Gatopardo Ediciones é unha editorial barcelonesa centrada principalmente na publicación de títulos de narrativa e ensaio non traducidos ao español, e tamén na reedición e recuperación de obras descatalogadas.
Historia A firma foi fundada en Barcelona en 2015 por Javier Villavecchia e Marta Obregón, e dirixida desde esa data por Mónica Monteys. En 2020 asumiu a dirección Lucas Villavecchia, neto dos fundadores, cuxa carreira profesional transitara por Libros del Asteroide e o grupo Penguin Random House.
Catálogo O catálogo de Gatopardo Ediciones foi crecendo lenta pero constantemente; en marzo de 2025 podíanse adquirir máis de cen obras a través da súa páxina web, todas elas integradas nunha única colección numerada. O italiano Pietro Citati inaugurou o fondo con Alejandro Magno (2015), un ensaio biográfico sobre o conquistador macedonio Alexandre o Grande. Seguíronlle as novelas En peligro (2015), de Richard Hughes, e La primavera de los bárbaros (2015), de Jonas Lüscher, que merecera o Premio Franz Hessel.
Entre os títulos de Gatopardo que mellor recibimento tiveron dende a súa fundación destacan o libro de viaxes El turista desnudo (2017), de Lawrence Osborne, as novelas Estado de malestar (2020), de Nina Lykke, e Temas de conversación (2021), de Miranda Popkey, e os ensaios Clics contra la humanidad (2021), de James Williams, e Síndrome 1933 (2024), de Siegmund Ginzberg. Os éxitos distribúense entre os diferentes subxéneros do catálogo, que inclúen narrativa de non ficción, biografías, autobiografías, libros sobre música ou arquitectura e literatura de viaxes, de acordo cos desexos do director: «Gústame pensar no catálogo como unha mestura heteroxénea e definilo polo seu eclecticismo».
En canto á recuperación de libros descatalogados e á publicación de obras nunca antes impresas en castelán, cabe destacar a boa acollida de Mujeres excelentes (2018), de Barbara Pym (1913-1980) e outros títulos desta autora, e tamén Una vista del puerto (2016) e Un alma cándida (2018), da británica Elizabeth Taylor (1912-1975). Algúns dos escritores con obras rescatadas por Gatopardo son Charles Dickens, Jack London, Herny James, D. H. Lawrence, E. M. Forster, Joyce Carol Oates e Roald Dahl.
Notas
Categoría:Editoriais de Barcelona