A Cordilleira das Cascadas ou As Cascadas (Cascades en inglés) é a principal cordilleira do oeste de América do Norte, que se estende desde o sur da Columbia Británica a través dos estados de Washington e Oregón ata o norte de California. Comprende tanto montañas non volcánicas, como son moitas das Cascadas Setentrionais, coma os notables volcáns que forman as Altas Cascadas. A pequena parte da cordilleira na Columbia Británica denomínase Cascadas Canadenses ou, localmente, Montañas Cascadas. O pico máis alto da cordilleira é o Monte Rainier no estado de Washington con 4.392 m de altura.

As Cascadas forman parte do Anel de Lume do Pacífico, constituído polo anel de volcáns e montañas asociadas arredor do océano Pacífico. Todas as erupcións nos Estados Unidos continentais nos últimos 200 anos foron nos volcáns das Cascadas. As dúas máis recentes foron a do Pico Lassen de 1914 a 1921 e a grande erupción do Monte Santa Helena de 1980. Desde entón producíronse erupcións menores do Monte Santa Helena, as máis recentes de 2004 a 2008. A Cordilleira das Cascadas forma parte da Cordilleira Americana, unha cadea de cordilleiras case continua que forma a "columna vertebral" do oeste de América do Norte, Central e do Sur.

As Cascadas albergan moitos parques nacionais e áreas protexidas, incluíndo o Parque Nacional das Cascadas Setentrionais, o Parque Nacional do Monte Rainier, o Parque Ncional do Lago Cráter e o Parque Nacional Volcánico Lassen. A metade norte do Sendeiro da Crista do Pacífico segue o percorrido desta cordilleira.

Xeografía miniatura|Volcáns importantes na porción estadounidense das Cascadas.

As Cascadas estándense cara ao norte desde o Pico Lassen (tamén chamado Monte Lassen) no norte de California ata a confluencia dos ríos Nicola e Thompson na Columbia Británica. O río Fraser separa as Cascadas das Montañas Costeiras no Canadá, e o val Willamette sepáraas da porción superior da Cordilleira costeira de Oregón. Os volcáns máis altos das Cascadas, coñecidos como Altas Castadas, dominan os seus arredores, moitas veces con alturas que dobran as das montañas veciñas. Adoitan ter unha altura visual (altura sobre as liñas de cristas próximas) de 1,6 km ou máis. Os picos máis altos, como o Monte Rainier de 4.392 m, dominan os seus arredores en 80-161 km.

A parte norte da cordilleira, ao norte de Monte Rainier, coñécese como Cascadas Setentrionais (North Cascades) nos Estados Unidos, pero máis ao norte, alén da fronteira Canadá-Estados Unidos, reciben formalmente o nome de Montañas Cascadas, chegando o extremo norte das Cascadas ata a Montaña Lytton. En conxunto, as Cascadas Setentrionais e as Cascadas Canadenses son extremadamente abruptas; mesmo os picos máis pequenos son moi costentos e están glaciados, e os vales son bastante baixos en relación aos picos e serras, así que hai un gran relevo local. A parte sur das Cascadas Canadenses, especialmente a cordilleira Skagit, é similar en xeoloxía e topografía ás Cascadas Setentrionais, mentres que as partes norte e noroeste están menos glaciadas e son máis achaiadas ou mesetarias, lembrando as áreas próximas da Meseta Thompson.

