As moedas de ouro territoriais dos Estados Unidos abranguen as emisións monetarias de carácter privado realizadas neste metal na época da febre do ouro de California e noutros territorios, entre as que cómpre salientar as cuñadas en Xeorxia e en Carolina do Norte na década de 1830, na propia California entre 1849 e 1883, as emisións mormoas do territorio de Utah entre 1848 e 1860, as de Oregón de 1849 e as do territorio de Colorado de 1860 a 1861.
Estas emisións xurdiron co fin de cubrir unha necesidade de moeda circulante que o Goberno non estaba en disposición de satisfacer, nin sequera despois da apertura das casas de moeda de Charlotte, de Dahlonega e de Nova Orleáns —activas de 1838 a 1861—, e finalmente a de San Francisco —operativa desde 1854—, establecidas para a cuñaxe oficial de moedas de ouro pero cuxa produción resultou insuficiente naquela época.
Emisións por territorios
Xeorxia e Carolina do Norte
As primeiras emisións privadas de ouro territorial foron as aparecidas na década de 1830 nos territorios de Xeorxia e de Carolina do Norte, coincidindo coas primeiras aparicións de ouro nas minas daquelas rexións."Territorial". Professional Coin Grading Service (pcgs.com).Kagin, D. H. (1981). Páxina 15.
En 1830, Templeton Reid, de Xeorxia, converteuse no primeiro emisor privado de moeda de ouro nos Estados Unidos, cunha serie de moedas con valores faciais de 2½, 5 e 10 dólares, que tiñan o peso normativo, mais non a proporción de ouro legal na súa aliaxe, o que provocou o seu rápido descrédito entre a poboación, que deixou de utilizalas o ano seguinte. Descoñécese a cantidade de moedas cuñadas por Reid."Templeton Reid (Georgia)". Professional Coin Grading Service (pcgs.com).Kagin, D. H. (1981). Páxinas 15-23.
Tamén a familia Bechtler —Christopher Bechtler, o seu fillo Augustus e o seu sobriño Christopher—produciu moedas de ouro, con valores de 1, 2½ e 5 dólares a partir de 1831."Bechtler (Carolina del Norte/Georgia)". Professional Coin Grading Service (pcgs.com). Estas moedas cuñáronse en Carolina do Norte nunha cantidade moi superior ás de Reid, cunha boa calidade, polo que foron xeralmente aceptadas con carácter local ata 1850. O seu acollemento foi tan bo que as obrigas monetarias da Confederación se especificaron como pagadoiras en "ouro Bechtler", no canto de moedas da Unión, ou da moeda confederada.Kagin, D. H. (1981). Páxinas 23-35.
California
Logo da descuberta de minas de ouro neste territorio en 1848, que deu lugar á denominada "febre do ouro", produciuse unha chegada masiva de mineiros, o que xerou a necesidade de moedas para o comercio diario entre a nova poboación asentada. Xurdiron así as primeiras emisións de carácter privado e local, levadas a cabo por unha gran cantidade de entidades empresariais principalmente vinculadas á explotación do ouro, como Baldwin & Company (entre 1850 e 1851), J. G. Bowie (1849), Cincinnati Mining & Trading Company (1849), Dubosq & Company (1849-1850), J. B. Ormsby (1849), Kellogg & Company (1854-1855) ou Massachusetts & California Company (1849) entre outras moitas."California Gold". Professional Coin Grading Service (pcgs.com).Kagin, D. H. (1981). Páxinas 62-161, 163-175.
Mais o Goberno federal reaccionou axiña e, xa en 1851, estableceu unha oficina de ensaio onde se cuñaron moedas de ouro de emerxencia de carácter oficial."U.S. Assay Office / Humbert". Professional Coin Grading Service (pcgs.com).Kagin, D. H. (1981). Páxinas 136-157. Finalmente, coa inauguración da Casa da Moeda de San Francisco en 1854 todas as emisións anteriores foron retiradas da circulación e refundidas, para as converter en moeda oficial.Kagin, D. H. (1981). Páxinas 161-162.
Ademais dos habituais valores superiores a un dólar, que chegaron mesmo aos 50 dólares, en California producíronse tamén pequenas moedas de ouro con valores de 25 centavos, de 50 centavos e dun dólar —coñecidas como "ouro fraccionario"—, para seren usadas no comercio diario. Ao seren substituídas progresivamente por moedas de prata emitidas oficialmente, estas pequenas pezas de ouro pasaron a utilizarse como adobíos de xoiaría, motivo polo que é frecuente que as que se conservan amosen perforacións ou estean engastadas en xoias diversas."California Fractional Gold". Professional Coin Grading Service (pcgs.com).Kagin, D. H. (1981). Páxinas 119-123.
