En xullo de 2025 o adestrador celanovés decidiu apostar de novo polo sueste asiático, asinando, neste caso, como adestrador principal do MOI Kompong Dewa FC da Liga Premier de Camboxa.
Notas
Categoría:Nados en 1985 Categoría:Nados en Celanova Categoría:Adestradores de fútbol de Galicia Categoría:Alumnos da Universidade Europea de Madrid