A cordilleira está preto do océano Pacífico e na rexión onde prevalecen os ventos do oeste, razón pola que recibe cantidades significativas de chuvia e neve, especialmente nas ladeiras oeste debido á elevación orográfica, con precipitacións de neve anuais de ata 2.500 cm (25 m) nalgunhas áreas. No Monte Baker en Washington rexistrouse unha marca nacional de acumulación de neve nunha soa estación no inverno de 1998–99 con 2.900 cm (29 m). Antes dese ano, o Monte Rainier era o que tiña a mellor marca de acumulación de neve en Paradise en 1978. Non é raro que algúns luares das Cascadas haxa unha acumulación anual de neve de 1.300 cm (13 m), como no Lago Helen, preto do Pico Lassen. A maior parte das Altas Cascadas está, por tanto, cuberta de branco pola neve e o xeo todo o ano. As ladeiras occidentais están densamente cubertas dos abetos Pseudotsuga menziesii, as tsugas Tsuga heterophylla e os ameneiros Alnus rubra, mentres que as ladeiras orientais, máis secas, presentan principalmente os piñeiros Pinus ponderosa, con algúns alerces Larix occidentalis, as tsugas Tsuga mertensiana e, a maiores alturas, os abetos Abies lasiocarpa e os alerces Larix lyallii. Nas ladeiras leste a precipitación de chuvia anual é de só 230 mm debido ao efecto de sombra orográfica.

miniatura|A garganta do Columbia marca o punto onde o río Columbia divide a cordilleira das Cascadas entre os estados de Washington e Oregón.

Alén das ladeiras orientais hai unha meseta árida que se formou en gran parte hai 17 a 14 millóns de anos polos moitos fluxos de lava do Grupo Basáltico do Río Columbia. Xuntos, estas secuencias de rocha volcánica fluída formaron a Meseta de Columbia de 520.000 km2 no leste de Washington, Oregón e partes do oeste de Idaho.

A garganta do río Columbia é a única interrupción importante da cadea nos Estados Unidos. Cando as Cascadas comezaron a se elevar hai uns 7 millóns de anos a finais do Mioceno, o río Columbia drenaba a relativamente baixa meseta de Columbia. A medida que a cordilleira gañou altura, a erosión do río Columbia escavou a un ritmo similar, creando a garganta e o paso principal que vemos hoxe. A garganta fluvial tamén deixou expostas capas levantadas e deformadas de basalto da meseta.

Xeoloxía miniatura|upright=1.15|Xeoloxía da cordilleira das Cascadas relacionada coa Tectónica de placas.

A cordilleira das Cascadas está constituída por unha banda de miles de volcáns moi pequenos e de curta vida que construíron unha plataforma de lava e restos volcánicos. Uns poucos volcáns impresionantemente grandes érguense por riba desta plataforma volcánica, como o Monte Hood e o Monte Santa Helena, que dominan a paisaxe.

Os volcáns das Cascadas definen a sección do noroeste do Pacífico do Anel de Lume do Pacífico, un conxunto de volcáns que abeiran o océano Pacífico. O Anel de Lume tamén se coñece polos seus frecuentes terremotos. Os volcáns e terremotos orixínanse dunha fonte común, que é a subdución. Neste caso, a densa placa Juan de Fuca introdúcese por debaixo da placa norteamericana na zona de subdución de Cascadia. A medida que a porción da placa oceánica que se introduce chega a zonas profundas do interior da Terra baixo a placa continental, as altas temperaturas e presións fan que escapen as moléculas de auga encerradas nos minerais das rochas sólidas. A auga ascende no manto maleable que hai por riba da placa subducente, causando certa fusión no manto. Isto de novo forma magmas que ascenden cara á superficie terrestre e fan erupción, formando unha cadea de volcáns (o arco volcánico das Cascadas) por riba da zona de subdución.

Historia Antes da exploración europea, as tribos das Primeiras Nacións déronlle nome a moitos picos, como o "Seekseekqua" (Monte Jefferson), "M'laiksini Yaina" (Monte McLoughlin), "Tahoma" (nome en lingua lushootseed do Monte Rainier), e "Louwala-Clough" (que significa "montaña fumegante" para o Monte Santa Helena).

