Manuel Álvarez López, coñecido como Manolo Álvarez, nado na Coruña c. 1889 e finado na mesma cidade o 22 de febreiro de 1951, foi un futbolista galego que xogaba de centrocampista. Foi un dos fundadores do Deportivo da Coruña, no que xogou en dúas etapas, a primeira entre 1906 e 1913 e a segunda entre 1919 e 1920, e foi o segundo capitán da historia do club.
Traxectoria Nacido na Coruña, foi alumno da Sala Calvet e comezou a xogar ao fútbol na praza de touros, xunto a outros mozos como Félix de Paz ou Virgilio Rodríguez. En decembro de 1906 disputou o histórico primeiro partido do Deportivo da Coruña contra o Corunna, formando no centro do campo xunto a Ángel Rodríguez e Ángel Boville (ou Daniel Aler segundo outras fontes). O 9 de xaneiro de 1907 participou na reunión da Sala Calvet na que se fundou oficialmente o Deportivo da Coruña, e foi nomeado axudante do capitán Juan Long.
Militou no club ata 1913, anos nos que disputou diferentes competicións como o Campionato de Galicia e Asturias, a Copa Gabino Bugallal ou a Copa Compostelá. Trala marcha de Juan Long en 1909, converteuse no segundo capitán da historia do club. En 1910 viaxou co equipo a Madrid para o debut do Deportivo na Copa do Rei, e xogou os dous partidos, ante o Español de Madrid e o FC Barcelona, proclamándose subcampión. En setembro de 1912 capitaneou o equipo na conquista do primeiro título da súa historia, o Concurso España, do que se proclamou campión tras derrotar ao Vigo FC no antigo campo de Riazor.
Máis tarde emigrou a Cuba, onde xogou no Deportivo Hispano América da Habana, sendo alcumado "o Gran Capitán". Con este club, no que uns anos despois xogaría tamén o seu irmán Juanito, conquistou o Campionato Cubano en 1915 e 1919. Ese mesmo ano regresou á Coruña e volveu vestir brevemente a camiseta do Deportivo, co que disputou o Campionato de Galicia, logrando facerlle catro goles ao seu máximo rival, o Real Club Coruña. Aínda volveu á Habana, onde xogou nas filas do Fortuna ata 1923. Trala súa retirada como futbolista foi adestrador do Hispano América, onde dirixiu a varios xogadores galegos como Carracha ou Bienvenido. Con este equipo enfrontouse ao Nacional de Montevideo, que contaba entre os seus xogadores con boa parte da selección uruguaia campioa dos Xogos Olímpicos de 1924. Adestrou o Hispano ata decembro de 1927.
Vida persoal Casou o 12 de xullo de 1913 con Antonia Vidal Fernández, coa que tivo un fillo chamado Antonio. A parella divorciouse en 1933, en plena Segunda República. Máis tarde casou con María Duro, coa que foi pai de Luis Manuel e José Manuel. Fóra do fútbol traballou como vixiante de Arbitrios Municipais na Coruña. Faleceu na Coruña en 1951, aos 62 anos de idade.
Palmarés Deportivo da Coruña Concurso España (1): 1912.
Fortuna Campionato Nacional de Cuba (2): 1915, 1919.
Notas
Véxase tamén Bibliografía
Categoría:Nados no século XIX Categoría:Nados na Coruña Categoría:Finados en 1951 Categoría:Futbolistas da Coruña Categoría:Centrocampistas de fútbol Categoría:Xogadores do Deportivo da Coruña Categoría:Xogadores do Fortuna (Cuba)