Franck Ferry Fomeyem Sob, nado en Yaoundé o 17 de outubro de 1999, é un futbolista camerunés que xoga de defensa central no Córdoba, da Segunda División.
Traxectoria Formouse como futbolista na canteira da APEJES Academy da súa Yaoundé natal e debutou co primeiro equipo en 2017. Ese mesmo ano disputou a Copa Confederación da CAF, caendo na primeira rolda ante o Mimosas de Costa do Marfil.
En novembro de 2018 instalouse en España, onde fichou polo Alcoyano, da Segunda División B. Debutou no fútbol español nun partido ante o Olot e no seu segundo encontro xa se fixo coa titularidade, na que permaneceu durante a maior parte do que restaba de tempada. Con todo, a súa progresión viuse cortada por varias lesións musculares, polo que pechou a campaña con 16 partidos disputados, 13 deles saíndo dende o once inicial.
O 8 de setembro de 2019 fichou polo Intercity, da Terceira División, onde foi un habitual nas aliñacións do adestrador José Vicente Lledó. En outubro de 2020 pasou ao Sebastián de los Reyes, no que militou durante tres anos, o primeiro deles na Segunda División B e os dous seguintes na nova Primeira Federación.
En xullo de 2023, tras descender co Sanse na tempada anterior, asinou polo Antequera CF, que viña de ascender a Primeira RFEF. Militou as seguintes dúas campañas na terceira categoría do fútbol español, sendo un dos piares do equipo andaluz, co que sumou 73 partidos oficiais, todos agás dous saíndo dende o inicio.
O 19 de xuño de 2025, o Córdoba anunciou oficialmente a súa fichaxe, despois de meses de negociacións co Antequera.
Notas
Categoría:Nados en 1999 Categoría:Nados en Yaoundé Categoría:Xogadores do CD Alcoyano Categoría:Xogadores do CF Intercity Categoría:Xogadores da UD San Sebastián de los Reyes Categoría:Xogadores do Antequera CF Categoría:Xogadores do Córdoba CF Categoría:Futbolistas do Camerún Categoría:Defensas de fútbol