Cuadernos del Vigía é unha editorial española orientada á publicación de autores noveis e tamén á recuperación de figuras da literatura española no exilio.
Historia A editorial foi fundada en 1997 en Granada por Miguel Ángel Arcas, coa intención de dar a coñecer novos valores da poesía española do momento; os intereses do editor expandíronse axiña a outros xéneros como o relato breve, o microrrelato ou os aforismos, e, desde 2009, á novela, coa reedición da obra de Max Aub e de diversas escritoras exiliadas tras a guerra civil española.
Catálogo As primeiras coleccións editadas, denominadas Serie Menor e Serie Mayor, pertencen ao xénero lírico. O primeiro libro da Serie Menor titulouse como a editorial: Cuadernos del Vigía (1997); tratábase dunha antoloxía de autores (case todos nados nos anos 40 e 50) cunha traxectoria relativamente consolidada, como Javier Egea, Luis García Montero, Rafael Guillén, Ángeles Mora, José Carlos Rosales, Álvaro Salvador ou Luis Muñoz. Seguíronlle varios volumes poéticos, entre eles Luces dentro del bosque (2000), de Juan Antonio Bernier. De Serie Mayor pódense citar El baile (2002), obra do mesmo editor, Miguel Ángel Arcas; Breve antología del tiempo (2008), do poeta cubano Waldo Leyva; Todas las mentiras (2006), do español Javier Benítez Láinez, e Sonetos del extraño (2007), do arxentino Andrés Neuman. miniatura|Portada da novela Campo Cerrado, de Max Aub, editada por Cuadernos del Vigía|alt=Campo Cerrado, de Max Aub. Editorial Cuadernos del Vigía|449x449px O catálogo ampliouse cara á narrativa con dúas novas coleccións: Microrrelatos, especializada neste xénero singular, e a serie dedicada ao relato curto Cuadernos del Vigía, na que publicaron autores como Cristina García Morales, Ángel Olgoso e Carmen Peire. Esta tendencia á literatura breve continuou coa colección Aforismos, reforzada coa creación en 2013 do Premio Internacional de Aforismos José Bergamín.
Finalmente, a editorial entrou na novela coa colección Ediciones a la Carta, na que se reeditou gran parte da obra de Max Aub, unha das principais figuras da chamada literatura española do exilio. «Rescatar a obra e a figura de Max Aub é unha das miñas maiores satisfaccións como editor. Creo que era de xustiza volver poñer nas mans dos lectores unha obra inconmensurable, chea de sentido e actualidade», afirmou Arcas Son precisamente as voces femininas da literatura española do exilio as que protagonizan a colección La Mitad Olvidada, que, como o seu nome indica, redime do esquecemento a un bo número de escritoras e intelectuais, na súa maioría exiliadas despois da guerra: Rosa Chacel, Carmen Conde, Concha Méndez, Carmen de Burgos, Mada Carreño, Silvia Mistral e Carlota O'Neill, entre outras.
Distincións Cuadernos del Vigía foi galardoada en 2010 co X Premio do Centro Andaluz das Letras ao Fomento da Lectura pola concepción e desenvolvemento do proxecto "Relatos para Leer en el Autobús" (2005-2006). Cada mes, a editorial imprimía un relato breve en formato de peto, xeralmente de recoñecidos autores españois, que se distribuía de balde nos autobuses de Granada; a iniciativa tivo tanto éxito que foi imitada noutras provincias andaluzas. Os relatos publicados foron recollidos en dúas antoloxías: Relatos para leer en el autobús (2006) e Nuevos relatos para leer en el autobús (2009).
Notas
Categoría:Editoriais de España