Jaime Martínez Pereira, nado en Gaifar (Panxón, Nigrán) o 30 de abril de 1917 e finado en Gusen o 29 de decembro de 1941, foi un exiliado galego deportado ós campos de concentración nazis. miniatura|200px|Stolperstein en memoria de Jaime Martínez Pereira en Gaifar.

Traxectoria Tralo golpe de Estado do 18 de xullo de 1936 foi alistado polo bando sublevado para combater na guerra civil española, mais desertou para pasar ó bando republicano. Exiliouse en Francia trala vitoria do bando franquista e coa caída de Francia no decurso da segunda guerra mundial foi apresado polo exército alemán en 1940 e confinado no Stalag V-D, en Estrasburgo.

O 11 de decembro de 1940 foi enviado xunto a outros 846 prisioneiros ó campo de concentración de Mauthausen, o traxecto realizado en tren durou dous días, foi rexistrado como pescador de profesión á súa chegada a Mauthausen. O 8 de abril de 1941 foi trasladado ó campo de concentración de Gusen, onde faleceu segundo o rexistro o 29 de decembro de 1941 a causa dunha pneumonía, procedéndose o día seguinte á cremación do seu corpo.

Vida persoal Fillo de Josefa e Florencio, no padrón de habitantes do ano 1920 aparece inscrito no número 9 do lugar de Gaifar (Panxón, Nigrán), xunto a seus pais e un irmán máis novo, Jesús. Florencio foi reclamado pola Garda Civil tras non incorporarse o seu fillo ó exército despois de ser alistado polo bando sublevado. Tralo inicio da guerra civil a familia non volveu a saber máis del e pensaron que morrera na fronte durante o transcurso da contenda.

Recoñecementos O concello de Nigrán erixiu na súa lembranza un monólito o 16 de febreiro de 2017 na praza da mestra Doña Manuela da Porqueira (Panxón, Nigrán). De igual xeito, o concello de Nigrán colocou en Gaifar o 27 de decembro de 2024 unha Stolperstein na súa memoria.

Notas

Véxase tamén Bibliografía

Categoría:Nados en Nigrán Categoría:Nados en 1917 Categoría:Finados en 1941 Categoría:Galegos finados en campos de concentración nazis