Toshihiko Izutsu (en ), nado en Tokyo o 4 de maio de 1914 e finado en Kamakura o 7 de xaneiro de 1993, foi un erudito xaponés especializado en estudos islámicos e relixión comparada. Interesouse pola lingüística dende moi novo e, segundo algunhas fontes, chegou a coñecer máis de trinta linguas, entre as que se inclúen o árabe, o hebreo, o turco, o persa, o sánscrito, o pali, o hindustano, o ruso, o grego ou o chinés. É moi recoñecido pola súa tradución do Corán ao xaponés.
Traxectoria Toshihiku Izutsu naceu no seo dunha familia adiñeirada da capital nipoa. Dende novo coñeceu a meditación zen e mais a práctica dos kōan, xa que o seu pai era calígrafo e practicante do budismo zen. Entrou na Facultade de Económicas da Universidade Keiō, mais acabou pedindo o traslado ao Departamento de Literatura Inglesa para estudar co profesor Junzaburō Nishiwaki. En 1937, tras graduarse, converteuse en asistente de investigación da súa alma máter.
En 1958 completou a primeira tradución directa do Corán ao xaponés (Okawa Shumei xa publicara unha versión indirecta unha década antes). A súa edición segue a ser recoñecida pola súa precisión lingüística, polo que é moi empregada en investigacións académicas. Izutsu tiña un gran talento para a aprendizaxe de linguas estranxeiras, chegando a ler o Corán enteiro tan só un mes despois de comezar a estudar o árabe. Entre 1969 e 1975, foi profesor de filosofía islámica na Universidade McGill de Montreal, no Quebec. Así mesmo, traballou no Instituto Iraniano de Investigacións Filosóficas, entón coñecida como a Academia Imperial Iraniana de Filosofía, situada en Teherán. Durante o seu tempo en Irán, Izutsu colaborou con Seyyed Hossein Nasr, William Chittick, Peter Lamborn Wilson e outros. Regresou ao Xapón despois da revolución iraniana de 1979, onde se dedicou a escribir con asiduidade libros e artigos en xaponés sobre a filosofía oriental e a súa importancia.
Faleceu en Kamakura o 7 de xaneiro de 1993.
Pensamento Para comprender o legado intelectual de Izutsu, cómpre considerar catro elementos: a súa relación co budismo, en particular coa súa variante zen; o seu interese polas linguas; a súa inclinación cara ao posmodernismo e o seu uso da filosofía comparada.
Por exemplo, no seu influente libro Sufism and Taoism: A Comparative Study of Key Philosophical Concepts, de 1983, comparou os sistemas de pensamento metafísicos e místicos do sufismo e do daoísmo, afirmando que, malia non ter relación histórica, ambas as dúas tradicións partillaban características e patróns.
Traducións En castelán Sufismo y Taoísmo, volumen 1: Ibn Arabi (1997). Siruela. Sufismo y Taoísmo, volumen 2: Laozi y Zhuangzi (1997). Siruela. Haacia una filosofía del budismo zen (2009). Trotta.
Notas
Véxase tamén Bibliografía
Categoría:Alumnos da Universidade Keiō Categoría:Finados en 1993 Categoría:Nados en 1914 Categoría:Nados en Tokyo