Antonio García-Bellido y García de Diego, nado en Madrid o 30 de abril de 1936 e finado o 10 de novembro de 2025, foi un científico español especializado na investigación das bases xenéticas do desenvolvemento e a diferenciación celular molecular.
Traxectoria Fillo do historiador e arqueólogo Antonio García Bellido e neto (por parte de nai) do filólogo Vicente García de Diego. Estudou Ciencias Biolóxicas na Universidade Complutense de Madrid, onde se licenciou en 1958 e incorporouse nese momento ao Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) grazas a unha bolsa. En 1962, doutorouse en ciencias na mesma universidade coa súa tese: Fenoxenética do locus "sulcado (fw)" de Drosophila melanogaster. Ampliou os seus estudos na Universidade de Cambridge, na Universidade de Zúric e no Instituto Tecnolóxico de California.
Dende 1974, foi profesor de investigación no Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), e tamén foi membro fundador do Centro de Bioloxía Molecular Severo Ochoa e dirixiu o seu Laboratorio de Xenética do Desenvolvemento durante 32 anos. Tamén foi director do Instituto de Xenética e do Centro de Bioloxía Molecular Severo Ochoa e foi amigo íntimo de Severo Ochoa
Foi un dos científicos españois máis recoñecidos internacionalmente, responsable dun traballo innovador nos campos da xenética do desenvolvemento e a diferenciación celular. A súa investigación abordaba o paradoxo de como unha soa célula dá lugar a outras células a través de sucesivas divisións, que logo se diferencian na súa configuración e función. Estas células agrupábanse posteriormente en estruturas moi específicas, formando diferentes tecidos e órganos. O seu traballo abriu o camiño para comprender os mecanismos xenéticos de diferenciación e morfoxénese nos organismos vivos.
Foi profesor visitante en numerosas universidades e impartiu centos de conferencias en todo o mundo. A formación académica do profesor Antonio García-Bellido inclúe o traballo cos profesores V.B. Wigglesworth (Cambridge, Reino Unido), Ernst Hadorn (Zúric, Suíza), A.H. Sturtevant e Edward B. Lewis (Caltech, EUA) proporcionáronlle a base conceptual para levar a cabo análises fisiolóxicas, xenéticas e de desenvolvemento da morfoxénese, o seu campo de interese. Foi o único membro español da Pontificia Academia das Ciencias.
Dirixiu 22 teses doutorais e ten 165 publicacións entre revistas especializadas e libros.
Obra É considerado o "pai da escola española de bioloxía do desenvolvemento". O traballo do profesor Antonio García-Bellido foi pioneiro e preeminente na exploración dunha noción "apoxenética" do desenvolvemento: o xenoma, activo en células individuais, determina o comportamento celular específico e, á súa vez, determina a organización desas células en sistemas supracelulares, patróns e a forma e tamaño dos órganos. Sempre traballou cun insecto díptero, a mosca da froita ou mosca do vinagre (Drosophila melanogaster), un organismo simple e manexable no laboratorio, do cuxo estudo se derivaron numerosas leccións que son válidas para comprender a bioloxía doutras especies, incluídos os humanos.
A riqueza de novas ideas achegadas polo profesor Antonio García-Bellido ao campo da bioloxía do desenvolvemento está relacionada cos destacados resultados experimentais dos seus estudos sobre a base xenética do recoñecemento celular (1966-69); mosaicos xenéticos e mapas de blastodermos (1968); análise clonal de sistemas en desenvolvemento (1968-73); o descubrimento de "compartimentos", publicado en 1973 na revista Nature New Biology (245: 251-253). Este traballo foi defendido en 1975 polo premio Nobel Francis Crick e o premio Príncipe de Asturias Peter Lawrence na revista Science (189: 340-347); a teoría dos xenes selectores (1981); xenética de células somáticas (1970-76); transregulación xenética e sintagmas nos complexos de bitórax e aqueto-escudo (1973-82); e interaccións celulares na morfoxénese (1984-); patrón de venación e control da proliferación celular (1989-); control xenético e celular do tamaño e a forma das ás (1985-).
