O triclosán (Triclosan, ás veces abreviado TCS) é un axente antibacteriano e antifúnxico presente nalgúns produtos de consumo, como algunhas pastas de dentes, xabóns, deterxentes, xoguetes e tramamentos de limpeza cirúrxica. É similar nos seus usos e mecanismo de acción ao triclocarbán. A súa eficacia como axente antimicrobiano, o risco de resistencia antimicrobiana, e o seu posible papel no desenvolvemento de perturbacións hormonais segue sendo controvertido. Cómpre facer investigacións adicionais para comprender os seus posibles efectos sobre a saúde dos organismos e o medio ambiente.
O triclosán desenvolveuse en 1966. Un estudo de 2006 recomendou ducharse cun 2 % de triclosán como réxime a seguir en unidades cirúrxicas para eliminar da pel dos pacientes a bacteria Staphylococcus aureus resistente á meticilina (SARM).
Usos O triclosán utilizouse na roupa de hospital na década de 1970. Antes do cambio no seu estado regulador na Unión Europea e os Estados Unidos, expandírase comercialmente e era un ingrediente común en xabóns (0,10–1,00 %), xampús, desodorizantes, pastas de dentes, colutorios, produtos de limpeza e pesticidas. Tamén formaba parte de produtos de consumo, como utensilios de cociña, xoguetes, roupa de cama, calcetíns e bolsas do lixo.Triclosan na Consumer Product Information Database
O triclosán foi rexistrado como pesticida en 1969. Os pesticidas rexistrados pola EPA dos Estados Unidos teñen que ter un número de rexistro. En 2017, houbo cinco rexistros para o triclosán na EPA.National Pesticide Information Retrieval System. Consultado en http://ppis.ceris.purdue.edu/ , http://ppis.ceris.purdue.edu/chemical2.aspx Actualmente, hai 20 rexistros antimicrobinaos na EPA baixo as regulacións da Lei Federal de Insecticidas, Funxicidas e Rodenticidas (FIFRA). O ingrediente antimicrobiano activo engádese a diversos produtos onde actúa como axente que fai máis lento ou detén o crecemento de bacterias, mildeu e fungos. En usos en equipamentos comerciais, institucionais e industriais, o triclosán incorpórase como antimicrobianos en fitas transportadoras, mangueiras, tinturas de fibras ou equipos para facer xeo. O triclosán pode aplicarse directamente a bobinas de climatización comerciais, onde impide ocrecemento microbiano que contribúe á degradación do produto.
Nos Estados Unidos, en 2000, o triclosán e o triclocarbán (TCC) podían encontrarse no 75 % dos xabóns líquidos e no 29 % das pastillas de xabón, e en 2014 o triclosán utilizábase en máis de 2000 produtos de consumo.
En sanidade, o triclosán úsase en roupas cirúrxicas e xeles desinfectantes de mans. O uso en unidades cirúrxicas é efectiva cun tempo de contacto mínimo de aproximadamente dous minutos. Máis recentemente, empezou a recomendarse un réxime de duchas cun 2 % de triclosán en unidades cirúrxicas para a descolonización de pacientes cuxa pel porta Staphylococcus aureus resistente á meticilina (SARM). Dous pequenos estudos de casos non controlados informaron do uso do triclosán correlacionábase coa redución de infeccións por SARM.
O triclosán tamén se usa nos revestimentos dalgunhas suturas cirúrxicas. Hai boas evidencias de que estas suturas revestidas con triclosán reducen o risco de infección no sitio onde se fai a cirurxía. A Organización Mundial da Saúde, o Colexio Americano de Cirurxiáns e a Sociedade de Infeccións Cirúrxicas sinalan un beneficio de suturas revestidas de triclosán na redución do risco de infección no sitio da cirurxía.
O triclosán empregouse como axente selectivo en clonación molecular. Un hóspede bacteriano transformado por un plásmido que leva un xene mutante do FabI (mFabI) resistente ao triclosán como marcador seleccionable pode crecer en presenza de altas doses de triclosán en medios de crecemento.
