José Antonio Rodríguez López, coñecido como Xoán Rolo, nado en Quiroga o 2 de novembro de 1919, e finado na mesma localidade o 22 de novembro de 2001, foi un xornalista e escritor galego. Desenvolveu a maior parte da súa traxectoria como correspondente en Quiroga para os xornais El Progreso e La Voz de Galicia. A súa obra xornalística centrouse na vida, costumes e paisaxe da súa terra natal, ás que lle dedicou unha profunda atención.

Traxectoria A súa obra está marcada por dúas paixóns fundamentais: a terra de Quiroga e a amizade co escritor Ánxel Fole, quen pasou unha longa tempada na vila durante a posguerra. Esta relación frutificou nunha fonda influencia mutua que quedou reflectida nos seus escritos.

A súa casa en Quiroga converteuse nun punto de referencia cultural, un lugar de reunión onde se daban cita escritores, estudantes, profesores e artistas. Entre as súas amizades destacaron Uxío Novoneyra, Manuel María, María Mariño Carou, Xulio Valcárcel, Xosé Estévez ("Pepucho"), Celia Díaz e Lois Diéguez.

Obra Artigos Nos seus artigos, Rolo soubo captar a esencia do val de Quiroga, describindo coidadosamente a súa vexetación, os produtos da terra e o legado arqueolóxico dos castros celtas. Entre todos os produtos, prestou especial atención ao aceite, ao liño e, sobre todo, ao viño. Foi el quen popularizou a frase de Uxío Novoneyra “Quiroga é un viño”, que encabezou un dos seus artigos máis coñecidos.

"A outa montaña luguesa. As terras do Caurel". Estudo sobre a serra do Courel publicado na revista Galicia de Arxentina. "Historia e paisaxe do val de Quiroga". Artigo aparecido na revista Don Camilo, onde abordou diversos aspectos xeográficos e históricos do val, investiga na orixe das súas casas e pazos fidalgos: O pazo dos Carujos, a casa dos Sánchez en Pacios de Mondelo, a casa Romariz... Ou remóntase ós restos prehistóricos que testemuñan a presenza dos primitivos poboadores celtas. "Charlas co indiano Martín". Sección fixa na prensa local, onde amosou o seu vínculo co mundo da emigración. Lendas. Destacou pola recuperación de lendas locais como O ouro do Sil e a lenda do castelo, onde explica a orixe do topónimo Torre Novais e narra a tráxica historia dos amantes do castelo, A nena da ponte (sobre a ponte románica da Barxa durante a Guerra da Independencia), e O Tesouro de Augas Mestas (inédita). A súa biografía está recollida na obra de Celia Díaz Núñez "Voces da Terra. Quiroga e os seus escritores".

Poesía Como poeta, a súa produción foi escasa pero significativa. Asinando co pseudónimo Poetastro publicou Vino de Quiroga e Plaza Mayor. Baixo o alcume Indiano Martín viu a luz o poema Un prego a Deus, unha queixa directa a Deus pola súa indiferenza ante o sufrimento humano.

Labor divulgativo A súa figura foi clave na promoción cultural de Quiroga. Exerceu como pregoeiro da 3ª Feira do Viño de Quiroga e presentou ao pregoeiro da 8ª edición, o premio Nobel Camilo José Cela.

A súa afección pola micoloxía e o seu cargo como presidente da Agrupación Micolóxica «Choupín» de Quiroga fan deste tema unha constante nos seus artigos. Neles, presenta o concello como un paraíso para o micólogo e enumera as especies máis comúns. Impartiu charlas no CEIP de Quiroga sobre os perigos de consumir cogomelos sen a certeza absoluta de que sexan comestibles saudables, e recomenda prácticas para a recollida e o consumo sostible, respectando o medio ambiente.  

Legado A biblioteca de Xoán Rolo estaba aberta ao público e destacaba pola súa amplitude, incluíndo obras prohibidas durante o franquismo como Sempre en Galiza de Castelao, a obra completa de Ramón Cabanillas ou a revista Galicia. A súa casa foi descrita como “un pequeno faro no medio do val”, onde os libros circulaban libremente e o saber se compartía.

Os seus artigos e conversas sobre a bruxa de Torbeo inspiraron á profesora universitaria e investigadora Marisa Castro na elaboración do libro A saga das curandeiras, polo que lle dedica un agradecemento na obra.

Notas

Véxase tamén

Outros artigos Ánxel Fole

Ligazóns externas

Categoría:Nados en Quiroga Categoría:Nados en 1919 Categoría:Finados en 2001 Categoría:Xornalistas de Galicia Categoría:Escritores de Galicia en lingua galega