Legado As súas ideas e as súas novas abordaxes ao problema do desenvolvemento foron seguidas e continuadas por numerosos investigadores de todo o mundo, especialmente en Europa e nos Estados Unidos, o que provocou estudos de investigación similares noutros grupos animais, como mamíferos e plantas. O florecemento actual da xenética molecular do desenvolvemento en *Drosophila melanogaster* débese en gran medida ao importante traballo do profesor Antonio García-Bellido, que xa se cita e explica en libros de texto (por exemplo, *Genetics* de Strickberger ou *Molecular Biology of the Cell* de B. Alberts et al.). Unha das súas publicacións, *The Compartment Theory* (que lle valeu unha candidatura ao Premio Nobel en 1979), foi designada como "clásico" por *Current Contents* e foi discutida e eloxiada por moitos colegas en artigos de investigación, artigos de revisión e dedicatorias de libros.
Premios e postos académicos
Premios
Premio Príncipe de Asturias de Investigación Científica e Técnica (España), 1984 Premio Charles-Léopold-Mayer, Academia Francesa de Ciencias, 1986 Premio de Invención da Fundación García Cabrerizo, 1989 XXI Premio Lección Memorial Jiménez Díaz, Fundación Conchita Rábago, 1989 Premio Nacional de Investigación Santiago Ramón y Cajal, España, 1995 Cátedra Severo Ochoa de Bioloxía, 1996 Premio de Investigación da Comunidade de Madrid, 1998 Medalla do Premio de Investigación Rei Xaime I, Valencia, 1998 Comendador con Placa da Orde de Alfonso X o Sabio, 2005 Premio México de Ciencia e Tecnoloxía, 2006 Premio Nacional de Xenética, Categoría de Xenética Básica, outorgado pola Sociedade Española de Xenética (SEG), 2009 "Premio á Traxectoria" da Sociedade de Bioloxía do Desenvolvemento (SBD), 2012
Presidencias
Presidente de honor da Sociedade Española de Biolosía do Desenvolvemento(SEBD). Presidente do Consello Científico do Centre de Gènetique Molèculaire do CNRS. París (1989-93). Presidente do V International Congress on Cell Biology. Madrid, xullo de 1992. Presidente electo da European Developmental Biology Organization (EDBO), (1999 -..).
Membro de academias
Académico supernumerario Real Academia de Ciencias Exactas, Físicas e Naturais. Medalla N.º 7. España, 1984. Membro estranxeiro da American Academy of Arts and Sciences (Estados Unidos), 1985. Membro estranxeiro da Royal Society of London, 1986. Membro estranxeiro da National Academy of Sciences, Estados Unidos (Washington), 1987. Membro fundador da Academia Europea, 1988. Membro estranxeiro da Real Academia de Ciencias Francesa, 1995. Membro da Pontifical Academy of Science, Cidade do Vaticano, 2003. Membro da European Academy of Sciences (EAS). 2004.
Doutorados honoris causa
Doutor honoris causa pola Academia de Ciencias da URSS. (Moscova), 1990. Doctor honoris causa pola Universidade da Coruña, 1996. Discurso de Investidura: "Alelos o Genes" Doctor honoris causa pola Universidade de Barcelona, 1996. Discurso de Investidura: "Complejidad y Diversidad en el mundo orgánico". Doctor honoris causa pola Universidade de Oviedo, 1997. Discurso de Investidura: "Los cambios de perspectiva en la Biología del desarrollo" Doctor honoris causa pola Universidade de Salamanca, 1998. Discurso de Investidura: "Los dualismos en Biología" Doctor honoris causa pola Universidade Miguel Hernández de Elx, Alacant, 2001. Discurso de Investidura: "Entender en Biología". Doctor honoris causa pola Universidade de Málaga, 2015. Discurso de Investidura: "Determinismo o contingencia en Biología".