Efectividade
En cirurxía, as suturas revestidas con triclosán reducen o risco de infeccións no sitio onde se realiza a cirurxía. Algúns estudos suxiren que os xabóns antimicrobianos para lavar as mans que conteñen triclosán proporcionan unha redución bacteriana lixeiramente maior nas mans que o xabón normal. En 2013, a FDA estadounidense atopou que había un claro beneficio para a saúde nalgúns produtos para o consumidor que contiñan triclosán, pero non noutros; por exemplo a FDA non atopou probas de que o triclosán en xabóns antibacterianos proporcionase algún beneficio comparado con lavar as mans con auga e un xabón normal.
Unha revisión Cochrane de 30 estudos concluíu que as pastas de dentes que contiñan triclosán/copolímero producían un 22 % de redución na placa dental e na inflamación xenxival comparada coas pastas con fluoruro e sen triclosán/copolímero. Había evidencias débiles dunha redución en carie dental, e ningunhas evidencias de redución na periodontite.
Un estudo de pastas de dentes con triclosán non atopou probas de que causasen un incremento en episodios cardíacos adversos graves, como ataques ao corazón.
Un estudo feito por Colgate-Palmolive atopou unha redución significativa na xenxivite, sangrado enxival e placa dental co uso de pastas de dentes que contiñan triclosán. Unha revisión independente do grupo Cochrane suxire que a redución neses tres aspectos é estatisticamente significativa (é improbable que ocorra por casualidade) mais non é clinicamente significativa (é improbable que produza efectos relevantes).
O triclosán úsase en contedores para o almacenamento de alimentos, aínda que este uso está prohibido na Unión Europea desde 2010.
O uso veterinario como produto biocida na Unión Europea está regulado pola Directiva de Produtos Biocidas.
Estrutura química e propiedades
Este composto orgánico é un sólido branco en po cun cheiro fenólico aromático lixeiro. Categorizado como policloro fenoxi fenol, o triclosán é un composto aromático clorado que ten grupos funcionais representativos tanto de éteres coma de fenois. Os fenois a miúdo teñen propiedades antibacterianas. O triclosán é soluble en etanol, metanol, dietil éter, e solucións fortemente básicas como unha solución 1M de hidróxido de sodio, pero só é lixeiramente soluble en auga. O triclosán pode sintetizarse a partir do 2,4-diclorofenol.
Síntese Nun proceso de refluxo, o 2,4,4'-tricloro-2'-metoxidifenil éter trátase con cloruro de aluminio.Commonwealth of Australia. Department of Health and Ageing. National Industrial Chemicals Notification and Assessment Scheme. Priority Existing Chemical Assessment Report No. 30 . National Industrial Chemicals Notification and Assessment Scheme, Jan. 2009. Web. Apr. 2014.
O formulario da Farmacopea dos Estados Unidos publicou unha monografía para o triclosán que establece os seus estándares de pureza.
Mecanismo de acción
A altas concentracións, o triclosán actúa como biocida con moitas dianas no citoplasma e na membrana plasmática. Porén, ás concentracións máis baixas vistas en produtos comerciais, o triclosán compórtase como bacteriostático e actúa sobre as bacterias principalmente inhibindo a síntese de ácidos graxos.
O triclosán únese ao encima bacteriano proteína transportadora de enoíl-acilos redutase (ENR),The WHO Guidelines on Hand Hygiene in Healthcare (Advanced Draft), WHO, 2006, p. 37. "9.9 Triclosan" que está codificada no xene fabI. Esta unión incrementa a afinidade do encima pola nicotín adenín dinucleótido (NAD+). Isto ten como resultado a formación dun complexo ternario estable de ENR-NAD+-triclosán, que é incapaz de participar na síntese de ácidos graxos. Os ácidos graxos son necesarios para a formación e reprodución das membranas celulares. Os vertebrados non teñen un encima ENR e así non son afectados por este modo de acción.
