Félix de Paz Rodríguez, nado na Coruña en 1889 e finado na mesma cidade en xaneiro de 1966, foi un futbolista, adestrador e árbitro galego. Foi un dos fundadores do Deportivo da Coruña, no que xogou ata 1910, e foi o primeiro adestrador da historia do club.
Traxectoria Naceu na Coruña a finais da década de 1880, sendo fillo do industrial Blas de Paz Vázquez e de María Juana Rodríguez López. Tiña sete irmáns: Mariano, Josefa, Purificación, Enrique, Arturo, Marina e Leonardo. Foi alumno da Sala Calvet polo menos dende 1902 e no célebre ximnasio coruñés practicou diferentes disciplinas deportivas baixo a batuta de Federico Fernández-Amor Calvet, coincidindo con outros futuros compañeiros no fútbol como Virgilio, Juan Long ou o seu irmán Mariano. Comezou a xogar ao fútbol na praza de touros da Coruña, onde xogaba habitualmente o Corunna.
En maio de 1906 foi un dos fundadores do Club Náutico da Sala Calvet e en decembro do mesmo ano participou con só 16 anos, 2 meses e 15 días, no histórico primeiro partido do Deportivo da Coruña contra o Corunna, formando na dianteira xunto a Virgilio, Juan Manuel López, Pedro Martínez Urioste e Francisco Martínez (ou Juan Rodríguez segundo outra versión). O 9 de xaneiro de 1907 participou na reunión da Sala Calvet na que se fundou o Deportivo da Coruña. Militou no club ata 1911, anos nos que disputou diferentes competicións como o Campionato de Galicia e Asturias ou a Copa Gabino Bugallal. Viaxou co equipo a Madrid para o debut do Deportivo na Copa do Rei, en 1910, edición da que o club se proclamou subcampión, aínda que acudiu como suplente.
Trala súa retirada como xogador foi un destacado árbitro, sendo un habitual nos partidos do Campionato de Galicia. Ocupou tamén o cargo de tesoureiro no comité directivo da Federación Galega de Fútbol. Entre 1924 e 1925 foi o adestrador do Deportivo da Coruña, sendo a primeira persoa en ocupar este cargo no club, pois anteriormente eran os capitáns os que realizaban esas funcións. Foi o adestrador do Deportivo na xira de 1925, que levou ao equipo a Lisboa, Madrid, Alacant e Valencia.
Fóra do fútbol traballou como encargado no cine do Quiosco Alfonso da Coruña ata a súa xubilación en 1962. Faleceu en xaneiro de 1966.
Vida persoal Casou con Elena Pérez Gómez, coa que foi pai de Elena, Leonardo e Félix de Paz Pérez. Foi cuñado do tamén futbolista e xogador do Deportivo Eugenio Charry, que casou cunha irmá da súa muller.
Notas
Véxase tamén Bibliografía
Categoría:Nados na Coruña Categoría:Nados en 1889 Categoría:Futbolistas da Coruña Categoría:Xogadores do Deportivo da Coruña Categoría:Adestradores de fútbol de Galicia Categoría:Adestradores do Deportivo da Coruña Categoría:Árbitros de fútbol de Galicia Categoría:Finados en 1966