Sociedades
Membro electo da European Molecular Biology Organization (EMBO), 1975. Membro electo da International Cell Research Organization (ICRO), 1978. Membro electo do Consello Científico da EMBO, 1988. Membro electo do Human Genome Organization, (Xenebra, Suíza), 1989. Membro honorario da Sociedade Española Interdisciplinar de Criobioloxía. (Oviedo), 1992. Membro honorario da Sociedade Española de Bioloxía Celular. España, 1992. Membro da InterAmerican Medical and Health Association. (USA), 1993. Membro da Asemblea Europea das Ciencias e a Tecnoloxía. Bruxelas, 1994. Membro de honor da Sociedade Española de Xenética. España, 1995. Membro electo do Neuroscience Institute. USA, 2001. Membro honorario da Sociedade Española de Bioloxía Evolutiva, 2005. Membro honorario da Vavilov Society of Russian Geneticists, 2006. Membro do Colexio Libre de Eméritos, 2014.
Consellos nos que participou
Membro vitalicio como Patrono Fundador da Fundación Severo Ochoa (FSO). Conselleiro científico da Fundación CIBA (Londres) (1976-2000). Conselleiro científico estranxeiro do Inst. di Biol. Cellulare (CNRS), Roma, (1978-2025). Conselleiro científico do Ministerio de Educación e Ciencia de Francia, (1989-1925). Patrono da Residencia de Estudantes do CSIC (1990-2025). Membro do Comité Executivo da Fundación Conchita Rábago de Jiménez Díaz. Conselleiro científico do Institute Jacques Monod. Universidad de París, (1991-1993). Conselleiro científico do World Institute of Science (Bélxica, Bruxelas), (1991-2025). Conselleiro científico da Fundación Juan March (1992-1996). Conselleiro científico Asesor do Centro Andaluz de Bioloxía do Desenvolvemento (CABD) (2003-2025).
Leccións maxistrais
Jenkison Lecturer (Universidade de Oxford, U.K), 1981. FEBS Lecturer, 1984. Steinhaus Lecturer (Universidade de California Irvine), 1985. Jesup Lecturer (Columbia University), 1987. Lección "Novoa Santos" da Universidade de Santiago de Compostela (España), 1988. 12th Adriano Buzzati-Traverso Lecture, (Pavia, Italia), 2011.
Obra
García-Bellido, A. (1966). "Pattern reconstruction by dissociated Imaginal Disk cells of Drosophila melanogaster". Developmental Biology, 14: 278-306. (Primeira indicación da especificidade celular e das propiedades de recoñecemento celular individual. Nova perspectiva sobre o desenvolvemento dende a célula á comunidade celular.) García-Bellido, A. e Merriam, J.R. (1969). "Cell lineage of the Imaginal Discs in Drosophila Gynandromorphs". Journal Experimental Zoology., 170: 61-76. (Clásico do "mapa do destino dos blastodermas". Abriu o camiño para identificar focos de acción xénica.) García-Bellido, A. e Merriam, J.R. (1971). "Parameters of the Wing Imaginal Disc Development of Drosophila melanogaster". Developmental Biology., 24: 61-87. (Primeira descrición clonal do desenvolvemento do disco imaxinal e identificación da dinámica proliferativa e as restricións clonais.) García-Bellido, A. e Santamaría, P. (1972). "Developmental analysis of the wing disc in the mutant engrailed of Drosophila melanogaster". Genetics 72: 87-104. (Identificación de Engrailed como un selector de xene homeótico.) García-Bellido, A., Ripoll, P. e Morata, G. (1973). "Developmental compartmentalization of the wing disk of Drosophila". Nature New Biology, 245: 251-253. (Descubrimento de compartimentos no desenvolvemento animal.) García-Bellido, A. (1975). "Genetic control of wing disc development in Drosophila". Cell Patterning. Ciba Foundation Symposium 29, pp. 161-182. Elsevier, Ámsterdam. (Artigo teórico que relaciona as liñaxes celulares cos xenes "activadores", "selectores" e "executores". Postulado das xerarquías de xenes morfoxenéticos.) García-Bellido, A. (1979). "Genetic analysis of the achaete-scute system of Drosophila melanogaster". Genetics, 91:491-520. (Traballo básico para a análise molecular do complexo AS.) Botas, J., Moscoso del Prado, J. e García-Bellido, A. (1982). "Gene-dose titration analysis in the search of trans-regulatory genes in Drosophila". The EMBO Journal, 1: 307-310. (Método para a busca de xenes reguladores: descubrimento do regulador AS-C.)