Johann Tobias Bürg, nado en Viena o 24 de decembro de 1766 e finado en Bad Sankt Leonhard im Lavanttal (Austria) en 1835, foi un astrónomo austríaco que realizou importantes observacións das órbitas da Lúa.Plotner, Tammy. The Night Sky Companion: A Yearly Guide to Sky-Watching 2009, p. 319. Springer Science+Business Media (Nova York), 2009.
Traxectoria
Naceu en Viena o 24 de decembro de 1766. Formouse como astrónomo no Observatorio de Gotha como axudante de Franz Xaver von Zach. No ano 1791 comezou a traballar como profesor de física no gymnasium de Klagenfurt am Wörthersee. Posteriormente ingresou no Observatorio de Viena e en 1817 foi elixido director deste centro tras a morte do seu antecesor no posto, Franz de Paula Triesnecker. Bürg desempeñou este cargo ata o nomeamento de Joseph Johann von Littrow como novo director en 1819.
En 1799, Bürg publicou unha serie de táboas astrónomicas das órbitas da Lúa, baseadas en preto de 3000 observacións, que foron ben recibidas pola comunidade científica debido á súa precisión. Esta publicación valeulle a Bürg a súa admisión na Academia de Ciencias de Francia. En 1819 realizou a primeira observación da compañeira binaria de Antares mediante o estudo dunha ocultación lunar.
Johann Tobias Bürg colaborou con Elisabeth von Matt durante toda a súa carreira científica. Cando a astrónoma morreu en 1814, Bürg escribiu unha carta pública na súa memoria.
Ao longo da súa vida, Bürg recibiu diversas distincións e mencións honoríficas: membro honorario estranxeiro da Academia de Ciencias de Rusia (1801), membro da Academia de Ciencias de Gotinga (1801), membro da Academia de Ciencias de Prusia (1812) e membro da Academia de Artes e Ciencias dos Estados Unidos (1822).
Bürg morreu o 15 de novembro de 1835 no Castelo de Wiesenau, preto de Bad Sankt Leonhard im Lavanttal no estado de Carintia, Austria.
Legado
O cráter lunar Bürg foi nomeado en 1834 por Johann Heinrich von Mädler na honra de Johann Tobias Bürg.
Notas
Véxase tamén Ligazóns externas Aeiou: Johann Tobias Bürg (en alemán) Chris Plicht, "Johann Tobias Bürg" (en inglés) Craters (en francés)
Categoría:Astrónomos de Austria Categoría:Nados en Viena Categoría:Nados en 1766 Categoría:Finados en 1835