O bispo de coroa amarela (Euplectes afer) é unha especie de aves paseriformes da familia Ploceidae nativa de África ao sur do Sáhara. Presenta un forte dimorfismo sexual durante a estación reprodutora, durante a cal o macho adquire unha rechamanate plumaxe negra e amarela, que contrasta coa coloración predominantemente marrón da femia. Recoñécense catro subespecies.

Taxonomía O bispo de coroa amarela foi descrito formalmente en 1789 polo naturalista alemán Johann Friedrich Gmelin na súa edición revisada e ampliada do Systema Naturae de Carl Linné. Situouno xunto cos cruzabicos no xénero Loxia e acuñou para el o nome binomial Loxia afra. O epíteto específico procede do latín afer, que significa 'África'. Gmelin baseou a súa descrición no "Black-bellied grossbeak" (cruzabico de ventre amarelo) que fora descrito e ilustrado en 1776 polo naturalista inglés Peter Brown. Gmelin especificou a localización como África, pero esta foi restrinxida a Senegal por Claude Grant e Cyril Mackworth-Praed en 1944. O bispo de coroa amarela é agora unha das 18 especies situadas no xénero Euplectes que foi introducido en 1829 polo naturlista inglés William Swainson.

Un estudo xenético molecular publicado en 2019 atopou que dentro do xénero Euplectes, a especie Euplectes aureus separouse primeiro e isto foi seguido polo bispo de coroa amarela.

Recoñécense catro subespecies: E. a. strictus Hartlaub, 1857 – Etiopía central E. a. afer (Gmelin, JF, 1789) – Mauritania, Senegal e Gambia ata o oeste do Sudán, República Democrática do Congo e noroeste de Angola E. a. ladoensis Reichenow, 1885 – sur do Sudán e suroeste de Etiopía ata o norte de Tanzania E. a. taha Smith, A, 1836 – suroeste de Angola, Zambia e suroeste de Tanzania ata Suráfrica.

Descrición

O bispo de coroa amarela ten unha lonxitude de 95 a 105 mm e un peso de 15 g. Durante a estación reprodutora é sexualmente dimórfico, é dicir, as caracterísitcss do macho son distintas e, neste caso, máis rechamantes, que as da femia. Durante a estación reprodutora, o macho ten unha distintiva plumaxe amarela dourada e negra. O bico en ambos os sexos é curto e cónico. A cor do bico do macho é negra durante a estación reprodutora; en contraste, durante a estación non reprodutora, tanto o bico do macho coma o da femia son de cor corno. As patas e pés son marróns rosados. O macho ten unha parte inferior da face, a gorxa, o peito e o ventre negros, un ancho colar negro na parte de atrás do pescozo, e unha coroa, fronte e parte de atrás da coroa amarelas brillantes. Hai unha mancha amarela sobre o ombreiro, e o dorso e o sobrecú son amarelos. As ás e cola son marróns. Durante a estación non reprodutora a plumaxe do macho parécese ao da femia. Esta especie ten unhas partes superiores marróns claras, cunhas liñas máis escuras. A sobrecella é máis clara e as partes inferiores de cor branca crúa con finas liñas escuras no peito e flancos.

O macho en plumaxe reprodutora lembra o Euplectes capensis, pero esta última especie é meirande e carece de coroa amarela. Os machos non reprodutores e as femias poden ser confundidos coas de Euplectes orix, pero teñen as partes ventrais brancas, mentres que dita especie tenas beixes.

Distribución e hábitat O bispo de coroa amarela é nativo dos seguintes países africanos: Angola, Benin, Botsuana, Burkina Faso, Camerún, República Centroafricana, Chad, República do Congo, República Democrática do Congo, Costa do Marfil, Etiopía, Gabón, Gambia, Ghana, Guinea, Guinea-Bissau, Kenya, Lesoto, Liberia, Mali, Mauritania, Mozambique, Namibia, Níxer, Nixeria, Senegal, Serra Leoa, Suráfrica, Sudán, Tanzania, Togo, Uganda, Zambia e Zimbabwe. Foi introducido nos segintes países: Xamaica, Xapón, Porto Rico, Portugal, España e Venezuela. Detectáronse machos escapados no sur de California, one defenden os seus territorios, aínda que se descoñece se aínda seguen presentes na área. Prefire hábitats como as pradeiras, pequenos lagos pouco profundos estacionais, e lagos secos. Gústanlle os campos de trigo e sorgo, e a maleza ao longo das zonas húmidas.

Comportamento O bispo de coroa amarela come insectos, grans e outras sementes. Vive en bandadas que conteñen machos e femias. Nas estacións non reprodutoras as bandadas poden conter outros ploceidos e gorrións. A chamada é un "zzzzzzz, zzit, zzit, zzzz moi agudo, estridente, áspero rumbante, algo parecido ao dun insecto". A nidificación é de novembro a maio, chega ao seu máximo en decembro-marzo, e os machos son polixinios, pero os machos non se reproducen en colonias. Cada macho contrúe dous ou máis niños ovais coa parte de arriba aberta, atraendo unha femia a cada niño exhibindo as súas plumas amarelas e facendo voos de exhibición. Son aves grearias e nómades, que vagan polas áreas reprodutoras en resposta á chuvia. Os niños constrúenos entre talos verticais e herbas ou xuncos ou arbustos. Os talos dobrados de herbas vivas axudan a agochar o niño. A femia pon de dous a catro ovos brancos. A incubación dos ovos fana soamente as femias e dura de 12 a 14 días. As crías abandonan o niño pasados 11–13 días e son totalmente independentes en cinco semanas.

Galería

Notas

Véxase tamén Ligazóns externas

(Yellow-crowned bishop = ) Golden bishop - Texto sobre a especie en The Atlas of Southern African Birds Fotos da reprodución e plumaxe invernal Galería de fotos

Categoría:Ploceidos Categoría:Aves de África Categoría:Animais descritos en 1789 Categoría:Taxons descritos por Johann Friedrich Gmelin