Arcesilao de Pitana (en grego antigo Ἀρκεσίλαος, en latín Arcesilaus, ás veces chamado Arcesiles), foi un filósofo grego e discípulo de Teofrasto.
Traxectoria
Foi un erudito da Academia Platónica e o fundador da Academia Nova (Academia media ou segunda). Probabelmente naceu en -315 e morreu en -240. Seu pai chamábase Sceutes ou Scythes, e nacera en Pitana (Eolia).
A súa primeira formación académica foi con Autólico de Pitana, con quen estudou matemáticas e emigrou a Sardes. Despois foi a Atenas para estudar retórica a petición do seu irmán maior e titor. Primeiro foi discípulo de Teofrasto e despois de Crántor de Solos, con quen descubriu o seu interese pola filosofía. Non asistiu a escola ningunha, deixou os seus primeiros mestres e estudou con filósofos escépticos e dialécticos. Non era coñecido por ser bo poeta. Dióxenes Laercio recolle dous epigramas seus, un dos cales está dirixido a Átalo, rei de Pérgamo. Nese poema mostra a súa admiración por Homero e Píndaro, dos que era lector frecuente. Dise que a súa oratoria era clara e persuasiva, e estaba avalada pola franqueza do seu comportamento. Non tiña grandes recursos, pero parece que o rei Eumenes o axudaba regularmente. Parece ser que distribuía o que tiña entre os seus amigos filósofos e os necesitados. Os seus inimigos acusárono de libertinaxe, pero el limitouse a citar o exemplo de Arístipo de Cirene. O certo é que morreu aos setenta e seis anos debido a unha embriaguez excesiva.
Filosofía Asumiu a dirección da Academia Platónica despois da morte de Crántor de Solos. Non deixou nada escrito, polo que as súas teorías só poden deducirse principalmente das opinións dos seus detractores. A filosofía parece ter decaído desde a época de Platón e Aristóteles, e os mesmos temas, discutidos unha e outra vez, non deixaban espazo para o pensamento orixinal. Dise que restaurou as doutrinas de Platón ao seu estado orixinal, pero, por outra banda, Cicerón resumiu as súas opinións na frase: "que non sabía nada, nin sequera a súa propia ignorancia", adaptando a máxima de Sócrates. Un resultado desta opinión foi que a Academia incorporou algúns puntos filosóficos da antiga Escola Xónica, que intentou harmonizar con Platón e cos seus propios puntos de vista. Tamén se di que Arcesilao restableceu os métodos socráticos de ensino, baseados en diálogos.
Quen máis se opuxeron a Arcesilao foron os estoicos. Atacou a doutrina escéptica dunha concepción convincente (καταληπτῆς φαντασία) entendida como un significado entre epistéme (coñecemento) e dóxa (opinión), un feito que afirmaba que non podía existir, e que era só a interpolación dun nome, segundo Cicerón. Ademais, implicaba unha contradición entre os seus termos, xa que a propia idea de φαντασία (fantasía) implicaba a posibilidade de que houbese concepcións falsas e verdadeiras do mesmo obxecto.
Cómpre distinguir o escepticismo da Academia do escepticismo filosófico defendido por Pirrón de Élide. Se aceptarmos a fórmula de Arcesilao, de que non sabía nada, nin sequera a súa ignorancia, é evidente que o escepticismo non podía avanzar máis. Pero a Nova Academia non parece ter dubidado da existencia da verdade en si mesma, senón só da capacidade persoal para obtela. Tamén difería dos principios escépticos máis estritos. Mentres que os obxectivos dos seguidores de Pirrón eran lograr a ataraxia (ἀταραξία), os escépticos da Academia parecen terse retirado do campo da especulación ao da vida práctica, e recoñecerían a existencia dalgúns principios dunha lei moral interna, que na mellor das hipóteses sería unha guía para a conduta, o que implicaba a distinción entre o sabio e o tolo. Pódese notar a diferenza entre as afirmacións especulativas das dúas escolas, e unha comparación das vidas dos seus fundadores e os seus sucesores leva á conclusión de que a moderación práctica era a característica dos escépticos académicos.Arcesilaus en: William Smith (editor), A Dictionary of Greek and Roman Biography and Mythology. Vol. I. Boston: Little, Brown & Comp., 1867, p. 258-259.
Notas
categoría:Personalidades de Pitana na Antigüidade Categoría:Nados en -315 Categoría:Finados en -240 Categoría:Filósofos da Grecia antiga