A inicios de 1792, o navegante británico George Vancouver explorou o esteito de Puget e deulle nomes ingleses ás altas montañas que viu. O Monte Baker foi nomeado así polo terceiro lugartenente de Vancouver, Joseph Baker, aínda que o primeiro navegante de orixe europea que o viu foi o hispano-peruano Manuel Quimper, que o nomeou la gran montaña del Carmelo ("a gan montaña do Carmelo") en 1790. O Monte Rainer foi nomeado en honra do almirante Peter Rainier. Posteriormente en 1792, Vancouver mandou ao seu lugartenente William Robert Broughton a explorar o curso baixo do río Columbia, quen lle deu nome ao Monte Hood en honra de Lord Samuel Hood, un almirante da Mariña Real británica. O Monte Santa Helena foi enxergado por Vancouver en maio de 1792, desde preto da desembocadura do río Columbia. Puxéronlle un nome en lembranza do diplomático británico Alleyne FitzHerbert, primeiro Barón de Santa Helena. Porén, a expedición de Vancouver non lle deu nome á cadea montañosa que contiña estes picos. Denominábaa simplemente como a "cordilleira nevada do leste". Os primeiros exploradores españois chamáronlle Serra Nevada. (para a cordilleira máis ao sur que agora se chama así ver Serra Nevada, Estados Unidos de América). miniatura|Vista do lado oeste do Monte Shuksan en verán ollado desde o Artist Point en Washington. En 1805, a expedición de Lewis e Clark pasou polas Cascadas polo río Columbia, que durante moitos anos foi o único paso practicable para atravesar esa parte da cordilleira. Eles foron as primeiras persoas non indíxenas en ver o Monte Adams, pero pensaron que era o Monte Santa Helena. Cando posteriormente viron o Monte Santa Helena pensaron que era o Monte Rainier. Na súa viaxe de retorno, Lewis e Clark albiscaron un pináculo nevado alto pero distante que nomearon en honra do patrocinador da expedición, o presidente dos Estados Unidos Thomas Jefferson. Lewis e Clark chamábanlle á cordilleira das Cascadas "Montañas Occidentais".

A expedición de Lewis e Clark, e os moitos colonos e comerciantes que chegaron despois, atopaban o seu último obstáculo na súa viaxe nos Rápidos das Cascadas na garganta do río Columbia, un accidente no curso do río que agora quedou mergullado baixo as augas do encoro Bonneville. Desde hai moito tempo, as grandes montañas de cumio nevado que se erguían sobre os rápidos chamábanse as "montañas polas cascadas" (mountains by the cascades) e despois, simplemente, as "Cascadas". O primeiro uso rexistrado do nome "cordilleira das Cascadas" é nos escritos do botánico David Douglas en 1825.

miniatura|O Monte Hood é o punto máis alto do estado de Oregón.

En 1814, Alexander Ross, un comerciante de peles coa North West Company, buscando unha ruta viable a través das montañas, explorou e cruzou as Cascadas do norte entre Fort Okanogan e o estreito de Puget. O seu informe da súa viaxe é vago sobre a ruta que seguiu. Seguiu o curso baixo do río Methow cara ás montañas. Pode que usase o Paso das Cascadas para chegar ao río Skagit. Ross foi o primeiro americano de orixe europea en explorar a zona do río Methow e probablemente o primeiro en explorar o río Stehekin e a rexión de Bridge Creek. Debido á dificultade de cruzar as Cascadas do norte e a escaseza de castores, as compañías que comerciaban con peles só fixeron unhas poucas exploracións polas montañas do norte do río Columbia despois de Ross.

A exploración e colonización da rexión das Cascadas polos europeos e americanos acelerouse co establecemento dun importante posto de comercio da Hudson's Bay Company (HBC) en Fort Vancouver preto do que hoxe é Portland, Oregon. Desde esta base partidas de trampeiros da HBC viaxaban polas Cascadas buscando castores e outros animais de interese peleteiro. Por exemplo, usando o que se acabou por coñecer como senda ou camiño de Siskiyou, os trampeiros da Hudson's Bay Company foron os primeiros non-nativos en exploraren as Cascadas do sur nas décadas de 1820 e 1830, establecendo camiños que pasaban preto do lago Cráter, Monte McLoughlin, volcán do lago Medicina, Monte Shasta e Pico Lassen.

miniatura|esquerda|upright|O río Coquihalla nas Cascadas Canadenses.