Coñécese a existencia de máis de 450 variedades, algunhas delas sen data aínda que a maior parte producidas entre 1852 e 1882. O máis habitual é que estas emisións sexan anónimas o que se identifiquen unicamente por iniciais, máis os investigadores numismáticos puideron atribuír a maioría delas a xoieiros en San Francisco, California, e en Leavenworth, Kansas, aínda que algunhas puideron ser cuñadas tamén en Nova York e en Nova Orleáns. Oregón
Ante a negativa dos gobernos federal e territorial de satisfacer as necesidades de moeda de Oregón, a compañía privada Oregon Exchange Company decidiu facer as súas propias cuñaxes extraoficialmente. As primeiras moedas cuñáronse cara a marzo de 1849, pouco despois da constitución da compañía, e durante un período de seis meses nese ano producíronse pezas de ouro de 5 e de 10 dólares, co nome da empresa, as iniciais dos apelidos dos seus socios e tamén as do Territorio de Oregón: "O. T" nuns casos e "T. O" noutros. O anverso destas moedas estaba caracterizado pola imaxe dun castor, un elemento que máis tarde pasaría a formar parte do selo oficial da cidade de Oregón."Oregon Gold". Professional Coin Grading Service (pcgs.com).Kagin, D. H. (1981). Páxinas 191-205.
Estas moedas cuñáronse en ouro tal e como se extraía, e non con aliaxe posterior de prata, como era habitual, e amosaban expresamente o peso do metal que contiñan, cuantificado en grans. Isto facía que en cada moeda a pureza natural do ouro variase, e con iso tamén a súa cor. Esta circunstancia fixo que o seu valor intrínseco fose adoito superior ao valor nominal das moedas que comezaron a cuñarse oficialmente na Ceca de San Francisco logo da súa apertura en 1854, o que provocou que a poboación preferise fundilas e mandase o ouro resultante á casa da moeda, cun beneficio do 10 %.
O historiador James Henry Brown afirma que se cuñaron 6.000 pezas de 5 dólares e 2.850 de 10 dólares.Kagin, D. H. (1981). Páxina 204. Utah
En Utah, as comunidades relixiosas dos pioneiros mormóns de Utah cuñaron entre 1849 e 1960 moedas de ouro con valores faciais de 2½, 5, 10 e 20 dólares, co ouro en po procedente de California que esas comunidades acumulaban como resultado das doazóns e as esmolas dos seus fieis, logo dunha negativa experiencia anterior de emisión de papel moeda que levara estas comunidades á creba económica.
Inicialmente, os líderes desa comunidade decidiron fundir o ouro en po en lingotes cuns pesos e unha pureza uniformes, mais en novembro de 1948 aprobaron un proxecto para converter ese ouro en moeda, coa intención de favorecer o seu uso no ámbito comercial. Nunha das súas faces, as moedas debían amosar a inscrición HOLINESS TO THE LORD ("santidade para o Señor"), rodeando o emblema do sacerdocio mormón, composto por unha coroa de tres puntas sobre o "ollo que todo o ve" de Xehová. Na face oposta, rodeando unhas mans entrelazadas como símbolo da amizade, aparecerían as iniciais C.S.L.C.P.G., correspondentes a GREAT SALT LAKE CITY PURE GOLD" ("ouro puro do gran Salt Lake City")."Mormon Gold (Utah)". Professional Coin Grading Service (pcgs.com).Kagin, D. H. (1981). Páxinas 176-190.
Colorado
Entre os anos 1860 e 1862 houbo tamén algunhas emisións privadas de moedas de ouro vinculadas á "febre do ouro". A compañía Clark, Gruber & Co. emitiu eses dous anos moedas deste metal con valores de 2½, 5, 10 e 20 dólares.Kagin, D. H. (1981). Páxinas 211-218. Pola súa banda, J.J. Conway & Co. emitiu entre 1861 e 1862 os mesmos valores agás a moeda de 20 dólares.Kagin, D. H. (1981). Páxinas 223-224."Colorado Gold". Professional Coin Grading Service (pcgs.com)."Gold Coinage of Colorado during the Territorial Period". Richard Frajola (Rfrajola.com).
Poida que a serie máis relevante sexa a emitida pola compañía John Parsons & Co., cuñada unicamente en 1861 e composta polas moedas de 2½ e de 5 dólares. O doutor John Parsons era un pioneiro chegado a Colorado en 1858, coñecedor da metalurxia, que preparou os cuños para cuñar inicialmente lingotes de ouro co peso das moedas de 20 dólares, que datou en 1860. En xuño dese ano comezou a preparar os cuños para a serie de moedas e as cuñaxes producíronse o ano seguinte, antes do mes de outubro. Atribúeselle ao propio Parsons a autoría dos deseños, aínda que nas inscricións das moedas se omitise —quizais por falta de espazo— o "S" do seu apelido."John Parsons & Co.". Professional Coin Grading Service (pcgs.com).Kagin, D. H. (1981). Páxinas 219-223.
Coñécese tamén unha proba de cuños en cobre para unha moeda de 5 dólares oficial a nome da oficina de ensaios da cidade de Denver, mais esta moeda non se chegou a cuñar en ouro para a súa posta en circulación.Kagin, D. H. (1981). Páxinas 218-219.
Notas
Véxase tamén
Bibliografía
Kagin, D. H. (1981). Private Gold Coins and Patterns of the United States. Arco Pub., Nova York. ISBN 0-668-04830-1
Outros artigos
Moedas do dólar estadounidense Dobrón Brasher
Ligazóns externas
Coin Resource Center: Territorial Gold (Stacksbowers.com)
Categoría:Moedas dos Estados Unidos de América Categoría:Moedas de ouro Categoría:Moedas da Idade Moderna