Tamén se informou que o triclosán interacciona coa tubulina e inhibe a súa polimerización.
Perturbador endócrino
O triclosán é un perturbador endócrino débil, aínda que a relevancia disto para os humanos non se sabe con certeza. O composto únese con baixa afinidade ao receptor de andróxenos e ao receptor de estróxenos, nos cales observáronse tanto respostas agonistas coma antagonistas.
Indutor de bomba de efluxo O triclosán pode regular á alza ou inducir bombas de efluxo nas bacterias causando que se fagan resistentes contra algúns outros antibióticos.
Exposición As persoas expóñense ao triclosán por absorción a través da pel cando lavan as mans, se duchan, limpan os dentes, usan colutorios ou cociñan e por inxestión cando o tragan. Cando o triclosán se libera no ambiente, pode producirse unha exposición adicional a este composto ao inxerir plantas cultivadas en solos tratados con lodos de augas residuais, ou comer peixes expostos a el.
Un artigo da Sociedade Americana de Agronomía refírese a un estudo de Mónica Méndez et al., no cal os investigadores regaron plantas con auga que contiña triclosán e meses despois atopárono en todas as partes comestibles das plantas do tomate e cebola. O triclosán mata un amplo espectro de bacterias, e os investigadores estaban preocupados tamén polo seu efecto sobre as bacterias beneficiosas do solo.
Distribución, metabolismo e eliminación Unha vez absorbido, o triclosán metabolízase no corpo humano principalmente por reaccións de conxugación en glicurónido e conxugados sulfato que se excretan nas feces e na urina. Os estudos farmcocinéticos demostran que o triclosán sulfato e glicurónido poden formarse no fígado a velocidades aproximadamente iguais á concentración ambientalmente relevante de 1 a 5 microMolar. Cando as concentracións de triclosán están por debaixo de 1 microMolar, espérase que a sulfonación sexa a principal vía metabólica para a eliminación.
Preocupacións sanitarias
Debido aos potenciais perigos para a saúde, causados pola posibilidade de resistencia antimicrobiana, perturbación endócrina e outros problemas que se mencionan máis abaixo, o Servizo Xeolóxico dos Estados Unidos designou o triclosán como "contaminante de preocupación emerxente (CEC)", o que significa que está en investigación polos riscos para a saúde pública. Os "contaminantes emerxentes" poden definirse, grosso modo, como compostos químicos sintéticos ou naturais ou microorganismos que non se monitorizan normalmente no medio ambiente pero que teñen o potencial de entrar no ambiente e causar efectos ecolóxicos adversos sospeitados ou sobre a saúde humana.United States Geological Survey. Contaminants of Emerging Concern in the Environment. Consultado o 27 de outubro de 2016, en https://toxics.usgs.gov/investigations/cec/index.php Pénsase que o triclosán se acumula nas augas residuais e acaba volvendo á auga potable, propagándose así unha acumulación que podería causar efectos co uso continuo.
Nos Estados Unidos, despois dunha revisión que durou varias décadas dos posibles problemas para a saúde causados por este contaminante de preocupación emerxente, a FDA decidiu o 6 de setembro de 2016 que 19 ingredientes activos, incluíndo o triclosán non son xeralmente recoñecidos como seguros e efectivos (a categoría GRAS/GRAE). (Ver a sección Políticas máis abaixo).
Alerxia O triclosán foi asociado cun alto risco de producir alerxia alimentaria. Isto pode ser porque a exposición ás bacterias reduce a alerxia, como predí a hipótese da hixiene, e non sería causado pola toxicoloxía do propio triclosán. Este efecto pode tamén producirse co gluconato de clorhexidina e cloroxilenol (PCMX), entre outros axentes antibacterianos. Outros estudos ligaron o triclosán coa dermatite de contacto alérxica nalgúns individuos. Adicionalmente, concentracións de triclosán foron asociadas con sensibilización alérxica, especialmente de alérxenos inhalados e estacionais, en lugar de alérxenos alimentarios.
Exposición a subprodutos