Óscar Bruzón Barreras, nado en Vigo o 29 de maio de 1977, é un adestrador e exfutbolista galego, que dende 2024 dirixe o East Bengal, da Superliga da India. Xogaba de extremo ou de centrocampista defensivo.

Traxectoria Como xogador

Nado en Vigo, estudou no Colexio Apóstol e xogou ao fútbol no equipo da escola ata os 17 anos, cando pasou ao xuvenil do CD Areosa. Tras unha tempada neste club, fixouse nel o adestrador Miliucho, que o incorporou ao Gran Peña. Disputou catro tempadas con este club na Tercera División, disputando 112 partidos oficiais. En 1998 ingresou no Celta de Vigo para formar parte do filial, tamén en Terceira. Xogou unha única campaña no Celta B, participando en 35 partidos, 31 deles como titular.

No verán de 1999 foi cedido ao Universidad de Las Palmas CF, da Segunda División B, conseguindo o ascenso a Segunda División ao final da tempada. Debutou na categoría de prata o 3 de setembro de 2000, sendo titular nun empate sen goles contra o Sporting de Gijón, pero as lesións limitaron as súas contribucións durante a tempada 2000/01 a só dous partidos.

O 6 de xullo de 2001 asinou un contrato de dous anos co Pontevedra, de Segunda B. Tras ser unha peza importante nos esquemas de Raúl González durante a súa primeira tempada, volveu ter problemas coas lesións na segunda e acabou por retirarse en 2003.

Como adestrador Comezou a súa carreira como adestrador en 2007, nas categorías inferiores do Areosa. En 2009 ingresou como técnico na canteira do Celta, mentres traballaba a tempo parcial nun banco.

En decembro de 2012 puxo rumbo á India, onde se converteu no novo adestrador do Sporting Clube de Goa, substituíndo no cargo a Ekendra Singh. Na tempada 2013/14 proclamouse campión da Liga Profesional de Goa, e conseguiu meter o equipo na quinta posición da táboa da I-League. Deixou o club o 4 de decembro de 2014, exactamente dous anos despois da súa chegada.

O 15 de abril de 2015 anunciouse a súa fichaxe polo Mumbai City FC, equipo da nova Superliga india, como axudante do adestrador principal, o francés Nicolas Anelka. En outubro do ano seguinte, de regreso en España, ingresou de novo no Mallorca, como asistente do tamén galego Fernando Vázquez.

En marzo de 2017 regresou á India, onde se fixo cargo do Mumbai FC, substituíndo ao cesado Santosh Kashyap, pero non puido evitar o descenso do equipo como último clasificado.

O 26 de xuño de 2017 foi nomeado adestrador do New Radiant SC das Maldivas. Na súa primeira tempada con este club conquistou a Dhivehi Premier League, a FA Cup das Maldivas e a Copa do Presidente.

O 21 de agosto de 2018, despois de gañar tamén a liga de Malé e de acadar o segundo posto do grupo E da AFC Cup, deixou as Maldivas e mudouse a Bangladesh, onde asinou como novo adestrador do Bashundhara Kings, converténdose no primeiro estranxeiro en dirixir o club, que acababa de ascender á Premier League por primeira vez.

Na súa primeira campaña no club de Dacca fixo historia no fútbol do país, convertendo o Bashundhara Kings no primeiro equipo en gañar a Premier League na súa campaña de debut, perdendo só un partido en toda a liga. A este éxito sumou tamén o título da Copa da Independencia e o subcampionato da Copa da Federación.

Con xogadores como Daniel Colindres, Marcos Vinícius ou Robinho, o equipo de Bruzón asentouse na elite do fútbol bengalí durante os seguintes anos, conquistando tres títulos de liga máis nas tempadas 2021, 2021/22 e 2022/23, así como dúas Copas da Federación en 2020 e 2021. Tamén dirixiu a selección nacional de Bangladesh de xeito interino durante o ano 2021, disputando o Campionato da SAFF.

En 2024 volveu á India como adestrador do East Bengal, trala dimisión do anterior técnico, o catalán Carles Cuadrat. En decembro de 2025 disputou a final da Supercopa da India en Margao, caendo ante o Goa na quenda de penaltis.

Palmarés como adestrador Sporting de Goa Liga Profesional de Goa (1): 2014/14.

New Radiant Dhivehi Premier League (1): 2017. FA Cup das Maldivas (1): 2017. Copa do Presidente (1): 2017. FA Charity Shield (1): 2018. Liga de Malé (1): 2018.

Bashundhara Kings Premier League de Bangladesh (4): 2018/19, 2021, 2021/22, 2022/23. Copa da Federación de Bangladesh (1): 2019/20, 2020/21. Copa da Independencia de Bangladesh (1): 2018.

Notas

Categoría:Nados en 1977 Categoría:Nados en Vigo Categoría:Futbolistas de Vigo Categoría:Centrocampistas de fútbol Categoría:Xogadores do Gran Peña Categoría:Xogadores do Celta de Vigo B Categoría:Xogadores do Universidad de Las Palmas CF Categoría:Xogadores do Pontevedra CF Categoría:Adestradores de fútbol de Galicia