A unidade de encima ou unidade internacional (símbolo U ou IU) é unha unidade de medida para medir a actividade catalítica dun encima. Unha unidade encimática defínese como a cantidade de encima que cataliza a conversión dun micromol (μmol) de substrato por minuto (min) nas condicións especificadas do método de ensaio. As condicións especificadas serán normalmente as condicións óptimas, incluíndo, entre outras, a temperatura, pH e concentración de substrato, que causan a velocidade máxima de conversión de substrato para un encima particular. Nalgúns métodos de ensaio, xeralmente tómase unha temperatura de 25 °C.Principles of Biochemistry, page 94, 4ª edición, Lehninger
A unidade de encima foi adoptada pola IUMB en 1964. Porén, como o minuto non é unha unidade de tempo base do SI, desaconséllase o uso de unida de encima en favor do katal (kat), que corresponde á cantidade de encima que cataliza un mol de substrato por segundo. Así, 1 U = 16,67 nanokat. Aínda que o katal foi recomendado en 1978 pola Conferencia Xeral de Pesos e Medidas e oficialmente adoptado en 1999, case todas as investigacións científicas aínda usan a unidade de encima, pola simple razón de que os ensaios encimáticos normalmente duran minutos, non segundos.
A unidade de encima é ás veces tamén chamada unidade internacional, causando confusión coa unidade de idéntico nome unidade internacional de actividade biolóxica. Esta última utilízase para medir biofármacos, como vitaminas e hormonas, e é deinida por un estándar arbitrario de actividade biolóxica establecida para cada determinada substancia. Así, non hai relación entre as dúas unidades, malia os seus nomes idénticos; por exemplo, un valor de IU do encima catalase non ten relación significativa co valor IU da vitamina C.
Notas
Véxase tamén Outros artigos Número de recambio Ensaio encimático Catálise encimática
Categoría:Unidades de medida