Port Hawkesbury (en , en micmac: Walamkwekukaqnejk) é un municipio do Canadá, localizado na illa de Cabo Bretón, na provincia de Nova Escocia. Segundo o censo do Canadá, en 2021 tiña 3.210 habitantes.

Historia Port Hawkesbury é parte de Mi'kma'ki, o territorio tradicional do pobo micmac, localízase na rexión denominada Unama'ki, que abarca a illa de Cabo Bretón. A partir da década de 1600, a vila formou parte da colonia francesa de Île Royale. Os territorios que corresponden a Novo Brunswick e a península de Nova Escocia foron anexados por Gran Bretaña en 1713, pero a illa non foi trasladada ata o ano 1763 co Tratado de París, e absorbida pola provincia de Nova Escocia en 1820.

A vila foi fundada xa baixo control británico, no ano 1789, baixo o nome de Ship Harbour. Renomeouse en 1860 por un conflito de nome cunha vila homónima no condado de Halifax. O nome actual procede do Almirante Edward Hawke, un barón británico con numerosas contribucións durante a Guerra dos Sete Anos, entre elas guiar a frota británica a Halifax.

Incorporouse no ano 1889, un século despois da súa fundación, fundamentalmente coma unha vila de estaleiros e pesca. Ata a construción da calzada de Canso no ano 1955, o porto de Port Hawkesbury conectaba mediante transbordador a illa de Cabo Bretón co resto do Canadá. Na actualidade, Port Hawkesbury é a décimo primeira vila máis poboada das 25 vilas de Nova Escocia. Unha parte significativa da súa poboación traballa na industria, concentrada maioritariamente en Point Tupper, un polígono industrial atopado nos arredores da vila. O municipio é gobernado por Brenda Chisholm-Beaton.

Xeografía Port Hawkesbury atópase na illa de Cabo Bretón. É unha vila portuaria, con acceso estratéxico ao estreito de Canso. A vila non incorporada limítrofe de Port Hastings ten acceso á calzada de Canso, que conecta Cabo Bretón por estrada e ferrocarril con Aulds Cove, na península de Nova Escocia. Tamén hai unha importante conexión marítima, o porto de Port Hawkesbury foi en 2006 o segundo porto máis importante do Canadá por peso de mercadorías. Ao outro lado do estreito atópase a vila incorporada de Mulgrave.

Demografía

Educación

A vila de Port Hawkesbury ten tres centros educativos, Tamarac Education Centre (TEC), centro de educación primaria canadense dos graos 1 a 8, Strait Area Education Recreation Centre (SAERC), centro de educación secundaria dos graos 9 a 12 e un campus da Universidade Comunitaria de Nova Escocia (NSCC) que oferta varios títulos, pero enfocado na área de enxeñaría e fundacións mariñas.

Notas

Categoría:Cidades do Canadá