Pomoxis nigromaculatus é unha especie de peixe de auga doce da familia Centrarchidae endémico de América do Norte. É moi similar ao seu conxénere P. annularis en tamaño, forma e hábitos, excepto que é máis escuro cun debuxo con manchas negras.

Taxonomía

O nome do xénero Pomoxis vén do grego "poma, -atos" e "oxys" que significa 'opérculo agudo'. Isto fai referencia ao opérculo espiñoso que cobre as branquias. O termo específico nigromaculatus deriva do latín e significa 'con manchas negras'.

Descrición Identifícanse con precisión polas sete ou oito espiñas da súa aleta dorsal (P. annularis ten cinco ou seis espiñas). Teñen un corpo alto e comprimido lateralmente. Son xeralmente de cor gris prateado a verde e mostran manchas irregulares ou a pintas por todo o corpo. Teñen filas de manchas negras nas aletas dorsal, anal e caudal. As aletas dorsal e anal son de forma moi parecida. Ambas as especies de Pomoxis teñen bocas grandes que se estenden por debaixo do ollo e beizos finos, características que suxiren hábitos de alimentación piscívoros. Teñen uns 10-20 cm de longo. A mellor marca de captura actual en todas as modalidades de pesca deportiva deste peixe é a dun exemplar de 2,47 kg. A lonxitude máxima informada foi de 49 cm e o máximo peso publicado foi duns 2,7 kg. miniatura|En San Joaquin Valley, California.

Distribución A súa distribución xeográfica é insegura, porque foi moi transplantado a lugares onde non vivía, pero suponse que é similar á de P. annulatus. A súa distribución nativa crese que é no leste dos Estados Unidos e Canadá, e en 2005, existían poboacións nos 48 estados contiguos. Tamén hai poboacións introducidas en México e Panamá.

Hábitat

Os seus hábitats son lagos, encoros, pozos de escavación (creados pola extracción de areas, gravas etc.) e lagoas de navegación en grandes ríos. Prefiren áreas con pouca ou ningunha corrente, auga clara e cuberta abundante como troncos mergullados ou vexetación acuática, así como fondos de area ou lama como os de lagos, lagoas, regatos e bulleiros.

Igual que P. annularis, P. nigromaculatus é moi prolífico e pode sobrepoboar o seu ambiente, con negativas consecuencias tanto para o propio peixe coma para outras especies de peixes. Porén, un fornecedor comercial de peixe afirma que pode almacenarse con seguridade en lagoas de só 0,40 ha de área.

Dieta Aliméntanse de mañanciña e desde medianoite ata aproximadamente as 2 da madrugada. Os individuos de menos de 16 cm comen plancto e crustáceos minúsculos, mentres que os individuos máis grandes aliméntanse de peixes como os alósidos e os leusciscinos. Os adultos aliméntanse de menos cantidade de peixe que os P. annularis, xa que consomen grandes cantidades de insectos e larvas de insectos e crustáceos. Segundo estudos científicos levados a cabo en California, o camarón mísido Neomysis awatschensis e os anfípodos do xénero Corophium eran os que máis frecuentemente comían os P. nigromaculatus de todos os tamaños, seguidos de copépodos, cladóceros e larvas e pupas de quironómidos. Aínda que esta dieta é común nesta especie en xeral, a súa dieta pode cambiar significativamente segundo o seu hábitat, dispoñibilidade de comida e outros factores bióticos, como a maior ou menor competición polos recursos. O mesmo estudo tamén sinalou que os individuos novos pequenos adoitan alimentarse de animais invertebrados acuáticos pequenos e cambian a unha dieta de máis peixes a medida que se fan adultos, pero sen abandonaren a inxestión de invertebrados.

Pesca deportiva Son peixes moi populares na pesca deportiva, xa que son doados de capturar durante os momentos en que buscan comida. Hai límites de captura en número e tamaño mínimo na súa pesca. Captúranse normalmente con anzós pequenos e aparellos para leuciscinos. A diferenza dos seus parentes os P. annularis, esta especie captúrase máis facilmente en augas claras arredor dalgunha estrutura.

Conservación Poden capturarse sen perigo para a especie seguindo as regulacións mínimas razoables, con tal de que non haxa danos permanentes á zona de pesca ou ambiente. Non está na lista vermella da IUCN de especies ameazadas.

Reprodución e ciclo de vida

Maduran entre os 2 e 4 anos. Medran durante os catro primeiros anos da súa vida máis rapidamente en augas cálidas como as da parte sur da súa área de distribución que nas augas frías do norte. P. annularis ten unha maior velocidade de crecemento en lonxitude que P. nigromaculatus.

A estación reprodutora varía segundo a localidade, debido á grande área de distribución da especie. A temperatura é de 14‒20 °C e a desova ocorre en primavera e inicio do verán. A desova ocorre nun niño construído polo macho. Os machos usan os seus corpos e colas para varrer a area e lama dunha área en augas pouco fondas (entre 30 e 180 cm de profundidade) xeralmente preto da ribeira e de vexetación para formar un niño. Parece ser que nidifican nas partes máis protexidas posibles, como sitios con restos de madeira mergullados ou vexetación viva.

As femias producen como media uns 40.000 ovos esféricos, pero o número depende da súa idade e tamaño. Despois de desovaren, o macho vixía o niño ata que os ovos fagan eclosión, o cal é habitualmente en 2–3 días. Os peixiños acabados de eclosionar miden uns 2,32 mm de longo e parecen translúcidos. Permanecen no niño varios días antes de trasladárense a augas pouco fondas protexidas.

A maior idade rexistrada dun espécime foi de 15 anos, aínda que sete anos é a duración da vida máis típica da especie.

Notas

Véxase tamén Ligazóns externas

Categoría:Centrárquidos Categoría:Peixes de América do Norte Categoría:Animais descritos en 1829 Categoría:Taxons descritos por Charles Alexandre Lesueur